miércoles, 4 de enero de 2012

Carta dunha empregada pública ós Reis Magos

Queridos Reis Magos:


Fai tempo que non vos escribo e xa non me acordo moi ben como o facía nos tempos da infancia. Pero o que si recordo é que erades máxicos, que depositando toda a miña ilusión na redacción da carta que vos escribía todos os anos conseguía que todos os meus desexos se cumpriran. Así conseguín a bici, os libros, os xoguetes… Agora pasaron os anos e cheguei a unha conclusión: as cousas máis difíciles de conseguir son as que non se compran con cartos. Como ben saberedes, estamos nun momento de crise como non se cansan de dicir aqueles que en boa medida foron os responsables de que chegáramos a esta situación. E, quizás me quede algún resto da famosa inocencia infantil e ocorréronseme varias preguntas: a crise é a culpable de todo? Non hai decisións que son só responsabilidade de quen nos goberna? Algúns non estarán aproveitando a circunstancia económica para destruír cousas que construímos entre todos? Non haberá medo de que a xente esixa unha vez por todas responsabilidades? Non debemos seguir apostando por aquelas cousas que nos fan crecer como sociedade? Xa sei que a vosa maxia non consiste en dar respostas senón en facer cumprir os nosos desexos, así que aí vai una lista cos meus:
- Desexo que a nosa lingua non volva a quedar no recanto do esquecemento. Quero uns gobernantes que continúen a darlle o respaldo institucional que se merece para que dunha vez por todas o galego sexa a nosa lingua, para que sobreviva na rúa, nos mercados, nas institucións públicas, nos hospitais, nas escolas… para que se fale sen complexos, para que os nosos fillos non entendan aquilo que lle poderíamos contar sobre a diglosia, sobre a vergoña, sobre as linguas de primeira e as de segunda.

- Tamén desexo que a cultura non quede en mans duns poucos. Quero que a clase política se de conta de que non só son xestores económicos, que teñen a responsabilidade de deixar crecer á xente, de achegarlle a nosa tradición cultural, que teñen a obriga de crear espazos onde os cidadáns poidan atopar a maneira de expresar as súas inquedanzas intelectuais e artísticas. Queremos seguir a ter bibliotecas públicas, lugares de encontro, de cultura, de información e de ocio, queremos que siga aberto a calquera persoa.

- Gustaríame que Galicia siga a contar cos seus propios medios de comunicación. Gustaríame que os políticos non intenten calar as voces máis próximas, que non tiveran medo de que os nosos veciños teñan un lugar onde escoitar que sucede no noso entorno máis próximo.

- Tamén desexo que non se abandonen os nosos montes, que poidamos seguir a presumir da nosa riqueza natural, que non se deixe que o lixo sexa o protagonista da nosa Natureza.

- E por último desexo que se respecte o traballo da xente, que se tome conciencia da importancia dos servizos públicos, que non se politice aos seus traballadores e que se valore o esforzo que moitos fan para que os cidadáns conten cuns servizos de calidade, cuns servizos que construímos todos e que non se substitúan aos seus traballadores por empresas privadas que, por definición, só buscan rendemento económico. Somos moitos os empregados públicos que pensamos que a nosa labor é servir á cidadanía e que temos como proxecto construír unha cidadanía formada, libre e crítica.

Bibiana Calvo Ares

1 comentario:

FUNDACIÓN LUÍS TILVE dijo...

Creo que por ter sido mala os reis magos non te van traer os agasallos que pides... cousas de D. Mariano e de D. Alberto.