jueves, 7 de marzo de 2013

ALGO PERSOAL (II)


“Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 
A Comisión Europea, refuxio de funcionarios aristocráticos

Se o Banco Central Europeo con as súas actuacións ten unha responsabilidade máxima na crise dos países europeos periféricos, a Comisión Europea, coa súa defensa das políticas de axuste fiscal compulsivo conduce a eses países tanto a unha prolongada recesión económica, que ten caracteres de grande depresión, como ao desmantelamento dun estado de benestar escasamente desenvolvido.

A Comisión Europea “é unha das principais institucións da Unión Europea, representa e defende os intereses do conxunto da UE, elabora propostas de nova lexislación europea e xestiona a labor cotián de poñer en práctica as políticas e facer uso dos fondos europeos”. Nalgunha forma a Comisión Europea pode considerarse como o Consello de Ministros –o goberno- da Unión Europea. Un consello de ministros que, a miúdo, intervén en asuntos cruciais que afectan a gobernabilidade dos países membros.

Un destes asuntos sobre os que se manifesta reiteradamente é o sistema público de pensións dos países membros, especialmente o dos países periféricos. Manifestacións nas que imparte doutrina e aconsella reformas. “España ten seguir adiante con a reforma do sistema de pensións(Olli Rhen, Comisario Europeo de Asuntos Económicos e Monetarios) “de acordo con as recomendacións da Comisión Europea” que se centran na suba da idade de xubilación en liña co aumento da esperanza de vida. A Comisión Europa recomenda que España “adiante a idade de xubilación aos 67 anos e adecúe o cálculo das pensións a esperanza de vida, ao tempo que tome medidas para que a idade efectiva de retiro aproxímese a idade legal”. O Comisario Europeo considera que “para restaurar a sostibilidade das finanzas públicas inevitablemente hai que garantir a sostibilidade do sistema de pensións(Olli Rhen,......).

Novamente os responsables europeos equivócanse. O malo é que  o saben aínda que non lles importe mentir. En primeiro lugar i en contra do que afirma a Comisión Europea o gasto público en pensións en España non é nin elevado nin insostible para as finanzas públicas. En segundo lugar a sostibilidade desas non depende de garantir a sostibilidade do sistema de pensións.

En relación ao primeiro punto compre saber que España é un dos estados da Unión Europea que menos gasto público destina ao pago das pensións públicas: o gasto público en pensións en España equivale ao 9% do PIB que está lonxe do 12% de media na UE –por non falar dos estados do noso entorno onde chega ao 15%-. Un gasto deficitario que deriva dun importe medio das pensións moi cativo: España é o único estado da zona euro onde o importe medio per capita das pensións está por baixo dos 1.000 euros –en Francia, o estado veciño, está en 2.800 euros-.   

Por outra parte o (“suposto”) problema da sostibilidade das finanzas públicas non está no excesivo gasto público (o gasto público social español equivale ao 21% do PIB cando a media na Unión Europea está no 26%, por non falar de novo de Francia -30%-) senón na debilidade dos ingresos públicos: 35,1% do PIB en España, fronte ao 44,6% de media na UE-27 e o 45,3% na zona euro. En realidade o estado español so supera, polo peso dos ingresos públicos na riqueza nacional, a Lituania, Romanía, Eslovaquia e Bulgaria. I é que España é un dos países europeos con maior fraude fiscal e onde os ricos pagan menos impostos.

Por si non fora suficiente con mentir a Comisión Europea –i, en especial, o locuaz comisario Olli Rhen- non ten lexitimidade para falar das pensións das clases populares. Tanto os comisarios europeos como os funcionarios da Comisión teñen un sistema público de pensións  e indemnizacións privilexiado e elitista.

Na actualidade os funcionarios da CE –que son mais de 25.000- reciben, de media, como pensión de xubilación o 60% do seu derradeiro salario que, tamén de media, rolda os 70.000 euros anuais, sendo a idade normal de xubilación os 63 anos. Tódolos excomisarios a partires de que cumpran 65 anos teñen dereito a unha pensión vitalicia: o importe equivale ao 4,3% do salario base de cada ano de servicio ata un tope máximo do 70%. Aqueles comisarios que cumpran un mandato de cinco anos poden cobrar un mínimo de 51.000 euros anuais. Outros, os mais afortunados, tras 16 anos de servicios teñen dereito ao importe máximo (70% do salario base): mais de 10.000 euros netos ao mes. Compre subliñar que o cobro desta pensión non é incompatible co cobro doutras pensións públicas –p.e. de exdeputado, exministro.....- segundo frecuente o caso de excomisarios que chegan a  cobrar ata tres pensións públicas.

Por outra parte aqueles comisarios que deixan a Comisión antes dos 65 anos, e co gallo de “axudalos a reintegrarse no mercado laboral sen ter que agarrarse a calquera emprego que apareza”, seguen percibindo unha retribución pública equivalente ao 65% do seu antigo salario –o redor de 10.000 euros netos mensuais- durante un período de tres anos a partires da data de abandono da Comisión. Unha indemnización que poden seguir cobrando aínda tendo topado traballo (sic). Algo que non parece difícil: son numerosos os casos de comisarios que unha vez abandonado o seu posto na Comisión se incorporan ao sector privado onde exercen de lobbys en asuntos comunitarios utilizando os seus contactos e influencias.

I é que os lobbys financeiros i empresariais solen seren moi xenerosos con aqueles funcionarios europeos (como, p.e., a Comisión Europea) que actúan como os seus aliados.

Manoel Barbeitos Alcántara

1 comentario:

FUNDACIÓN LUÍS TILVE dijo...

También en el Parlamento, en el Consejo...