lunes, 1 de febrero de 2021

HOLOCAUSTO E MEMORIA

O pasado mércores 27 de xaneiro celebrouse o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, unha celebración que non suscita dúbida algunha nin a controversia que xera en España a Memoria Histórica, un concepto aceptado profundamente noutros países como Alemaña, onde as políticas de Memoria están asimiladas e contan co apoio unánime dos grandes partidos democráticos.

Tendemos a ver o Holocausto e a II Guerra Mundial como algo foráneo, como fotogramas de Spielberg ou o videoxogo Call of Duty no caso dos máis mozos. Por iso é tan importante promover medidas lexislativas e recuperar a memoria tamén das nosas vítimas, para que non esquezamos que o exterminio nazi e a segunda contenda mundial, ten moito de española, xa que, si ben a Gran Guerra e o crack do 29 supuxeron a semente da futura conflagración, o conflito español foi o preámbulo dun combate contra os fascismos que asolaron Europa, e así o entenderon moitos republicanos españois que loitaron primeiro na súa terra e logo no exilio, contra as potencias do Eixo que probaran as súas ferramentas de xenocidio fronte ó Estado democrático español.

Os galegos tampouco fomos alleos o holocausto, como pon de manifesto o feito de que morreran en Mathausen uns 200 compatriotas. Un destes galegos foi Abilio Álvarez Bernardo, un xornaleiro, militante de UGT, nado na aldea de Olelas (Entrimo – Ourense) quen, desprazado a Cataluña, se integra en 1937 nas Brigadas Mixtas de Carabineros decidido a defender ó Goberno lexítimo da República. A caída de Cataluña o obriga a exiliarse, xunto a medio millón de españois, camiño de Francia. Alí serían internados en campos de internamento distribuídos polo sur do país ata o estalido da contenda contra o Eixo, en que moitos deles serían enviados á fronte, integrados na Lexión Estranxeira ou en Compañías de Traballadores Estranxeiros. Abilio o faría na 39ª Compagnie de travailleurs étrangers. A maior parte deles, que estaban na vangarda, foron capturados polo exército alemán durante a invasión de Francia. A Abilio o apresaron en Delle (preto da fronteira con Suíza), no verán de 1940. Xunto a outros paisanos foi enviado ó Frontstalag 140, en Belfort, que eran campos de presos no territorio ocupado polos nazis. Alí estivo dende xullo de 1940 ata o 13 de xaneiro de 1941, en que foi trasladado ó Stalag XVII-A, en Kaisersteinbruch (Austria), e posteriormente o Stalag XI-B, un campo de concentración para prisioneiros de guerra localizado en Bad Fallingbostel (Baja Sajonia – Alemania), onde lle outorgaron o número 86466 (que era unha das formas de deshumanizar ós presos). O 25 de xaneiro de 1941 foi deportado ó Campo de Concentración de Mauthausen (Austria), coñecido como o campo dos españois, polo gran número deles (máis de 7.000), onde chegaría o 27 de xaneiro, dándoselle o número 5404. Alí formaría parte do continxente de concidadáns obrigados a levar na roupa un triángulo azul (de apátridas, xa que Franco, ó igual que algún dirixente político actual, se cría cun poder especial para outorgar carnés de bos patriotas e non os recoñeceu como cidadáns españois) cunha S de “Spanier” no centro.

En Mauthausen os españois traballaban ata a súa morte por extenuación na canteira de granito, e cando un coterráneo falecía gardaban un minuto de silencio, ante a inaudita mirada dos seus verdugos. A mediados de 1941 os republicanos xa tiñan unha organización clandestina no interior do campo, para conseguir medicinas ou redistribuír os alimentos entre os máis necesitados. Algúns dos sobreviventes doutros países falaban da fe irredutible dos españois na vitoria contra o fascismo, e o achacaban ó feito de que levaban loitando contra o Eixo dende 1936. Como escribiu Mario Benedetti, Quen o diría, os débiles nunca se rinden
    
Un ano despois, o 30 de xaneiro de 1942, Abilio sería levado a Hartheim (Austria), un campo de exterminio onde se asasinaron e gasearon a máis de 500 españois procedentes de Mauthausen-Gusen. Alí perdería a vida con só 25 anos, o 2 de febreiro de 1942.

Ao redor de 35.000 españois participaron na Guerra Mundial xunto ós aliados; un deses exemplos foi a Nove, a primeira compañía que entrou en París para liberala dos nazis, integrada case na súa totalidade por soldados republicanos. Preto de 10.000 acabaron nos campos de concentración alemáns, dous terzos non sobreviviron. O Franquismo quixo ensinarnos que aquelo do que non se fala non existe, por elo é a obriga das novas xeracións non quedar calados, recuperar a nosa memoria, como os republicanos de Mauthausen gardaron probas do holocausto que verificaran o que alí pasou. “Unha vitoria máis” contan que dicían cada vez que subían os 186 chanzos da canteira. Iso supón para a liberdade e a tolerancia cada novo paso nas políticas de Memoria e de fomento dos valores democráticos,  unha vitoria máis.

Guillerme Pérez Agulla

No hay comentarios: