martes, 6 de octubre de 2020

LUIS GÓMEZ LLORENTE. UN REFERENTE DO SOCIALISMO ESPAÑOL.


O 5 de outubro de 2020 cumpríronse 8 anos do pasamento de Luís Gómez Llorente (1939-2012), membro de ASU nos anos 50 (Asociación Socialista Universitaria), militante na clandestinade, condenado a 7 meses de prisión en 1962 por organizar as JJSS, referente en tódolos aspectos relativos a formación e ideoloxía, deputado socialista entre 1977 e 1982, promotor da corrente Izquierda Socialista, inspirador do programa educativo socialista e uxetista ata o seu finamento, estudoso do movemento obreiro e do socialismo. A pesar do seu abandono da política institucional en 1982 por querer seguir sendo consecuente coas súas ideas, mantivo permanentemente a súa actividade intelectual e as súas achegas  ós novos retos que afrontaba o socialismo en todos estes anos.

Luis Gómez Llorente destaca pola súa capacidade de expresión e de argumentación xa na súa etapa estudantil e nas reunións, no exilio, e Congresos realizados en Francia, nos que interveu na defensa constante dun socialismo realmente democrático e de esquerdas, que debía liderar todo o movemento progresista. Con frecuencia as súas teses non foron aceptadas con facilidade polos sectores máis orgánicos do PSOE.

Licenciado en Filosofía e Letras, especialidade de filosofía, Luis destaca en tódalas frontes : o político, como Secretario de Formación entre 1976 e 1979 do PSOE, o educativo, como Vicedecano do Colexio Oficial de Doutores e Licenciados, o sindical como inspirador dunha innovadora concepción educativa, asentada nas liñas mestras das resolucións dos Congresos históricos de FETE-UGT, o institucional, como deputado.

No período da Transición desenvolve unha gran actividade relativa á formación ideolóxica, participando, ademais, en todo tipo de debates. En 1977 é elixido deputado e asume, en dúas lexislaturas unha vicepresidencia do Congreso. Acude con frecuencia á convocatoria de federacións e agrupacións socialistas, institucións políticas e educativas, colaborando moi asiduamente con FETE-UGT.

Luis Gómez Llorente tiña unha concepción do socialismo que se afastaba moito da estrutura que se estaba a impoñer. A dirección do Partido evitaba participar en calquera plataforma política que non fora estritamente o propio partido e tiña un peso excesivo nas decisións, como o demostrou a imposibilidade de conformar unha executiva alternativa no XXVIII Congreso, despois de ter gañado o debate e as resolucións. Consecuentemente coa súa posición e as súas ideas a partir de 1982 a súa actividade centrouse na difusión do seu pensamento entre todos aqueles que o querían escoitar ou ler e demandaban a súa presencia e participación. 

Unha das grandes batallas de Luis foi a de conseguir que no marco das organizacións ás que pertenceu (PSOE e UGT) se conformaran fórmulas que facilitaran a democracia interna e a participación dos seus afiliados. Non foi fácil, pero, finalmente, conseguiu o respecto ás correntes de opinión, a representación destas correntes e das minorías, o voto individual nos congresos, que substituíu ó voto por delegación, de xeito que cada membro da organización puidera manifestar directamente e votar as súas opcións. 

Nos anos 80 acudía, con frecuencia, a Galicia a solicitude das agrupacións ou da Federación de ensino e participaba en conferencias, debates, escolas de verán. Xa no ano 1978 estivera presente no V Congreso Federal  de FETE UGT (II  a partir da reconstitución en España de FETE), celebrado en Santiago de Compostela.

Pouco antes do seu pasamento o puidemos escoitar nun acto en que participou a Fundación Luís Tilve, na Universidade de Alcalá, falando da ética do socialismo.

Para Gómez Llorente a educación debía ser unha clave na transformación da sociedade, unha educación compensadora das desigualdades sociais, participativa e xestionada democraticamente, que apostara pola autonomía dos Centros educativos e pola dignificación  da función dos traballadores do ensino.

A necesidade dunha formación ética non confesional e dunha formación para a democracia fixo de Luis un dos principais impulsores da asignatura de Educación para a Cidadanía co fin de encetar unha educación que partira do coñecemento e valoración dos principios democráticos da convivencia e se asentara nos dereitos e liberdades fundamentales e no respecto á liberdade de conciencia. 

As súas concepcións educativas se plasmaron na LOGSE e na LOE, aínda que el quedara na retagarda, inspirando cada paso, en lugar de encabezar os equipos educativos que plasmaron os cambios na docencia. Así se asesoraron con el  Maravall, Solana, Rubalcaba, José Luis Rodríguez Zapatero e Ángel Gabilondo. Este último intentou levar a cabo o proxecto de consenso, auspiciado por Gómez Llorente, do pacto educativo.

Pero a súa concepción ideolóxica e as súas achegas ó socialismo permanecen na multitude de escritos e publicacións que realizou ó longo da súa vida e que seguen sendo válidos.

Vallan como orientación:

- Aproximación a la historia del socialismo español. EDICUSA, 1972.

- Rosa Luxemburgo y la socialdemocracia alemana. EDICUSA, 1975.

- Los Padres y la escuela (APAS).  PSOE 1981.

- La escuela pública comunitaria. Ed. Laia. Barcelona, 1981.

- Apuntes sobre el movimiento obrero. UGT, 1982.

- Educación Pública. Morata. 2000.

- Educación y ciudadanía. Colectivo Lorenzo Luzuriaga. Madrid, 2000.

- Pablo Iglesias: sus ideas, su compromiso político. Escuela Julián Besteiro. Madrid, 2002.

- La ética socialista del pablismo. Fundación Progreso y Cultura. Madrid, 2008.


Roxelio Pérez Poza.

No hay comentarios: