lunes, 10 de diciembre de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (VIII)


No capítulo anterior (VII) reflectía como eran o desemprego e a débeda privada dous dos maiores problemas da economía española –e con ela a galega-. Esta tese que, coido foi explicada nese capítulo, refuga das formulacións tanto do goberno español –antes PSOE agora PP- como do galego –PP- que sitúan aos déficit e débeda públicos como os principais problemas por seren –segundo estes- a causa da recesión económica e impidan o crecemento económico.

Compre dicir que estas teses –“homilías” segundo o meu respectado profesor P. Samuelson-, polo seu fundamentalismo ideolóxico –como explicarei a continuación- apeas teñen eco no pensamento económico moderno pois pertencen a ideas antigas xa superadas tanto polas evidencias empíricas como pola propia experiencia histórica. Nembargantes reaparecen periodicamente por que, como tamén explicarei, responden a unha formulación de clase           –benefician as clases de rendas altas e en especial aos mercados financeiros-.

Empecemos polo déficit público. Pois ben a teoría –neoliberal- do equilibrio orzamentario no curto prazo (cíclico) parece esquecer que a economía capitalista é consubstancial con os ciclos económicos: fases expansivas –nas que medran a producción e o consumo- e fases recesivas    –diminúen ámbolos dous ou un deles preferentemente a demanda-. Parece esquecer tamén que o balanza fiscal resulta afectada por estes ciclos: nunha economía en recesión diminúen os ingresos fiscais –pola caída da producción e o consumo- sen que os gastos o fagan coa mesma intensidade senón que poidan que incluso medren –ao incrementarse o desemprego loxicamente medra o gasto público nesta función e tamén outros gastos públicos sociais necesarios para reduciren o efecto do desemprego. Tamén, nalgúns casos,   incrementase o investimento público (infraestructuras, equipamentos,.... etc.) por mor de compensar a caída do investimento privado e así evitaren caer na recesión económica-. Todo elo fai que se incremente o déficit –cíclico- como efecto do ciclo económico.

Pero si este argumento é irrefutable non o é o contrario de que os déficit e débeda públicos sexan a causa da recesión dunha economía –como sosteñen as teses neoliberais que agora se impoñen na Unión Europea a traveso da troica (FMI, BCE, CE)-: tanto a análise da realidade histórica como a experiencia empírica ensínannos que non hai unha relación directa, unha ligazón, entre os déficit e a débeda dun país con a expansión ou recesión da súa economía. A propia realidade española así nos lo mostra.

Tanto os gobernos españois (central e autonómico) como a troica (FMI, BCE, CE) non cesan de repetiren que son os “elevados” déficit e débeda pública a causa da recesión económica en España –así como nos outros países europeos periféricos-. Unha tese que a evidencia empírica desminte rotundamente: cando estoupou a crise (finais do ano 2007) España presentaba un saldo fiscal positivo (+2,23% do PIB), na actualidade –e logo de catro anos de crise e sometida a economía española a unha política de axuste fiscal compulsivo- o saldo fiscal é negativo (-9,4% do PIB a finais do 2011). Esta evidencia empírica demostra dúas cousas: 1º E totalmente falso que a crise económica española viñera producida pola elevado déficit público –por que o Estado gastara moito: mais do que tiña-, 2º Son a recesión económica e as políticas de axuste fiscal as que, pola contra, están provocando ese incremento do déficit.

En relación con a primeira tese nada mais que engadir: se cando estoupou a crise en España (finais do ano 2007) a economía española presentaba un balance fiscal positivo non se pode dicir que o “suposto” déficit   –inexistente- sexa a causa da crise económica española, e galega.

Sobre a segunda tese as evidencias son numerosas. Con a entrada da economía española en recesión diminúen os ingresos públicos e medran algúns gastos, tamén públicos. A recesión económica supón, como expliquei en capítulos anteriores, que  o desemprego en España medre de xeito exponencial chegando a acadar as cifras mais altas na Unión Europea. Este crecemento do desemprego ten un dobre efecto fiscal: diminúen os ingresos fiscais por mor dunha caída da recadación, basicamente do IRPF –con un efecto superior a doutros países europeos do noso entorno por mor dunha maior regresividade do sistema fiscal español que carga maiormente a recadación sobre as rendas do traballo: o 79% da base impoñible do IRPF español está composto por rendas do traballo- e medran os gastos fiscais –polas razóns apuntadas anteriormente dun maior gasto público en desemprego, maiormente-.

Como nos mostra a experiencia histórica as políticas de axuste fiscal paralizan, aínda mais, a demanda impedindo o crecemento económico e afondando na recesión económica. Algo que resulta evidente nos países europeos periféricos –Grecia, Portugal, Irlanda, España-. Esta caída nunha prolongada recesión económica –coase depresión- provoca unha diminución dos ingresos públicos –pola caída do consumo e a producción- quen, a súa vez, elevan o déficit público.

Estas evidencias demostran que nin foi o excesivo gasto público (“causa” dun suposto elevado déficit público) o que provocou a recesión económica               nin as políticas de axuste- fiscal promoven o crecemento económico.

Compre finalmente subliñar algunhas características do sistema fiscal español que serven para evidenciar, aínda mais, a “falsidade” dos argumentos neoliberais dun “excesivo gasto público” como causa da recesión económica.

O gasto público español é un dos mais baixos da Unión Europea: con unha media nos derradeiros anos do 45% do PIB España está no furgón de cola entre os países da Unión Europea polo gasto público (50,3% de media na UE). Situación que aparece como mais escandalosa si atendemos ao gasto público en protección social: España destinando o equivalente ao 20-21% do PIB a gasto social sitúase neste concepto no furgón de cola da UE-15 (26-27%) –se facemos a comparación en gasto por habitante o resultado é o mesmo-. Sobran as palabras: non foi o excesivo gasto público a causa da recesión económica.

España  é un dos países europeos con menor presión fiscal –menores ingresos públicos-. Con uns ingresos públicos equivalentes ao 30,4% do PIB España situase claramente por baixo tanto da media na zona euro (36,5%) como na UE27 (35,8%). Resulta, xa que logo, evidente que si España situara a presión fiscal a nivel da media europea o déficit público sería moito menor.  Algo que os propios técnicos da Axencia Tributaria nos ensinan: segundo estes (GESTHA) con a posta en marcha dunha serie de medidas fiscais –nada revolucionarias- o Estado español podería incrementar anualmente os ingresos en mais de 63.000 millóns de euros –en Galicia serían 2.800 millóns de euros- o que permitiría situar o déficit público por baixo do 3% do PIB.

España é tamén un dos países europeos con maior fraude fiscal. Os derradeiros datos sitúan o fraude fiscal equivalente a unha porcentaxe non inferior ao 19,3% do PIB –cálculos que se consideran modestos- cifra que sitúa a España entre os países europeos (12/15%) con maior nivel de fraude fiscal. Un fraude que en preto das tres cuartas partes (72%) procede das grandes fortunas e corporacións: España é un dos estados europeos onde os ricos pagan menos impostos e defraudan mais.

Todos estes datos poñen en evidencia a “falsidade” das teses sobre un excesivo gasto público en España así como que este sexa a causa do déficit e a recesión económica. A que responden entón estas “homilías”?. Aínda que varias son as razóns todas responden a “un argumento de clase” que favorece as clases de rendas altas –especialmente aos mercados financeiros pero tamén aos grandes monopolios- como explicarei a continuación.

En primeiro lugar compre lembrar, como nos ensina a experiencia histórica, que uns menores gastos públicos –especialmente si se trata de gastos sociais: educación, sanidade, vellez, infancia....- supoñen uns maiores gastos privados. Dado que os mercados financeiros –bancos, mutuas, fondos de pensións...- son os principais axentes propietarios deses servicios privados turran sempre por que se reduza o gasto público para así medra-las súas ganancias.

Por outra parte uns maiores gastos privados supoñen tamén para as familias unha caída dos seus aforros –especialmente para as familias de rendas baixas pero tamén as rendas medias en países como España- Unha caída dos aforros que obriga a esas familias a acudiren con maior asiduidade ao crédito bancario –velaí un das causas do inchazo da burbulla crediticia en España- para así poderen atender aos seus gastos de consumo. Algo que interesa, de novo, aos bancos que turran sempre por uns baixos salarios para así forzar a un endebedamento crediticio das familias que favorece as súas ganancias.

Unha terceira razón, moi importante en España, hai que buscala na inchazón e estoupido da burbulla financeira que deixou ao descuberto unha enorme débeda privada que, nunha porcentaxe moi elevada, é débeda bancaria –bancos e caixas-. Unha débeda que, grazas ao seu enorme poder de clase, a banca española –contando para elo co apoio tanto da banca europea (principal acredora) como dos poderes públicos (a troica, os gobernos español e autonómicos)- quere, e o está conseguindo, transformar en déficit e débeda públicos. Velaí que a banca turre por que unha parte cada vez maior dos ingresos públicos se destine ao pago das súas débedas privadas para o que resulta necesario diminuír maiormente o gasto público social.

Finalmente, e non menos importante, están as razóns derivadas do fundamentalismo ideolóxico que domina a economía mundial dende a revolución conservadora liderada por R. Reagan e M. Thatcher e que agora se impón nos países da Unión Europea liderada pola troica (FMI, BCE e CE) pero maiormente impulsada polos poderes alemáns –goberno federal, bancos...-. Un fundamentalismo económico que sitúa a loita contra a inflación e o déficit público como obxectivos prioritarios das políticas económicas e para o que  tratan de impoñer control salarial, altos tipos de xuro e austeridade fiscal. Estratexia que, como resulta fácil de entender, favorece aos mercados financeiros e as grandes empresas: unha estratexia de clase.

Un fundamentalismo ideolóxico que, en países como España, trata de impedir a necesaria suba dos impostos ás rendas altas. Con o argumento falaz e falsario –parece esquecer a realidade de países como Suecia, Francia, Alemana...- de que unha suba dese tipo paralizaría a demanda –ao retraer o investimento e turrar pola fuga de capitais-, estase impedindo, como reflectín antes, un incremento dos ingresos públicos tal que tanto reduciría o actual déficit público como daría paso a un sistema fiscal mais xusto i equilibrado.

Coido que queda claramente demostrado que en España non é o déficit público a causa da recesión económica.

 

Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: