lunes, 30 de julio de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (II)

      As políticas de axuste NUNCA, NUNCA impulsaron o crecemento económico e a creación de emprego aló onde se aplicaron.

I é que eses non son os seus obxectivos. O seu obxectivo central e único e liberar recursos fiscais dos países endebedados (xeralmente periféricos) para transferilos aos países acredores (maiormente do centro). En termos sociais, quitarlles recursos as clases de rendas medias e baixas dos países periféricos para transferilos as clases de rendas altas (maiormente intermediarios financeiros, pero tamén grandes oligopolios...) tanto dos países centrais como dos propios países periféricos.

Un dato para confirmar o que digo: os países periféricos tiñan no ano 1980 unha débeda externa avaliada en 530 mil millóns de dólares. Vinte anos despois, e logo de aplicar durísimas políticas de axustes, a débeda ascendía a 2.100 mil millóns de dólares a pesares de teren pagado xuros por un importe superior ao valor inicial da débeda.

Pero repasemos algúns casos paradigmáticos de países aos que se lles aplicaron duras políticas de axustes: Arxentina, os chamados tigres asiáticos e Rusia.

Arxentina a mediados dos anos setenta, baixo a dictadura militar tiña unha débeda externa por valor de 8.000 millóns de dólares. Vinte a cinco anos despois aquela ascendía a 160.000 millóns de dólares a pesares de teren pagado en xuros e cotas mais de 200.000 millóns de dólares (!!!). Nese intervalo tanto a dictadura militar asasina como os gobernos Alfonsín e Menem, con o apoio do FMI e o BM, impuxeran durísimas políticas de axuste que tiveron terribles efectos sociais e económicos: o pais desangrouse, os salarios caeron terriblemente, o desemprego chegou a seren altísimo, os servicios públicos a estar nunha situación lamentable, a pobreza estenderse a sectores cada vez mais amplos da poboación. Baleiráronse as caixas do Estado, unha parte moi importante do aparato productivo quedou abandonado e o patrimonio público liquidado (YPF, AA....: os Boeing 707 de AA foron vendidos a Iberia por 1 dólar cada quen). Unha paisaxe terrible. O tempo a suma de capitais que fuxían ao estranxeiro superaba ao monto global da débeda: mais 38.000 millóns de dólares so entre os anos 1978 e 1981. Unha enorme sangría.

Baixo as políticas de axuste fixadas polo FMI e o BM os chamados tigres asiáticos (Tailandia, Corea, Indonesia e Filipinas) “modelos a seguir polos países do terceiro mundo”, segundo aqueles, quedaron somerxidos nunha profunda recesión (con caídas anuais do PIB superiores ao 10%), o desemprego disparouse (por mor dos despidos masivos) deixando un saldo superior aos 23 millóns de desempregados e os salarios reais dos traballadores caeron (hasta un 25%), recortáronse drasticamente os gastos sociais, incrementouse  enormemente o número de persoas pobres, privatizouse aceleradamente o patrimonio público, déronse graves retrocesos en educación e sanidade, unha expansión da prostitución feminina, serios reveses nos programas de loita contra o SIDA, a especulación financeira disparouse, a débeda pública multiplicouse (ao asumir os estados as débedas das empresas privadas) e os pagos superaron os 9.000 millóns de dólares anuais.

En Rusia as políticas de axuste dictadas baixo o goberno de Yeltsin, pero dirixidas polo FMI, provocaron un empobrecemento xeral e unha caída da producción tal que “para a maioría dos que viviran na antiga URSS a vida económica baixo o capitalismo foi incluso peor do advertido polos vellos comunistas (...) a clase media foi arrasada creándose un capitalismo de amiguetes e mafias”. As medidas adoptadas afogaron o crecemento económico polo estancamento da producción e o consumo de xeito tal que a finais dos anos 90 o PIB ruso –que caera ano tras ano: un 54% na década dos noventa- estaba a niveis inferiores aos do inicio da transición. Disparouse a fuga de capitais ao estranxeiro, os prezos ao consumo medraron cen veces cada ano, os salarios reais reducíronse en mais dun 80% e os aforros de toda a vida desapareceron producíndose un empobrecemento masivo da poboación rusa. A producción industrial caeu ano a ano: “a devastación, en termos do PIB, foi maior que a sufrida por Rusia na segunda guerra mundial. Se no período 1940-46 a producción industrial da Unión Soviética caera un 24%, no período 1990-99 caeu preto dun 60%. O patrimonio público –con valores superiores ao billón de dólares- foi repartido entre os amiguetes de Yeltsin que, ao tempo, impulsaron unha intensa fuga de capitais quen facilitaron que se disparase a débeda pública de tal xeito que o estado ruso viuse obrigado a declarala suspensión de pagos (1998). As consecuencias sociais foron tremendas: Rusia descendeu 48 lugares na clasificación mundial de esperanza de vida chegando a seren unha das mais baixas de Europa, disparouse a pobreza –se en 1989 apeas o 2% dos rusos estaba na pobreza a finais de 1998 a porcentaxe era do 24%-, produciuse o esborrallamento da ciencia, a educación, a sanidade e a saúde –a tuberculose e a difteria expandíronse con rapidez, disparouse o alcoholismo-, multiplicáronse os suicidios...

Estes foron, a grandes trazos, os efectos económicos e sociais das políticas de axuste aplicadas neses países. Unhas medidas que gardan moitas similitudes con as políticas de axuste fiscal que na actualidade están aplicando –agora baixo a batuta da chamada troica: FMI, BCE e CE- os gobernos dos países europeos periféricos –Grecia, Portugal, Irlanda e España-. Por todo elo non debera estrañar a ninguén que os efectos económicos e sociais chegaran a seren moi parecidos.

Velaí o interese de lembrar que pasou naqueles países para que ninguén se leve sorpresas.

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: