jueves, 8 de junio de 2017

A DIFICIL PERO IMPRESCINDIBLE UNIDADE DA ESQUERDA EN GALIZA

 “A esquerda destácase por exhibir o que Freud chamaba o narcisismo das pequenas diferenzas, polo que
a miúdo arrebata a derrota das fauces da vitoria” (Susan George).

Con demasiada frecuencia a esquerda galega, como lle sucede a española, e
por razóns moitas das veces difíciles de entender, non parece quen de dar un paso
adiante e consolidarse definitivamente como unha sólida, estable e convincente
alternativa de cambio a dereita conservadora. Incluso en situacións tan favorables
como agora mesmo cando cada día que pasa faise mais necesario e urxente un
cambio político en España e en Galiza.

Cando tódalas evidencias confirman, un día si e outro tamén, que tipo de
organización é o Partido Popular (PP). Unha organización delictiva con
numerosísimas tramas corruptas (Gurtel, Pokemon, Andratx, Arena, Barcenas,
CAM, Campeón, Emarsea, Fabra, Nóos, Palma Arena, Punica, Baltar, Cela,
Campeon, Conde Roa, Retablo..), que conta co apoio de xuíces, fiscais, banqueiros,
grandes empresarios e medios de comunicación e opinión para realizar, e logo
intentar ocultar, as súas falcatruadas. Unha organización de cuxa dirección forma
parte o actual Presidente da Xunta de Galiza –Alberto Núñez Feijoo-. Cando todo
isto sucede en Galiza, e en España, a esquerda galega ten a responsabilidade e a
obriga de presentarse diante cidadanía como unha real alternativa de cambio. Unha
alternativa seria, responsable, crible, estable, libre de corrupción e transparente.

Gobernados durante moi longos períodos de tempo por un partido (PP) que é
líder da corrupción en Europa, tal que os poderes xudiciais xa o deberían ter
disolto. Nunha situación social e económica que podemos cualificar de límite –o
estado español converteuse nun dos estados europeos con maiores niveis de
desigualdade, cuns niveis de exclusión social e pobreza sen precedentes-. Neste
marco crítico as clases populares galegas, maioritarias en Galiza, precisamos dunha
esquerda que centrada nos problemas da maioría social presente unha alternativa
de cambio que se gane definitivamente a confianza da maioría social de Galiza.
Unha esquerda, xa que logo, que socialmente sexa maioritaria.

Pero para conseguilo a esquerda galega debe deixar atrás vellos e caducos
dogmas que xa non son válidos nunha economía mundo capitalista que está na fase
da mundialización neoliberal. Debe deixar atrás e superar vellos antagonismos que,
como ten demostrado sobradamente a historia, so favorecen as forzas
conservadoras (PP). Si nalgunha fase histórica a batalla política entre nacionalistas
e non nacionalistas, entre socialdemócratas e comunistas tivo algunha xustificación,
hoxe xa non a ten. Si logo da caída do muro de Berlín, co conseguinte derrube dos
rexímenes de leste de Europa, e o auxe da mundialización neoliberal esas divisións
xa perderan a súa razón de ser. Agora que non so vivimos tempos críticos e de
emerxencia, senón que estamos diante dunha crise sistémica esa división non é
politicamente xustificable.

Por que digan o que digan os gobernos, as clases dominantes e os seus
altofalantes estamos inmersos nunha crise global, nunha crise sistémica cuxas
expresións mais relevantes son a grande corrupción, a crecente desigualdade social
e territorial e o intenso deterioro do medio ambiente. Expresións que teñen causas
políticas –as políticas de austeridade- quen, en Galiza e en España teñen tamén un
actor principal –que non único- que é o partido actualmente gobernante (PP). Un
partido que si goberna a Xunta de Galiza grazas a súa maioría no Parlamento
galego faino dun xeito claramente absolutista, con formas as mais das veces
despóticas e fachendosas debedoras da súa orixe franquista.

Neste contexto a esquerda galega deberalle ser fácil de entender e de asumir
que, se queremos realmente reverter a actual situación, compre sumar forzas para
participar, dende Galiza, no imprescindible e urxente cambio de sistema. Cambio
que so será posible se a esquerda política e social e quen de limar as pequenas


diferenzas e artellar un programa común –aínda que sexa de mínimos-. Un
programa que teña como obxectivo central rematar coa crise sistémica que nos
asolaga para “abrilas grandes alamedas, por onde pase o home libre para construír
unha sociedade mellor”. Un programa que ilusione a cidadanía galega e sexa quen
de mobilizala a prol dun cambio político e social. Unha mobilización que debe contar
co movemento sindical e os distintos movementos sociais que veñen demandando
este cambio.

Un cambio que precisa dos partidos galegos de esquerda (EN MAREA, PSdG-
PSOE e BNG) altura de miras e xenerosidade pero tamén ter claras as prioridades
políticas. Prioridades que, hoxe por hoxe, pasan por desaloxar do gobernos das
institucións políticas galegas (Xunta, Deputacións, Concellos) ao partido mais
corrupto de Europa (PP). Altura de miras para ver que estamos diante dunha crise
sistémica que desborda a capacidade de resistencia e potencialidade política de
cada un dos partidos. Xenerosidade para entender que é preciso tecer alianzas que
a súa vez precisan de amplos acordos pero tamén de cesións mutuas. Algo que
digan o que digan os nomenklaturistas dos partidos, mais interesados polo seu
futuro que polo do país, é posible e viable ademais de necesario.

Velaí a urxencia de que as tres organizacións políticas galegas de esquerdas
(EN MAREA, PSdG-PSOE e BNG) axusten os seus programas e fortalezan as súas
organizacións por que malamente procuraremos esta unidade das esquerdas si, por
caso, non somos quen de estar unidos cada quen na súa propia familia política. O
tempo será testiño e xuíz. A esquerda en Galiza xa dou, tamén, sobradas mostras
da súa crónica capacidade para inmolarse e fagocitarse. Volveremos a caer nos
mesmos erros, camaradas?. Seguiremos mirándonos o embigo e anulándonos
compañeiros de EN MAREA?.

Camaradas vivimos tempos escuros pero tamén perigosos e poida que
decisivos: velaí o ascenso dos partidos fascistas en toda Europa. En Galiza, como
en España, ese espazo está agora ocupado polo Partido Popular (PP). Vivimos
tempos que nos esixen, como sinalaba antes, altura de miras. Altura de miras para
entender que as posibles liortas internas amais de non ter xustificación política non
fan mais que favorecer as dereitas conservadoras. Liortas internas que, por outra
parte, non son entendidas polas clases populares, que dicimos representar, por ser
alleas aos seus problemas reais. Non son entendidas por que ninguén as entende
senón é en clave moi particular –“quítate ti que me quero poñer eu”- algo que non
debera ser propio das forzas de esquerdas.

Por caso, as clases populares galegas poden entender que é o que realmente
move a algúns respectados dirixentes e cadros políticos a tratar de impedir que EN
MAREA remate por consolidarse como a alternativa galega de esquerdas que di
querer ser e que o país precisa?. A critica nas organizacións de esquerda non so é
necesaria senón que imprescindible. Pero debe ser unha crítica con contidos e
alternativas amais de construtiva. Pero eu me pregunto: na critica deses políticos,
tanto a coordinadora de EN MAREA como ao seu portavoz (Luís Villares), cales as
razóns?, de que se lles critica?, en que se fundamentan as súas críticas? E, o mais
importante, que propoñen?. Realmente apostan por que EN MAREA sexa unha
alternativa estratéxica e non so unha opción táctica?.

Por esa evidente falta de claridade tales respectados dirixentes e cadros
deberan lembrar que aquilo que, dun xeito demasiado pomposo, dixo un líder
famoso: “a historia me absolverá” con frecuencia non se compre. Que moitas veces
a historia condena aos políticos que non son quen de estar a altura das
circunstancias e das necesidades do seu pais.

Pois ben, eses cadros e dirixentes non deberan caer no narcisismo das
pequenas diferenzas. Unhas pequenas diferenzas que foran quen de impedir que EN
MAREA se consolide, impedindo con elo que en Galicia se produza o cambio político
que as clases populares e todo o pais precisa urxentemente. Pequenas diferenzas
que nos cheguen a arrebatar a derrota das fauces da vitoria.

 Manoel Barbeitos


No hay comentarios: