jueves, 19 de julio de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (I)


As políticas de axuste como as que agora están impoñendo os gobernos dos países europeos periféricos –GIPS: Grecia, Irlanda, Portugal e España- teñen un longo percorrido: veñen aplicándose dende fai mais de vinte anos cando estoupara a crise da débeda externa mexicana. Son todas iguales –a mesma receita- e contaron sempre con o mesmo director e recadador: o Fondo Monetario Internacional (FMI) ao que en Europa se suman agora o Banco Central Europeo (BCE) e a Comisión Europea (CE).
Pertencen ao ideario neoliberal de estabilidade económica e axuste estructural e teñen como obxectivo central liberar ingresos públicos para pagar “os servicios” da débeda –cotas e xuros-. Son por tanto un mecanismo moi eficaz de transferencia de recursos dos países debedores aos países acredores e mais en concreto aos intermediarios financeiros (bancos, fondos de pensións, aseguradoras...).
O fundamento macroeconómico destas políticas está en que os países que importan mais que exportan teñen necesidade de “axuda financeira”, de préstamos para comprar. Necesidade que, como no caso de España, Portugal e Grecia vese acentuada pola débil balanza fiscal –neses países os “ricos” apeas pagan impostos polo que teñen unha presión fiscal moi baixa-. Nesta situación eses países acoden ao mercados financeiros na procura de financiamento caendo entón en mans dos axentes financeiros especuladores. Axentes que, co apoio dos organismos internacionais citados –a troica: FMI, BCE e CE- impoñen como condición para os préstamos a execución de duros programas de axuste. Cando un país non ten outros mecanismos de financiamento que os prestamos internacionais vese moi limitado para rexeitar esas políticas xa que en caso de facelo terá enormes dificultades para obter novos préstamos.
Unhas políticas que esixen, en primeiro lugar, austeridade orzamentaria que afecta a tódalas categorías de gastos públicos pero maiormente aos relacionados con as funcións públicas de benestar social. O obxectivo con esta medida resulta obvio: liberar ingresos públicos para o pago do servicio da débeda. Unha austeridade que, case sempre, empeza pola reforma das pensións para así impulsar os sistemas de aforro, os fondos de pensións.
Imponse tamén a desregulación, flexibilización e liberalización do mercado laboral con especial fincapé na eliminación da negociación colectiva e na flexibilización das relacións laborais –ámbalas dúas permitiran unha diminución dos salarios reais e, xa que logo, un incremento dos beneficios empresariais- pero para o que e preciso a eliminación dos “privilexios” dos sindicatos, o seu debilitamento.
Normalmente estas medidas van acompañadas dunha alza nos prezos dos carburantes e os servicios públicos que buscan por vía indirecta un aumento dos ingresos públicos.
Introdúcense reformas fiscais que afectan fundamentalmente a imposición indirecta e mais en concreto ao IVE –pois permite “unha mellor distribución dos recursos económicos”- pero apeas roza a imposición directa –IRPF- sobre as rendas altas xa que esto “xeraría distorsións custosas na distribución de recursos e incitaría ao fraude fiscal”.
Outra medida estrela do axuste é a liberalización do sistema bancario que busca tanto a privatización da banca pública e semipública –caixas de aforro españolas, p.e.- como a desregulación da banca comercial con o que se consegue a “desestabilización” do sistema bancario nacional. Imponse tamén a privatización das empresas públicas –co gallo de facilitar o libre movemento de capitais- que así pasan mais facilmente á mans do capital internacional.
Os efectos de estas políticas de axuste son tanto políticos como económicos e sociais. A nivel político supoñen que os países que as aplican perden toda ou parte da súa soberanía política –como se está vendo no GIPS- e o control das políticas fiscal e monetaria que pasa a mans dos organismos internacionais –como é caso da troica- e os países do centro –Alemana-. A nivel económico impiden diminuír o prezo da débeda polo que incrementan o endebedamento e levan ao país a unha recesión xeral que provoca un incremento exponencial do desemprego e un empobrecemento masivo da poboación por unha diminución dos ingresos reais. E a nivel social un desmantelamento do estado de benestar social con efectos exclusivos na educación e na saúde especialmente nos cidadáns de rendas mais baixas.
Velaí o panorama español se non somos quen de poñerlle freo a esta desmesura.

Manoel Barbeitos Alcántara

1 comentario:

L. de Guereñu Polán dijo...

Pero se cando goberna a esquerda non se producen cambios cualitativos entón estamos aviados. Sei que non depende só da contade dun partido ou dun país, pero a esquerda europea non está á altura das esixencias, tampoco a sociedade se moviliza como debera, agás uns poucos colectivos. Un gran esforzo de renovación tense que dar na esquerda polo menos a nivel europeo, pero para iso é necesario prescindir de moitos cadros que son incapaces de comprender a situación que vive o mundo ou entenden que a política é outra cousa do que eu creo.