viernes, 16 de noviembre de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (V)


A xustificación “ideolóxica” –tanto por parte do goberno Zapatero (PSOE) como do goberno Rajoy (PP)- das políticas de axuste foi e segue sendo a de que durante os anos da fase expansiva “vivimos por riba das nosas posibilidades” o que derivou nuns déficits e unhas débedas públicas “insoportables” para a economía e a sociedade española. Déficits e débedas excesivos que obrigaron a implantar políticas de rigor orzamentario.

Pois ben, como reflicten con toda claridade os datos eses argumentos eran e son MENTIRA: no ano 2007 España presentaba un superávit público equivalente ao 1,9% do PIB e unha débeda pública neta do 26,7% do PIB –un dos valores mais baixos da zona euro-. Valores que desmentían con total rotundidade que, a pesares dos problemas estructurais da economía española derivados dunha balanza de pagos deficitaria –España é un pais que importa mais que exporta- que eses foran os problemas mais relevantes da nosa economía. Valores que, tamén, desmentían o argumento de que “os españois vivíamos por riba das nosas posibilidades”.

Nembargantes a economía española si presentaba dous problemas importantes que marcarían a natureza e dimensión da crise posterior polos seus negativos efectos sobre a demanda e, xa que logo, o crecemento económico. A pesares de estar nunha fase expansiva o desemprego mantívose sempre alto (8,5% no ano 2007 o mais elevado da zona euro) ao tempo que a débeda privada se disparaba (189% do PIB: unha das mais elevadas da zona euro). Curiosamente tanto as autoridades nacionais e internacionais –goberno español, a troica (FMI, BCE, CE)..- como a maioría dos medios de comunicación e opinión apeas facían fincapé sobre estes dous problemas da economía española.

Uns problemas que se agravarían coa crise económica pero tamén con as políticas de axuste fiscal implantadas polos sucesivos gobernos españois. Así e mentres o desemprego en España acada (2012) valores superlativos (25%) que mais que duplican a media da zona euro (11,5%) a débeda privada (familias, empresas, entidades financeiras) tamén se incrementa (superando o 200% do PIB) manténdose como os dous principais problemas macroeconómicos de España.  Como non podía seren de outro xeito o efecto combinado da crise –con o seu impacto no emprego e, xa que logo, na recadación fiscal (IRPF, S.S)- e as políticas de axuste –que minan a actividade e xa que logo a recadación ao tempo que transforman débeda privada en débeda pública- incrementan o déficit (9%) e a débeda (70%) que, nembargantes non poden considerarse excesivos (a débeda pública española mantense por baixo da media na zona euro -85%- mentres o déficit público duplica a media da zona euro -4%- pero está en niveis soportables dado que estamos nunha fase recesiva da economía).

Como podemos ver dous son os maiores problemas da economía española –igual sucede con a economía galega-: o desemprego e a débeda privada. Son os maiores problemas por que paralizan a demanda interna o que, a súa vez, frea o crecemento económico e conduce a recesión. En canto ao déficit público hai que subliñar con rotundidade que a súa orixe non está no “excesivo gasto público” senón que ten tanto unha raíz estructural –a deficiencia dos ingresos públicos- como conxuntural –unha caída dos ingresos fiscais derivada do elevado desemprego que causa a crise económica-.

Compre deterse na explicación do anteriormente afirmado. En relación ao desemprego coido que non hai mais que dicir: cunha taxa (25%) que mais que duplica a media da zona euro (11,5%) o DESEMPREGO é un problema macroeconómico decisivo –o mais relevante- tanto polos efectos sociais que reflicte –millóns de familias sen recursos- como polo seu impacto sobre a economía –caída da producción e o consumo-. En canto a DÉBEDA PRIVADA (200% do PIB) ao afectar a tódolos sectores –familias, medianas e pequenas empresas, sector financeiro..- repercute moi negativamente sobre a demanda   –paraliza o consumo, frea o investimento privado e paraliza o comercio- colaborando, deste xeito, a impedir o crecemento económico.

Un elevado desemprego e unha impoñente débeda privada que non son mais que unha consecuencia do modelo de crecemento económico habido en España –e Galicia tamén, digan o que digan algúns políticos e medios de comunicación- nos derradeiros anos –que estoupou con a crise- quen a súa vez é reflexo do enorme poder de clase tanto do sector financeiro como dos grandes monopolios empresariais.

Enorme poder de clase que, como tratarei de explicar en sucesivas colaboracións, explican as políticas de axuste fiscal que os gobernos español e galego aplican a pesares de que, de ningures, resolven a crise senón que a agudizan.

Manoel Barbeitos Alcantara

1 comentario:

L. de Guereñu Polán dijo...

É moi interesante este artigo. Teño observado que non hai unha relación directa entre crecemento económico e creación de emprego, engado pola miña parte.