martes, 26 de abril de 2011

OS SOCIALISTAS E O 1º DE MAIO

Do 14 o 21 de xullo de 1889 celebrouse en París un congreso internacional dos partidos socialistas de 23 países, no que participou Pablo Iglesias en representación dos socialistas españois. Aquel congreso sería logo considerado o Primeiro Congreso da Segunda Internacional, e nel tomáronse importantes resolucións como a de “abolir os exércitos permanentes” e a de “establecer unha lexislación internacional do traballo”.
O Congreso adoptou tamén unha resolución a favor da campaña internacional a prol da xornada de oito horas, xa iniciada pola AFL, en Estados Unidos. A proposta do sindicalista francés Lavigne, decidiuse organizar para o 1º de maio unha grande manifestación internacional a favor da xornada de oito horas. Deste xeito sentáronse as bases da festa socialista internacional do 1º de maio.
En 1890 celébrase por primeira vez o 1º de Maio en España. Pablo Iglesias encabeza a manifestación de Madrid, tendo lugar manifestacións en moitas outras localidades destacando as de Barcelona e Bilbao. En Galicia, e por impulso do mestre de taller ferrolán Francisco Fernández García celébranse manifestacións en Ferrol e na Coruña. Os socialistas ferroláns editan o primeiro número do xornal quincenal “El Obrero. Defensor de la clase obrera”, que dirixe o propio Francisco Fernández.
Dende entón o 1º de maio celebrase de xeito ininterrompido en todo o mundo salvo momentos concretos en cada país. En España celébrase incluso durante a Guerra Civil coa excepción das zonas ocupadas polas tropas de Franco. Trala guerra, a ditadura franquista non se atreve a suprimir a celebración, e converte a festa do 1º de maio nunha xornada de exaltación do réxime, as tradicionais manifestacións e actividades reivindicativas son prohibidas e substituídas por exhibicións ximnásticas, e a igrexa católica instaura ese día a festividade de “San José Obrero”. En paralelo, e aínda en plena ditadura, en ocasións arriscando a propia liberdade a ate a vida, o 1º de maio sería unha xornada de loita e reivindicación tanto dende o exilio como no interior a través das organizacións clandestinas, que pese a durísima represión a ditadura non puido destruír.
Recuperadas as liberdades e a democracia, o 1º de Maio de cada ano serviu de cita puntual e colectiva para denunciar os problemas e expresar as reivindicacións da clase traballadora. Tamén para compartir e expresar a solidariedade coas reivindicacións e as loitas dos traballadores e traballadoras doutros países, e compartir nas rúas o abrazo e o saúdo con vellos compañeiros e camaradas, e cos mozos e mozas que se achegan de novo as organizacións sindicais participando e compartindo as ilusións e anhelos dos que e portadora a xornada internacional do 1º de Maio.
Os sindicatos de clase nunca faltaron a cita. Pero dende hai algúns anos si se botan en falta nas manifestacións obreiras destacados e destacadas dirixentes dos partidos de esquerda, sobre todo do Partido Socialista. Tamén se botan en falta actividades específicas destes partidos con motivo do 1º de maio (conferencias, mesas redondas, declaracións, debates, etc.).
Observase igualmente unha atención cada vez máis escasa por parte dos medios de comunicación, restando importancia o feito da súa celebración, non recordando a súa historia e significado, encirrando diferenzas e enfrontamentos entre os sindicatos, silenciando as súas reivindicacións e denuncias, e recollendo unicamente o detalle chusco ou a simple anécdota pero ignorando a información de fondo, ou non publicando editoriais ou artigos alusivos o 1º de Maio e o que representa.
Os poderes económicos e a dereita política sempre estiveron atentos a procurar baleirar de contido esta efemérides da clase traballadora, propiciando actividades alternativas diferentes as manifestacións (con frecuencia “pontes laborais”, praia, viaxes ..). Este ano por ¿casualidade? o 1º de Maio será tamén, ou quen sabe se principalmente o “Día de la Madre” coa conseguinte abundancia de propaganda comercial alusiva. Engadámoslle a elo os partidos de fútbol de mañá mércores (Real Madrid-Barça), os do sábado 30 de abril, e os do domingo día 1, e teremos un menú informativo no que diluír sen problemas o sentido obreiro, reivindicativo e de loita desta xornada histórica.
Sen embargo hoxe, 121 anos despois daquela primeira celebración, en plena crise económica, con máis de catro millóns e medio de parados, con dereitos históricos ameazados e conseguidos con moito esforzo e sacrificio, cando de xeito xeneralizado se está a converter os servizos públicos en negocios privados, cando ós sindicatos e o dereito a negociación colectiva están sendo obxecto de ataques sen precedentes dende fai moitos anos, manifestarse o 1º de Maio e máis necesario que nunca. Os socialistas de hoxe por pura coherencia debemos ser os primeiros en facelo para non traizoar os nosos principios e a nosa historia.

SUSO MOSQUERA
26 de Abril 2011

1 comentario:

L. de Guereñu Polán dijo...

¡Que poco queda de aquello y de aquel espíritu!