viernes, 16 de noviembre de 2012

A CRISE DA SOCIALDEMOCRACIA (I)


        Un dos efectos políticos mais relevantes da crise económica actual é o enorme impacto que está tendo sobre unha corrente de pensamento político que nas derradeiras décadas tivo unha presencia e un peso político decisivos en Europa: a socialdemocracia.

Un impacto tal que nalgúns países europeos dos chamados periféricos (GIPS) hai razóns dabondo para pensaren que podemos estar diante dun feito histórico cuxas consecuencias –políticas e sociais- aínda están por veren: a perda de relevancia, cando non a desaparición, da socialdemocracia como alternativa de goberno –pois como alternativa de cambio fai tempo que deixou de selo-.

Seguramente a moitos –especialmente se son afiliados ou simpatizantes- está afirmación pareceralles esaxerada e/ou pouco rigorosa pero coido que hai argumentos e feitos dabondo como para mantela. Feitos que están a vista se, por exemplo, avaliamos a situación actual da socialdemocracia non so nos países europeos mais castigados pola crise económica –Grecia, Portugal, España- senón incluso naqueles outros en que a situación e menos crítica        –Francia, Alemana, Holanda, Austria, Gran Bretaña..-. Argumentos que se derivan, basicamente, da súa incrible incapacidade para atopar propostas alternativas ao neoliberalismo dominante.

Aínda con importantes diferencias de matiz o papel que a socialdemocracia xogou e está a xogar nos países europeos periféricos             –Grecia (PASOK), Portugal (PSP) e España (PSOE)- nesta crise económica esta levándoa a un enorme desprestixio entre a maioría da cidadanía especialmente a mais castigada pola crise –os/as cidadáns de rendas medias e baixas que deberan seren xerémolo da súa base social-. Un enorme desprestixio que tivo o seu reflexo político tanto na sucesiva perda de apoio popular –con perda do goberno incluída- como nunha caída en picado da súa ascendencia entre a cidadanía –como reflicten tanto os sucesivos procesos electorais como as propias enquisas, o seu afastamento con o movemento sindical..-.

Un desprestixio sen precedentes nin inmediatos nin afastados e que me levan a pensar senón estamos diante dunha “crise terminal” da socialdemocracia nestes países que pode transformarse nunha crise terminal do conxunto da socialdemocracia como opción política e ideolóxica.

Unha crise que, polos feitos que ocorren, non é exclusiva dos países europeos periféricos senón da maioría dos países europeos o que avalía e confirma a afirmación anterior. As enormes “dificultades” que está mostrando o goberno francés –que pilota en exclusiva a socialdemocracia francesa- para aportar unha opción alternativa ao neoliberalismo alemán dentro da Unión Europea, o morno e difuso papel de oposición da socialdemocracia alemana ao goberno da Sra. Merkel, o labirinto no que aparecen enforcados os laboristas ingleses, a ambigua formulación da socialdemocracia holandesa...... son feitos políticos que considero reflicten unha situación de crise ideolóxica e política do movemento socialdemócrata europeo.

Unha crise para cuxa comprensión hai que remontarse a caída do muro de Berlín (1989) e a aparición da chamada mundialización que se veu favorecida tanto polo feito histórico anterior como por unha serie de medidas de política económica que, dende institucións internacionais (FMI, BM, OMC...), foron impostas moitas das veces con a complicidade da mesma socialdemocracia.

Pero deso falarei en colaboracións sucesivas.
 
Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: