viernes, 24 de mayo de 2013

GOBERNOS ILEXITIMOS, GOBERNANTES MENTIREIROS (II)


Outro dos grandes enganos e mentiras do actual Presidente do goberno español,  Mariano Rajoy (PP), foi a súa promesa relativa a rematar con o desemprego. Realmente mentir converteuse nun “habito” do presidente de goberno, nunha práctica cotián e constante: dende que está no goberno non para de mentir.
Como se pode comprobar repasando a maioría dos medios de comunicación e opinión as promesas electorais de Mariano Rajoy (PP) en canto a rematar con o desemprego foron abondosas, rotundas e rechamantes. “O desemprego é a principal razón para o cambio político”.....”Cando goberne, baixará o paro”.....”España non está condenada a un paro dramático”.
Pero a realidade é a que é: si cando Mariano Rajoy (PP) ascendeu ao goberno (4ºT 2011) a cifra de desempregados en España estaba nos 5.273.600  e en Galicia nos 240.400, na actualidade (1ºT 2013) o desemprego en España afecta a 6.202.700 persoas das cales 287.400 corresponden a Galicia. Durante o goberno de Mariano Rajoy –en pouco mais de 1 ano- o desemprego medrou en España nun 18% (case 1 millón mais de desempregados: 929.100) e en Galicia un 20% (47.000 mais). Non cabe, xa que logo, mais que felicitar ao presidente Mariano Rajoy –e ao seu colega en Galicia Alberto N. Feijóo- polo eficaz cumprimento da súas promesas electorais, polo éxito na súa xestión gobernamental.
Pero por si non fora suficiente mostra de cinismo o presentarse a unhas eleccións con un programa coa idea de non o cumprir senón a de aplicar outro distinto unha vez ganadas aquelas, a resposta de Mariano Rajoy (PP) cando se lle require polas novas cifras de desempregados é unha evidencia de que estamos diante dun político non so mentireiro senón tramposo e insensible con quen peor o están pasando. “Por dramática a cifra de paro non nos sorprendeu pois en recesión non se crea emprego (.....) os excesos do pasado conducíronnos a isto. Os equilibrios da economía saltaron polos aires e pensar que se podían manter eses desequilibrios e o crecemento do emprego era unha triste fantasía, un terrible erro que nos levou á estas cifras de desemprego”.
Aínda que pareza incrible as declaracións primeiras e estas últimas pertencen a mesma persoa, ao mesmo político que, velaí a desgracia, é o actual presidente do goberno do Estado español. Un político que non ten reparos en dicir hoxe unha cousa e mañá a contraria para logo asegurar que non dixo ningunha das dúas.
Pero non nos enganemos. Cando en campaña electoral Mariano Rajoy facía aquelas promesas sobre o desemprego sabía perfectamente que estaba mentindo xa que non as ía cumprir, non por que non sexa posible combater o desemprego     –que o é- senón por que as políticas que tiña pensado aplicar, políticas de duro axuste fiscal,  sábese que teñen un impacto enormemente negativo sobre o emprego.
Aínda mais, como demostra a experiencia, entre numerosos grupos sociais e dirixentes políticos dominantes, maiormente de dereitas pero tamén hainos na esquerda moderada ou liberal, conde a idea de que a mellor situación laboral é aquela en que existe un elevado desemprego: si a demanda de emprego supera claramente a oferta será para os empresarios moito mais fácil contratar e facelo con baixos salarios e contratos precarios por que serán moitos os traballadores que aceptarán sen dar chío as condicións que lle ofrezan. A situación española no momento presente, con traballadores desempregados nunha situación tan desesperada que están dispostos a aceptar calquera tipo de traballo, confirma rotundamente estas teses.
As políticas de axuste fiscal –que afectan especialmente as funcións públicas de benestar- e a reforma laboral –que pon o acento no despedimento e na febleza da negociación colectiva- camiñan nesa dirección: debilitar a demanda de traballo fronte a oferta para así poder rebaixar os salarios dos traballadores e incrementar as ganancias dos capitalistas.
Compre non esquecer nunca esta realidade: o interese de grupos sociais dominantes (banqueiros, grandes monopolios....) e dos seus representantes políticos en que haxa moitos desempregados para así disparar a demanda de traballo e forzar aos traballadores desempregados a aceptar calquera tipo de emprego que lle ofrezan.
Un interese que a dereita política, como fixo Mariano Rajoy e o seu partido (PP), nunca recoñecerá nin fará explícito pois sabe que entón nunca gañará unhas eleccións. Un obxectivo para o que é preciso mentir, mentir compulsivamente. Unha estratexia que converte a dirixentes políticos –caso Mariano Rajoy e, mesmo, Alberto N. Feijoo- en mentireiros compulsivos e aos seus gobernos en ilexítimos.

MANOEL BARBEITOS ALCÁNTARA.



No hay comentarios: