viernes, 30 de noviembre de 2012

A CRISE DA SOCIALDEMOCRACIA (III)


A caída do muro de Berlín (1989) que abriu a porta ao derrube dos sistemas políticos nos países do Europa do Leste  -mal chamados socialistas- tamén marcou o inicio dunha transformación radical dos modos de producción e distribución existentes neses países iniciándose una rápida e, en moitos casos, durísima transición a unha economía capitalista.

A transformación en sentido capitalista da Europa do Leste, xunto as reformas radicais que se estaban a producir en China baixo o mandato de Den Xiaoping  -que se iniciaron no ano 1978 cando este lanzara a chamada “segunda revolución”- que van na mesma dirección supuxo que se asentara a nivel mundial un único modo de producción e distribución: o sistema capitalista. Un capitalismo mundial que será a base da chamada mundialización.

Unha mundialización que inicialmente terá tres piares fundamentais: financeiro, comercial e político-militar. Unha mundialización financeira que liderada polos FMI (Fondo Monetario Internacional) e BM (Banco Mundial) terá como principios básicos a liberalización e a desregulación das finanzas. Unha mundialización comercial que pilotada pola OMC (Organización Mundial do Comercio) buscará implantar a liberalización dos intercambios comerciais a nivel mundial. Unha mundialización político-militar que baixo o mandato da OTAN (Organización do Tratado Norte) defenderá a implantación dun so orde, aquel que supón a defensa dos intereses dos países mais poderosos               –superiores militarmente- liderados polos Estados Unidos.

Unha mundialización neoliberal –ou ultraliberal, como se queira- que se apoia en tres liberdades: a liberdade de circulación de capitais, a liberdade de investimento e a liberdade de comercio. Tres liberdades que permitirán aos chamados “mercados” impoñer aos gobernos e parlamentos nacionais a súa propia lei.

Unha mundialización neoliberal que traerá aparellada por un lado un  crecente empobrecemento de un cada vez mais amplo número de persoas e territorios –un “empobrecemento masivo”-, un desemprego masivo –cada vez hai mais persoas desempregadas no mundo-, un crecemento imparable das desigualdades, e unha degradación das condicións de vida dun cada vez maior número de cidadáns. Complementariamente asistirase a unha mundialización dos capitais,  ao crecemento das empresas multinacionais e a un sacrificio dos salarios. A nivel comercial producirase unha marxinación e dependencia crecentes do terceiro mundo e un paralelo reforzamento das grandes potencias –a chamada “triada”: Estados Unidos, Xapón e a Unión Europea-. A nivel económico, e como foi sinalada, prodúcese unha cada vez maior relevancia das operacións financeiras -maiormente especulativas- sobre as productivas e comerciais e que para unha “maior eficacia” irán acompañadas de un crecente desregulamento que parte por poñer fin a calquera forma de control dos movementos de capital o que posibilitará que os chamados “mercados financeiros” pasen a dominar a economía mundial sementándoa, con as súas operacións de alto risco, de crises recorrentes.

Unha mundialización neoliberal que liderada polos axentes anteriormente citados (FMI, BM, OMC...) imporá repetidamente nos países periféricos duras políticas de axuste fiscal como estamos vendo agora na Unión Europea pero que antes sucedera en Latinoamérica, Sueste Asiático, Europa do Leste, Norte de África....

Unha mundialización neoliberal que, como explicarei a continuación aínda  que resulta evidente, descubre a unha socialdemocracia nun estado de absoluta precariedade e insolvencia tanto ideolóxica como política. O que resulta peor –polo menos dende a miña óptica-: sectores relevantes da socialdemocracia europea non so non cuestionan a mundialización neoliberal senón que se apuntan a mesma.

Así a cidadanía, especialmente a de esquerdas, contemplará un tanto perplexa, como destacados dirixentes socialdemócratas –maiormente europeos- ocupan os mais altos cargos directivos nas instancias anteriormente citadas como lideres da mundialización. Así,  D. Strauss-Kahn –dirixente do Partido Socialista Francés (PSF)- será durante una serie de anos (2007-2011) o Director Xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI) –impulsor das políticas de axuste- sen que, de ningures, cuestionara as políticas deste organismo chegando incluso nalgún caso a seren mais belixerante que anteriores responsables.  Asemade P. Lamy –tamén dirixente do Partido Socialista Francés- estará a cargo da Dirección Xeral da Organización Mundial de Comercio (OMC) sendo un fervente e teimado adalide das políticas de liberalización comercial mundial que tantos estragos está producindo nos países do terceiro mundo –en temas tan fundamentais como a alimentación, a saúde...-  Finamente J. Sólana –dirixente do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE)- ocupará o cargo de Secretario Xeral da OTAN  (1995-99) durante cuxo mandato está interveu na antiga Iugoslavia, na guerra de Kosovo que foi bombardeado.

Resulta innegable que durante o seu mandato estes dirixentes socialdemócratas tentaron de facer mais “humanas” estas institucións pero tamén que, de ningures, nin cuestionaron as súas estratexias nin moito menos fixeran propostas alternativas nin marcaron cambios de rumbo significativos. O que resulta de maior interese, dende o punto do análise da socialdemocracia: en todo este tempo a socialdemocracia xamais elaborou un programa global alternativo xa non a estas institucións que lideran a mundialización neoliberal senón nin sequera foron confrontadas con propostas alternativas que tiveran como eixo os ideas socialdemócratas. Algo que confirma a crise política e ideolóxica na que se movían, e segue movéndose, os partidos socialdemócratas.

Por si esto non fora suficiente a socialdemocracia europea tampouco foi quen de frear a expansión neoliberal na Unión Europea. Todo o contrario: si consideramos que a Unión Económica e Monetaria (UEM) tal e como está funcionando hoxe é unha expresión local da mundialización neoliberal –algo difícil de discutir vendo tanto a situación que atravesan os países europeos periféricos como as directrices que defenden as principais institucións europeas (Comisión Europea (CE), Banco Central Europeo (BCE))- compre lembrar que destacados dirixentes socialdemócratas –e con eles os seus respectivos partidos- tiveron papeis moi relevantes na configuración desta unión europea neoliberal. Repasemos: a UEM se pon en marcha con J. Delors –dirixente do PSF- como ideólogo e presidente da Comisión Europea (1985-1995), F. Miterrand como presidente (1981-1995) da República Francesa –tamén dirixente do PSF-, F. González de xefe de goberno (1982-96) da Monarquía Española –e secretario xeral do PSOE- e Mario Soares (1986-1991) de presidente da República Portuguesa –e tamén secretario xeral do PSP-.

Repito, unha vez mais e sen que sexa contradictorio co anterior, que estes dirixentes –que representaban aos seus respectivos partidos- tiveron un comportamento político mais humano e liberal, de maior defensa da democracia e a igualdade, pero tamén digo que, de ningures, cuestionaron os elementos básicos da mundialización e, xa que logo, se afrontaron decidida e conxuntamente aos efectos mais perversos da mesma. Os feitos están aí para demostralo. E o que resulta mais, en ningún momento os partidos socialdemócratas europeos, que aqueles dirixían, foron quen de presentar de forma conxunta –único xeito de facelo viable- un proxecto político para unha unión europea baseada na integración solidaria, democrática e socialmente avanzada.

Hai tamén que facer xustiza a cada quén: non todos os partidos, nin dirixentes, socialdemócratas tiveron o mesmo comportamento nin o mesmo posicionamento fronte a mundialización liberal. Pero a crise ideolóxica, política e social da socialdemocracia resulta, polos feitos subliñados, innegable e a actual situación na Unión Europea, con uns países periféricos que foron gobernados por partidos socialdemócratas (PASOK, PSP e PSOE) nunha crise sen precedentes e uns países centrais con partidos socialdemócratas (SPD, SP, SPO...) que defenden posicións marcadamente neoliberais é un claro e contundente exemplo do que estou subliñando.

Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: