viernes, 30 de noviembre de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (VII)



Nun capítulo anterior (IV) sinalei que xunto con o desemprego o segundo problema grave da economía española, e con ela da galega, era a débeda privada: a débeda das familias, as empresas e as entidades financeiras. Un problema que persiste hoxe en día e que segue paralizando a demanda e, xa que logo, impedindo o crecemento económico.

O estoupido da burbulla inmobiliaria no Estado español viuse acompañado do estalido da burbulla crediticia quen, a súa vez, deixou ao descuberto unha enorme débeda privada –superaba naqueles anos o 200% do PIB sendo a mais alta entre os países da zona euro e multiplicando por 4 o valor da débeda pública-. Unha enorme débeda privada que afectaba, e afecta, a familias (24%), empresas (35%) i entidades financeiras (41%).

Unha enorme débeda privada que poñía ao descuberto algo xa sabido –e tamén denunciado reiteradamente por voces que eran sistematicamente silenciadas tanto polos partidos do goberno como pola maioría dos medios de comunicación e opinión- que era que o crecemento económico español –e galego- habido na derradeira fase expansiva tiña un dos seus fundamentos na libre disposición –barra libre para familias, empresas, entidades financeiras- dun crédito sen límites e nas condicións mais vantaxosas.

Un crédito ilimitado que a banca e as caixas españolas poñían a disposición de calquera que o demandara nunhas condicións –tipo de xuro, vencementos, avales...- enormemente favorables pero que tamén supoñían a contracción dun elevado risco por ámbalas partes. Un crédito ilimitado que foi intensamente estimulado –i esto hai que dicilo con toda claridade- pola banca internacional –liderada polas bancas alemana e francesa pero tamén anglosaxona- que naqueles intres dispuña de moita liquidez e vía no “crecemento económico español” unha oportunidade inmellorable para “facer negocio” como así sucedeu.

Esta banca internacional –da que forma parte a banca española- que participou tanto na xuntanza de bruxas inmobiliaria española como na borracheira crediticia é, xa que logo, responsable xunto aos respectivos gobernos –PP, PSOE- tanto do irresponsable inchamento da dobre burbulla inmobiliaria e crediticia como dos seus estoupidos que provocaron a crise actual. Unha banca internacional, uns gobernos –Aznar, Zapatero- e unhas institucións financeiras públicas (como o Banco de España e o BCE), que non repararon nos enormes riscos e debilidades en que se estaba metendo a economía española –e galega- ao impulsar un endebedamento privado tan elevado e tan estendido.

Un endebedamento privado –repito: o maior entre os países da Unión Europea- que ao afectar a tódolos axentes paraliza o crecemento económico polas razóns seguintes: as entidades financeiras pechan o crédito, as empresas o investimento privado e as compras e as familias o consumo. Como estas son variables todas elas que turran –nunha dirección ou noutra- da demanda agregada, a súa parálise é a parálise da demanda o que a súa vez frea o crecemento económico. Velaí a decisiva importancia deste endebedamento privado tan elevado e estendido. Algo que os defensores do pensamento neoliberal non reflicten desviando a atención, por intereses de clase –como explicarei noutros capítulos-, deica uns supostos problemas de déficits e débedas públicos cuxa importancia non nego –especialmente a débeda- pero que si refugo da natureza, dimensión e causas dos mesmos que reflicten as “voces oficiais”.

Compre agora subliñar as causas deste endebedamento privado segundo que axente económico. En primeiro lugar as familias: as políticas neoliberais postas en marcha polos gobernos españois tiveron entre outros efectos unha caída da renda dispoñible –basicamente dos salarios- das familias españolas    –con as galegas no pelotón de cabeceira-. Esta caída da renda dispoñible das familias arrastra, loxicamente, unha caída da súa capacidade adquisitiva. Unha caída da capacidade adquisitiva que reduce o aforro e inténtase paliar con unha maior dispoñibilidade e accesibilidade ao crédito bancario. Un maior acceso que supón, en definitiva, un maior endebedamento. En España este problema agudízase por unha indiscutible falta de vivenda pública en aluguer ou venta que obriga as clases populares a acudiren ao mercado de vivenda privada. Velaí que a maior parte do endebedamento privado das familias españolas –e con elas as galegas- estea integrado polas “hipotecas”: mais do 70% das familias españolas teñen que dedicar cando menos o 40% da súa renda dispoñible a pagala hipoteca.

En segundo lugar as empresas. As empresas maiormente vinculadas a actividade constructora –que en Galicia, p.e., eran e son moi relevantes no tecido empresarial- estimuladas polo boom inmobiliario tíñanse endebedado en demasía. Si na fase expansiva con a actividade constructora en plena efervescencia este endebedamento era facilmente asumible cando estoupa a crise e cede a actividade estas empresas deixan de ingresar e caen na quebra.

Finalmente o endebedamento da banca –bancos e caixas- procede fundamentalmente dos enormes riscos asumidos coa súa política de conceder créditos sen límite  deica inchar unha enorme burbulla crediticia e embarcándose –estimulada por responsables políticos e favorecendo, unha vez mais, as grandes empresas constructoras- en aventuras de dubidosa –sendo xenerosos- rendibilidade –AVEs e aeroportos sen viaxeiros, parques xurásicos sen clientes, urbanizacións sen compradores, parques industriais sen empresas .... etc-. Unhas aventuras crediticias para as que, como dicía antes, a banca española tivo que acudir ao “financiamento interbancario internacional” e asumindo unhas débedas que, segundo algúns cálculos moi fiables, superaban os 400.000 millóns de euros en vésperas do estoupido da crise. Velaí o interese da banca europea –apoiada pola troica (FMI, BCE, CE)- en que España acuda ao rescate bancario.

O problema está en que mentres os dous primeiros –familias e empresas (maiormente pemes)- están pagando moi caro –desemprego, desafiuzamentos, peches...- as súas débedas, os terceiros –a banca- grazas ao seu enorme poder de clase estalle transferindo as súas débedas ao estado –con o apoio dos respectivos gobernos- e así transformando unha débeda que era privada ben en déficit ben en débeda pública –volverei mais adiante sobre esto- facendo, finalmente, que sexamos os cidadáns –basicamente os de rendas medias e baixas- quen teñamos que pagaren esas débedas.

Deste xeito queda manifestamente claro que é a débeda privada, xunto con o desemprego, o problema relevante da economía española –como da galega- xa que ámbolos dous paralizan a demanda e frean o crecemento económico.

 

Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: