Non cabe ningunha dúbida de que os dirixentes tanto do Partido Popular (PP) como da antiga Converxencia e Unió (agora PDeCAT)
 son políticos listos, que non é o mesmo que intelixentes e/ou honestos.
 Tanto antes, co criminal atentado terrorista que tivo en lugar en 
Barcelona, como agora, coa liorta polo referendo en Catalunya, estes políticos profesionais están a dar mostras dunha indiscutible habilidade política -que non intelixencia- para conseguir desviar a atención
 política e mediática sobre os problemas reais dos cidadáns -problemas 
provocados polas súas políticas- para centralos en temas que, sen 
menosprezar a súa relevancia, non están entre as maiores preocupacións 
dos cidadáns e moi especialmente das clases traballadoras.
Así, e contando co apoio dos seus altofalantes -que son maioría- a
 corrupción, o desemprego, a desigualdade, a pobreza, etc. que, como 
mostran todas as enquisas, son as principais preocupacións da
 maioría da poboación tanto en Catalunya, como en Galicia como no 
conxunto de España pasan a un segundo, ou terceiro plano do debate 
político e da información mediática para ser substituídos polas batallas partidarias
 -pois diso se trata- ao redor de referendos, dereitos a decidir, 
independencias que, repito, ocupan entre as preocupacións das clases 
populares un lugar secundario. E aí están as enquisas para confirmalo. 
Resulta curioso observar como dous partidos, cunha idéntica raíz conservadora, que teñen grandes coincidencias tanto na práctica política como na ideoloxía neoliberal son
 capaces de, utilizando todo o seu poder político e institucional e co 
apoio da maioría dos medios de comunicación e opinión, situar no 
primeiro plano de batalla política a súa diferente visión do estado 
español: centralista (PP) fronte a soberanista (PDeCAT) facendo que toda
 a acción política se condicione a esta liorta coma se, por caso, fose o
 asunto máis urxente e grave de Catalunya e de España.
Ambos os partidos (PP e PDeCAT) que lideran esta batalla están entre os partidos máis corruptos de Europa. Ambos os partidos coinciden á hora de practicar a corrupción a gran escala que non só está a sentar no banco dos
 acusados a moitos dos seus máis representativos e conspicuos dirixentes
 -Rajoy, Pujol, Rato, Saavedra...- senón que embarra a política e 
debilita a democracia -unha democracia xa de seu débil e deficitaria- á 
vez que impide unha auténtica e firme recuperación económica. Unha corrupción sistémica
 que, como sinalaba, deixa en evidencia o déficit democrático español, 
debido a que se tivésemos unha auténtica e consolidada democracia non 
cabe ningunha dúbida de que ambos os partidos serían disoltos polas 
autoridades xudiciais e repudiados polas cidadanías de todo o estado 
español, á vez que os seus dirixentes estarían no cárcere. Algo que non 
sucede.
Ambos os dous partidos (PP, PDeCAT) coinciden tamén á hora de 
poñer en práctica políticas neoliberais no económico, conservadoras no 
social e antidemocráticas no político. Así aplicaron e aplican con 
inusitada dureza políticas de axuste fiscal -con fortísimos recortes no gasto público e moi especialmente no gasto público social-, de rebaixa salarial -para o que provocaron un enorme debilitamento do movemento sindical e, por tanto, da resistencia dos traballadores- e de precariedade laboral
 -puxeron en marcha reformas laborais de carácter fortemente 
conservador-. Políticas que levaron a que en Catalunya e en España, como
 sucede en Galicia, se disparasen as desigualdades sociais e 
territoriais -como nunca sucedera- conseguíndose niveis de exclusión e 
pobreza sen precedentes á vez que se producía unha enorme deterioración 
dos servizos públicos e de benestar -atención sanitaria, ensino, 
pensións públicas, atencións aos maiores e a infancia, etc-.
As coincidencias tamén están no campo político. Ambos os dous partidos coinciden tanto nas súas prácticas autoritarias
 -como por caso na defensa da Lei Mordaza e outras- como no seu férreo 
control político e ideolóxico dos medios de comunicación públicos 
-radios e televisións públicas-. Prácticas coas que tentan, entre 
outras, tapar tanto a corrupción sistémica que os consome como as 
consecuencias das súas políticas.
Corrupción política, neoliberalismo económico, control informativo... que provocan un crecente rexeitamento cidadán
 e, por tanto, de perda de apoio. Realmente as razóns de que sigan 
gobernando hai que buscalas entre a incapacidade das respectivas esquerdas para
 poñerse de acordo tanto á hora de presentar un proxecto alternativo 
sólido e convincente como de tomar a iniciativa política para situar no 
primeiro lugar do debate político os problemas que realmente preocupan á
 maioría das poboacións do estado español.
Diante deste descontento popular estes dous partidos (PP e 
PDeCAT), apoiados pola maioría dos medios de comunicación e opinión que 
controlan e financian, foron quen de conseguir situar no primeiro plano 
do debate político a súa distinta visión nacional do estado español. E 
así o referendo, o dereito a decidir... substituíron a corrupción, o 
desemprego, a desigualdade, a deterioración ecolóxica... como elementos 
de debate e confrontación política. Ambos os dous 
partidos coinciden á hora de valorar que a súa supervivencia política 
depende de que isto suceda, de que nos distintos taboleiros e escenarios
 políticos español, catalán, galego... non se fale nin se debata sobre 
os problemas reais dos cidadáns e moi especialmente da maioría deles -as clases populares- senón de problemas identitarios.
Así, dacabalo dun rancio nacionalismo español (PP) e un clasista 
nacionalismo periférico (PDeCAT), ambos os dous partidos conseguiron 
retomar a iniciativa, desviar a atención cidadá sobre 
os seus auténticos problemas pero tamén levar a dinámica política a 
unha confrontación moi perigosa -unha auténtica irresponsabilidade- cuxo
 final resulta imprevisible aínda que non tranquilizante.
Con todo, hai que pensar que a cidadanía galega, catalá e 
española, en xeral ten un gran sentido común e acabará por poñer a cada 
un no seu sitio. O que supoñería por unha banda centrar o debate 
político nos problemas que realmente preocupan á maioría da poboación 
-corrupción, desemprego, desigualdade e exclusión social, deterioración 
ecolóxica...- e pola outra mandar ao vertedoiro da historia os partidos 
corruptos e irresponsables -como por caso o PP e PDeCAT- que parece que 
nos queren levar ao precipicio. 
Un apuntamento final: o que isto escribe é firme partidario do dereito a decidir e dos referendos a condición de que se celebren en condicións de auténtica democracia e liberdade,
 cousa que, por caso, non sucede actualmente en Catalunya nin moito 
menos. Unha responsabilidade que maiormente debemos achacar ao PP 
(Partido Popular) polo seu españolismo inmobilista e reaccionario pero 
da que tamén participa JxSi (Junts Pel Si) polo seu oportunismo e 
irresponsabilidade.
Manoel Barbeitos 
No hay comentarios:
Publicar un comentario