martes, 24 de julio de 2012

¿Desmantelar a función pública?

Como función pública se viña entendendo o conxunto da Administración pública, a actividade dos funcionarios públicos ou a actividade que realiza o Estado.

Ata agora parecía que o sentido e o papel da función pública estaba perfectamente claro e tamén que os traballadores que desenvolvían as súas tarefas na Administración enmarcaban o seu labor profesional na Constitución, na lexislación propia da función pública e, no seu caso, no Estatuto dos Traballadores, na lexislación laboral e nos seus convenios colectivos.

Ó longo destes anos foi unha especial preocupación dos Gobernos a racionalización da estruturas da función pública, así como a creación dun status que incentivara o labor dos traballadores públicos, creando unha carreira profesional e dando paso os sistemas de promoción negociados cos traballadores.

A sensibilidade ó respecto dos responsables da función pública foi motivo da homoxeneización de dereitos e deberes do sector funcionarial e laboral da Administración, proceso que se ía reflectindo tamén no resto da lexislación laboral e de conciliación da vida familiar e laboral para o resto dos traballadores e nos propios convenios colectivos das empresas.

No momento en que se produce a alarma en relación á crise económica, os Gobernos, rompendo coa política de respecto seguida por tódalas Administracións dende a transición, recorren rapidamente ás nóminas dos traballadores públicos, como fórmula máis fácil, alegando a súa situación de privilexio polo simple feito de ter traballo. Deste xeito fixéronse importantes reducións salariais e se modificou en tres puntos a táboa do IRPF, o que dou lugar a novas reducións. A resposta dos traballadores non se fixo esperar, pero nela primou a moderación.

Despois de afirmar unha e outra vez que non se faría, o Presidente do Goberno sorprendeu ós traballadores da función pública, no inicio das súas vacacións, coa supresión da paga de Nadal, pero non contento con iso afirmou que había que reestruturar a función pública, o que suporá e está supoñendo despidos e anulación das conquistas dos traballadores da función pública ó longo de todos estes anos. Non se trata esta vez dunha redución salarial, senón da imposición dunha filosofía, cuxa base está na consideración do traballo como “privilexio”  e non como dereito.

A resposta esta vez era previsible, no só diante do engano, senón do ataque ós dereitos profesionais dos traballadores. O que están a percibir os traballadores da función pública é que baixo o disfraz das medidas “necesarias” se oculta outra realidade que é a concepción neoliberal da función pública que ten por obxectivo o seu desmantelamento, no marco da política do Goberno actual: adelgazar o Estado e as Administracións, así como todo o público, para facilitar a liberalización e privatización de organismos públicos e empresas. De aí a campaña de desprestixio da propia función pública.

A macabra ironía é que se está empregando o argumento da igualación, que para este Goberno parece significar precarizar todos os empregos. Se mediante a reforma laboral se desarticulou a negociación colectiva e se facilitou o despido, o afán igualatorio conduce a obviar a negociación colectiva tamén na función pública, acabar, por decreto, cos dereitos, froito desa negociación, e proceder a despedir ós traballadores do mesmo xeito que o están a facer os empresarios no ámbito privado.

Despunta así, aproveitando a crise, o máis rancio das filosofías neoliberais duns gobernantes que, a estas alturas da democracia, dan as costas a todo o proceso de articulación en España dun sistema político avanzado. ¿Quere o Goberno facernos crer que todo foi unha ilusión ou pensa que os cidadáns poden vivir no mesmo limbo que el?


Roxelio Pérez Poza

No hay comentarios: