miércoles, 23 de febrero de 2022

LEMBRANZAS DUN 23 F

Ser libre non é só desfacerse das cadeas de un, senon vivir dunha forma que respecte e mellore a liberdade dos demái
s (Nelson Mandela)

Tiña entonces 37 anos e facía pouco máis de seis meses que fora elixido Secretario Xeral da UGT de Galicia, concretamente no II Congreso celebrado en Ferrol do 15 ó 17 de agosto de 1980. No PSdeG o Secretario Xeral era Paco Vázquez, tamén recén elixido no Congreso celebrado en Vigo ese verán. O día a día na sede do Partido o xestionaba por entón José Nogueira, como adxunto á Secretaría de Organización, e home de confianza da Dirección socialista.

A sede galega de ambas organizacións (UGT e PSdeG) estaba ubicada en Santiago, na mesma entreplanta do número 22 da Avda. Romero Donallo. Fronte a fronte. Nas horas de oficina as portas de entrada das dúas sedes permanecían abertas de maneira que a comunicación era permanente.

Dende facía meses, o ambiente político era tenso e de crise. Aquel día 23 de febreiro de 1981 se celebraba en Madrid un pleno do Congreso dos Deputados para investir como novo Presidente do Goberno a Leopoldo Calvo Sotelo, en substitución de Adolfo Suárez. Alí estaban os deputados galegos (Paco Vázquez, Isidoro Gracia, José Luis Rodríguez Pardo, Antonio Rodríguez...), por iso, na sede estaban atentos á radio para seguir a incidencias e escoitar as intervencións dos oradores.

Foi Pepe Nogueira quen a media tarde nos comunicou que se acababa de producir un asalto ó Congreso. Dende entón, tamén na UGT acendemos a radio que xa non se apagaría naquela xornada. Estupor e inquietude foi o que sentimos, aínda que sabiamos que un sector poderoso da dereita viña opoñéndose fortemente ós cambios. A preocupación xiraba entorno a saber se o golpe se consolidaba ou non. Desazón e angustia que iría en aumento a medida que pasaba o tempo, chegaban noticias contraditorias, e o Congreso continuaba secuestrado.

Na UGT dimos orden a cada un dos organismos para que sacasen das sedes e trasladasen a un lugar seguro os ficheiros, libros de actas, listados de direccións e teléfonos, e calquera outra información semellante que puidera ser utilizada contras os compañeiros e compañeiras. Comprobamos que en case tódalas partes xa se fixera. No Partido sucedeu máis ou menos o mesmo.

Sobre as 8 da tarde ambas sedes quedaron baleiras. Na do Partido quedouse unicamente Pepe Nogueira e na de UGT eu. Ambos pendentes da radio e dos teléfonos. A esa hora dous furgóns da policía Nacional, dos conocidos como "leiteiras", situáronse na beirarrúa de enfronte da sede. Nunca chegamos a saber se estaban alí para protexernos, vixiarnos ou para outra cousa. Tampouco se dirixiron a nós en ningún momento. Decidimos manter as portas abertas e as luces acesas, dispostos a seguir así toda a noite con obxecto de atender calqueira continxencia imprevista que se puidese producir. Chamei a casa, falei con Virocha, a miña muller, para saber que estaban ben ela e os nenos, e decirlle que chegaría tarde. Pouco despois chamei tamén a miña nai para tranquilizala.

Moi pronto, a rúa quedou deserta. O bar de abaixo, o que íamos a tomar café e a realizar algunhas chamadas de teléfono, pechou sobre as 12 horas, como soía facelo. Supuñamos que os teléfonos das sedes estaban "pinchados", polo que utilizábamos o do bar (de fichas) para determinadas chamadas (por entón non había teléfonos móbiles). Pouco despois de medianoite, chegou á sede un rapaz duns 20 anos, que dixo ser da CNT e que "viña para colocarse ás nosas órdenes", non o coñecíamos e nos sorprendeu moito. Dixémoslle que non era necesario, que se fose á súa casa, que estivese tranquilo, pois todo se arranxaría pronto. Foise e nunca máis volvín a velo nin a saber nada del. Xa de madrugada chegou a intervención do Rey en televisión, que nós escoitamos pola radio. Tranquilizounos, porque defendía o orden constitucional e condenaba o golpe, polo que percibimos que este fracasara.

As "leiteiras" e a policía Nacional, seguían no mesmo sitio. Pasado un tempo, decidimos regresar á Coruña. Fixémolo pola autopista, no coche de Pepe. Polo camiño seguimos pendentes da radio. Ó chegar dirixímonos á Cafetería Ideal, próxima á Praza de Catro Camiños (hoxe pechada). Moi preto, na rúa Concepción Arenal, tiña entón La Voz de Galicia os talleres e a redacción, onde traballaba como xornalista o noso compañeiro Diego Martínez Purriños, membro da Executiva galega de UGT, como Secretario de Comunicación. O chamamos por teléfono e baixou a tomar un café con nós e contarnos as últimas novedades, confirmándonos que efectivamente o golpe podíase dar por fracasado. Sobre as tres da madrugada fómonos para casa. 

O día 24, como era habitual, tomei o tren das oito da mañá, para volver á sede do sindicato, en Santiago. Todo en orden, a actividade reanudouse con normalidade. Iniciei de novo chamadas de teléfono ós secretarios xerais e responsables dos diversos organismos do sindicato en Galicia. Algúns pasaran a noite en Portugal. Bastantes anos despois, supen que moitos deles eran familiares de socialistas asasinados e represaliados no ano 1936.

Uns días despois, Diego Martínez Purriños comunicoume que os seus superiores no xornal aconselláranlle que deixase o cargo que desempeñaba na Executiva da UGT. O valoramos e chegamos á conclusión de que era mellor para el que o deixase, pero non deixou nunca de colaborar co sindicato. 

Jesús Mosquera Sueiro

N. del E.: Texto de Suso Mosquera (01/10/1943 - 13/02/2018), Secretario Xeral de UGT-Galicia (1980-2005), conservado na Fundación Luís Tilve e que hoxe recuperamos en lembranza de todos aqueles que o fixeron posible, pese ós riscos e o medo, as torturas e as detencións, nun tempo en que a política non era un xogo nin unha profesión, senón unha necesidade que podía levarte á cadea... e aínda así valía a pena.  

 

No hay comentarios: