martes, 11 de diciembre de 2012

A CRISE DA SOCIALDEMOCRACIA (IV)


A crise que actualmente atravesa un núcleo relevante da socialdemocracia europea tivo o seu despuntar entre os anos oitenta e mediados dos noventa do século pasado. Anos nos que, como dixen en artigos anteriores, a socialdemocracia estivo presente na goberno tanto de varios países europeos (Francia, España, Portugal, Grecia, Italia...) como de relevantes institucións europeas (Comisión Europea..) e internacionais (FMI, OMC, OTAN...).

Anos estes en que, a pesares desta presencia socialdemócrata en instancias de enorme poder político, se fortaleceron as bases da mundialización neoliberal.  O binomio formado por Margaret Thatcher (Primeira Ministra Británica durante os anos 1979-90) e Ronald Reagan (Presidente dos Estados Unidos os anos 1981-89) será quen pilotará a marcha do mundo deica a orde ultraliberal: liberdade de circulación de capitais, de investimento e de comercio. Unha orde que, hoxe en día, marca a axenda da Unión Europea.

Fronte a esta ofensiva neoliberal a socialdemocracia gobernante durante eses anos –tampouco con posterioridade- non foi quen de defender con firmeza e consistencia, nun marco internacional, os principios socialdemócratas de crecemento económico e benestar social, solidariedade e cooperación internacional, loita pola paz e a resolución pacífica dos conflictos internacionais, loita contra a fame no terceiro mundo e pola defensa do medio ambiente.

Moi pola contra esta socialdemocracia que, nalgúns casos, iniciara a súa andadura gobernamental con un forte impulso de cambio reformista: PSF en Francia (1981), PSOE en España (1982), PSP en Portugal (1983), PASOK en Grecia (1981) .... foi, pouco a pouco pero sen pausa virando deica posicións políticas e programáticas mais próximas ao neoliberalismo. Se a nivel interno alternaron unha política liberal no económico con outra moderadamente reformista no social,  a nivel internacional iríanse apuntando cada vez mais claramente a orde internacional establecida –liderada polos FMI, OMC, BM e OTAN- que era claramente, e segue sendo, unha orde neoliberal. Un aliñamento que, sen dúbidas, supuxo un xiro radical con os históricos principios socialdemócratas e que levou a que esta socialdemocracia fora agora nomeada como socioliberalismo –ou socialismo liberal- incluso por moitos dos seus membros.

En calquera caso, e a pesares dos innegables diferencias entre países, a socialdemocracia europea foi perdendo progresivamente a súa clásica e histórica identidade –reflectida nos principios anteriormente subliñados-, rompendo vínculos internacionais –que tivo a súa materialización mais significativa na práctica desaparición da Internacional Socialista- o que provocou un crecente aloxamento das súas bases sociais tradicionais –basicamente dos sindicatos-  e unha perda de apoio social que rematarían coa perda do poder político.

Perda do poder –saídas do goberno- que, en moitos casos, trouxeron aparelladas perdas de identidade e crises, mais ou menos, profundas dos partidos socialdemócratas (mais profundas nos países periféricos: Portugal, España, Italia e Grecia, pero sen que o resto –Gran Bretaña, Alemana, Francia, Holanda...- fora quen de evitalas).

A socialdemocracia que xurde a continuación –nos primeiros anos do presente século XXI- aparece publicamente, así se presentará ela mesma, como diferente da anterior, “mais moderna e acorde aos novos tempos”.  Maiormente identificada coa chamada “terceira vía” –unha mestura difusa e pouco coherente de principios liberais con moderados criterios socialdemócratas- que quere, segundo os seus principais ideólogos e lideres políticos, “modernizar” a vella socialdemocracia, esta nova socialdemocracia presenta liderados (Blair, Shroeder, Zapatero, Sócrates, Papandreu, ....) con moita menor presencia política, dende unha perspectiva reformista, con un maior baleiro ideolóxico, unha maior burocratización e, moi especialmente, con unha presencia moi cativa no tecido social. Unha socialdemocracia que, tamén, aparece a nivel internacional como moi atomizada e dispar tal que as veces parece integrada por forzas políticas coase antagónicas.

Esta socialdemocracia, circunscrita case exclusivamente aos países da Unión Europea asiste paralizada, cando non ausente, ao xurdimento noutras rexións do mundo de forzas políticas autóctonas que se reclaman de esquerdas pero non socialdemócratas. Forzas políticas que, de xeito destacado en moitos países latinoamericanos, con maioría de argumentos novos pero tamén recollendo algúns principios tradicionais da esquerda, logran acceder ao goberno de seu país (Venezuela, Ecuador, Uruguai, Arxentina....) e poñer en marcha ambiciosos programas que combinan o crecemento económico con o benestar social, que rexeitan claramente dos programas neoliberais –liderados polos FMI. OMC e BM organismos totalmente desprestixiados nestas rexións polos seus firmes postulados neoliberais e a prol das potencias dominantes- e que apostando por políticas públicas de forte contido social –loita contra a pobreza e a fame, universalización da educación e a sanidade, ..- conseguen avances impresionantes –como ben reflicten os informes do PNUD-  en materia de benestar e desenrolo social.  Forzas políticas que poñen e marcha alianzas internacionais baseadas na solidariedade e no respecto mutuo.

Unha forzas políticas que, por outra parte, deixan en evidencia a socialdemocracia “moderna”. Una socialdemocracia que aparece como incapaz de afrontar os retos que lle presenta a mundialización neoliberal. Incapacidade que poida que remate por seren a súa “sentencia de morte” –risco que se presenta maior nos países europeos periféricos- o que sería unha grande desgracia para toda a esquerda europea.

 

Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: