miércoles, 10 de septiembre de 2008

O INCENDIO DO GORXAL. QUE NON.

Que non, que no incendio de “O Gorxal” o máis importante non son os postos de traballo, por moi importantes que estes sexan e o moi politicamente correcto que soe o seu defensa, que o máis importante é o incumprimento da lei e as consecuencias dese incumprimento. Que nin un euro para os mal chamados empresarios, incumplidores de canta norma existe con tal de gañar diñeiro. Haberá que dar todo o apoio posible aos traballadores afectados, pero a quen non só puxo en risco o medio de vida dos seus traballadores, senón ata a súa vida mesma, ademais das vidas e propiedades dos seus veciños, a xustiza “a pelo”. Que exemplo dá unha administración que pasa por alto as normas que está obrigada a facer cumprir? Que calidade de traballo defende un sindicato, que defende que quen son responsables deste desaguisado poden volver dar emprego coa súa axuda e diñeiro público? Xa sei que moitos polígonos industriais da contorna de Vigo están en situación similar á nave destruída, pero precisamente por iso é necesario acabar coa ilegalidade, para poder garantir vidas e facendas, ademais de salarios dignos e traballo sen riscos innecesarios. A tramitación de licenzas, os permisos administrativos, esixen verificar que a seguridade estrutural, os medios contra incendios, as medidas de prevención, etc., son as exixibles, tamén identificar aos responsables que establece a Lei de Industria, para poder pedir contas cando se descoida e aforra no imprescindible e necesario. Cal sería o discurso se houbese victimas? Pois ben, manter ese mesmo discurso agora evitará victimas futuras. Non se pode confundir a figura do empresario emprendedor coa do competidor desleal, de quen exerce a súa actividade desde a legalidade co oportunista. O legal merece axudas municipais, autonómicas e toda canta axuda exista. Ao explotador de traballo alleo, ao tramposo coa lei que aforra en trámites aumentando riscos alleos: o Código Civil e o Penal se vén ao caso. Un recordatorio a Concello e Xunta: foron elixidos par facer cumprir as normas ou modificalas para todos. Setembro de 2008
Fdo: Isidoro Gracia

No hay comentarios: