sábado, 24 de noviembre de 2012

A CRISE DA SOCIALDEMOCRACIA (II)


 
A caída do muro de Berlín (1989) tivo uns efectos “colaterais” tales que afectou a propia socialdemocracia europea chegando a poñer en cuestión moitos dos seus argumentos políticos e –incluso- ideolóxicos.

Coa caída do muro de Berlín e a subseguinte desfeita –por un derrube absoluto- dos réximes chamados socialistas de Europa do Leste o que quedaba do movemento comunista europeo (Italia, España, Portugal Grecia, Francia....) entrou nunha crise terminal. A confirmación definitiva de que estes réximes que se autoproclamaban socialistas eran auténticas dictaduras que non so mantiñan réximes corruptos e ineficaces senón tamén que “a superioridade do sistema comunista” non era tal senón que o sistema productivo e económico en que se sustentaban era ineficaz, obsoleto e nada competitivo deixou sen argumentos cribles ao movemento comunista europeo.

Pero tamén sucedeu algo inesperado para moitos: non foi so o movemento comunista europeo o que entrou en crise, unha crise terminal como dixen antes, senón que a propia socialdemocracia veuse afectada.

A práctica desaparición dos partidos comunistas aló onde aínda se mantiñan –Grecia, España, Portugal, Italia, Francia...- deixaba o campo da esquerda aberto a socialdemocracia europea que agora aparecía, por primeira vez en décadas, como a única alternativa dende a esquerda aos gobernos liberais e conservadores. Pero.....esa socialdemocracia nunha conxuntura tan favorable para os seus intereses partidarios mostrase con unhas enormes carencias como alternativa de esquerdas.

  Esta socialdemocracia falta de competidores a súa esquerda –que a obrigaban a un pulso permanente e continuado-, que tamén lle alimentaban ideoloxicamente –o anticomunismo- non so se mostra incapaz de recoller a toda ou a maioría do electorado de esquerdas senón que se desliza cara a dereita adoptando posicións moito mais moderadas que tanto se afastan denotadamente do que fora durante décadas o ideario socialdemócrata como da súa base social tradicional –as clases traballadoras- e que a leva, en moitos casos, a un significativo enfrontamento con antigos compañeiros de viaxe: o movemento sindical.

Posicións mais moderadas que intentan xustificar con argumentos ideolóxicos ambiguos e moi pobres: “terceiras vías”, “socialismo reformista”... Posicións mais moderadas que tamén evidenciaron como o “anticomunismo” fora o seu principal argumento ideolóxico e político algo que, sen dúbidas, doulles grandes beneficios ao facer mais fácil o seu acceso ao goberno –como mal menor pois eran un muro contra o perigo comunista: a alternancia como sistema político que, de ningures, cuestiona ao sistema capitalista-. Os casos alemán (SPD), italiano (PSI), portugués (PSP) e grego (PASOK) foron paradigmáticos pero tamén son extensibles –con matices- tanto a Francia (PSF) e España (PSOE) como –gardando as notables diferencias- Gran Bretaña (LP) quen chegaría, incluso, a presentarse a si mesma como pioneira da “modernización” da vella socialdemocracia.

Os sucesivos pasos polo goberno dos seus respectivos países mostraron como a maioría dos partidos socialdemócratas deixaran de seren unha alternativa de cambio aos partidos conservadores e liberais para converterse en alternativas de goberno que, nembargantes, contribuíron a consolidar o sistema vixente polo que aparecen como moi afastadas do ideario socialdemócrata tradicional. Comparemos por exemplo –sen de ningures esquecer as diferencias históricas, culturais, políticas, internacionais...- o paso polo goberno –especialmente nas últimas décadas- dos partidos anteriormente citados con o da socialdemocracia nórdica –maiormente a sueca- ou mesmo o do laborismo inglés anterior a revolución thatcheriana.

Diferencias que se reflicten, con moita claridade, tanto en materias de política interior  –emprego, benestar social, igualdade, medio ambiente...- como exterior –loita pola paz, relación con o terceiro mundo, cooperación internacional....-. Como mesmamente no propio funcionamento interno dos partidos –maior burocratización- e a súa relación con a sociedade civil              –especialmente con o movemento sindical-.

Noutros artigos entrarei mais en detalle sobre estes temas sobre os que son necesarias algunhas precisións.
 
Manoel Barbeitos Alcantara

1 comentario:

Rodrigo Montenegro dijo...

Es que la Socialdemocracia no es el camino, ya que se trata de una adaptación de los partidos capitalistas y burgueses al socialismo, con el fin de acercar a las masas trabajadoras. El camino es el socialismo, el que planteó en su momento Pablo Iglesias, Morato... Un partido que sea la voz de la clase trabajadora en el Parlamento, a fin de se legisle contra el abuso que esta sufre. Obviamente se ha abandonado esta vía, de ahí el resultado de las últimas elecciones del PSOE, convertido en un partido socialdemócrata alejado de su fin fundacional. El camino se marcó hace más de 100 años, sólo hay que mirar atrás, para encontrar, donde nos salimos y retomar la ruta adecuada.