jueves, 22 de noviembre de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (VI)


Remataba a colaboración anterior dicindo que os maiores problemas da economía española –que non os únicos- eran “un elevado desemprego e unha impoñente débeda privada que non son mais que unha consecuencia do modelo de crecemento económico habido en España –e Galicia tamén, digan o que digan algúns políticos e medios de comunicación- nos derradeiros anos      e que a súa vez é reflexo do enorme poder de clase tanto do sector financeiro como dos grandes monopolios empresariais”.

As razóns de que unha economía –como sucede con a española e, xa que logo, a galega- teña as mas altas taxas de desemprego tanto na fase expansiva como na recesiva e que ao tempo xunto a unha grande capacidade de creación de emprego pase a perder en moi pouco tempo centos de miles     –millóns- de postos de traballo hai que buscalas tanto na natureza do seu mercado de traballo como nas políticas aplicadas.

En canto a natureza do mercado de traballo hai unha serie de aspectos que o veñen caracterizando dende fai anos. En primeiro lugar a economía española –e con ela a galega- arrastra un déficit histórico de man de obra cualificada –o 29,6% dos españois (uns dos valores mais elevados da unión europea) abandona os estudios sen acadar a secundaria, porcentaxe que en Galicia elévase ao 31,8% (o quinto mais elevado)-. Paralelamente o investimento en I+D+i está tamén moi lonxe da media dos países do noso entorno –en España supón o 1,33% do PIB, mentres en Galicia está claramente por baixo desa media (0,91%), sendo o 2,1% a media europea-. Ámbolos dous factores provocan que a productividade do traballo en España, e en maior medida en Galicia, se manteña en niveis comparativamente baixos afectando moi negativamente a competitividade das economías.

En terceiro lugar España –e Galicia- caracterízanse todos estes anos por teren un mercado de traballo con unhas condicións de contratación moi favorables aos empresarios o que se reflicte nunha moi alta taxa de temporalidade e/ou precariedade –España con o 25% ten a taxa de temporalidade mais elevada da UE (14%) so inferior a de Polonia. Galicia presenta unha taxa moi parecida: 24%-. Finalmente en España, e a pesares da fase expansiva, os salarios non deixan de perderen poder adquisitivo: España é o único pais da UE onde sucede esto –os salarios en España acadan o 54,3% do PIB e en Galicia o 45,3%-, o que reflicte unha das situacións de maior desigualdade na Unión Europea –en Galicia aínda superior a media española-.

Esta situación do mercado do traballo intensifícase con a aplicación de políticas de axuste fiscal que, como é ben sabido, teñen un dos seus eixes centrais –velaí a recente Reforma Laboral impulsada polo goberno Rajoy (PP)- na desregulación e precarización do mercado laboral. Unha situación que favorece sobremaneira tanto a banca como as grandes empresas. Vexamos como.

Uns baixos salarios debilitan o mercado interior. O debilitamento do mercado interior afecta as pequenas e medianas empresas –non as grandes que teñen maior capacidade exportadora- por dependeren do consumo interior quen a súa vez depende dos salarios. Por outra parte uns baixos salarios e uns baixos niveis de ventas por parte das pemes incrementan o endebedamento que o que queren os bancos. Pero deso falarei mais adiante, agora so compre subliñar como estas políticas –baixos salarios, precariedade laboral,...- teñen un marcado carácter de clase: benefician aos bancos e as grandes empresas. Os sectores mais favorecidos polas políticas de axuste fiscal.

Dicía antes que España –e con ela Galicia- teña sempre unhas elevadas taxas de desemprego –na expansión e na recesión- é tamén froito das políticas económicas. Unhas políticas económicas que con demasiada frecuencia primaron o axuste fiscal e o conseguinte “control” do gasto público. I este control do gasto público leva a uns servicios públicos de benestar social moi deficitarios –España é o país da zona euro con maior déficit nas funcións públicas de benestar social-. Un déficit que ten o seu reflexo no reducido número de postos de traballo nestes servicios: tanto en porcentaxe de poboación empregada (11,6%) como en gasto público (22%) España –e con ela Galicia- ocupan un lugar no furgón de cola da Unión Europea (14,9% e 27%). Resulta evidente, xa que logo, que con uns servicios públicos de benestar social equiparables a media da zona euro España –e Galicia- terían unhas taxas de desemprego moi inferiores. Estamos por tanto diante de un problema de opción política, dunha opción política que opta polo axuste fiscal que reduce as posibilidades de creación de emprego e que responde a unha opción de clase.

Finalmente, é ben sabido que na actualidade –especialmente dende a última reforma laboral- España pasa por seren o país de Unión Europea –xunto con Irlanda- con un mercado laboral mais desregulado. Paralelamente España (25,1%) é o país da Unión Europea (11,3%) onde mais esta medrando o desemprego en senso contrario a outros países europeos que, con mercado mais regulados –como pode seren o caso de Alemana (5,5%), Francia (10,3%), Suecia (7,5%)...- non so non medra excesivamente o desemprego senón que incluso nalgúns casos o crean a pesares da caída da actividade económica. Esta realidade demostra que flexibilizar e desregular o mercado laboral –como promoven as políticas de axuste- nunha economía en recesión incrementa o desemprego.

Por todo o anterior unha visión obxectiva da realidade demostra que as políticas de axuste fiscal teñen efectos negativos sobre o mercado laboral        –incrementan a precariedade e disparan o desemprego- favorecendo as clases de rendas altas –banca e grandes empresas-. Unhas políticas –de axuste fiscal- que reflicten un poder de clase –banca e grandes empresas- e unha ideoloxía –neoliberal-. Unhas políticas que, en definitiva, buscan impoñer as clases traballadoras as condicións laborais e salariais que mais lle benefician. Unhas políticas que para a procura destes fins tratan de debilitar o poder dos sindicatos e a súa capacidade negociadora.
 
Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: