lunes, 18 de mayo de 2015

CRECEMENTO E SUBDESENVOLVEMENTO: FROLES E TOXOS



Neste ano electoral en que proliferan os diagnósticos e os balances sobre a situación económica de España, e de Galiza, as  diversas novas aparecen moitas veces como contraditorias cando non como antagónicas.

FROLES. O ministro español de Economía (o banqueiro De Guindos) anuncia que a economía española xa saíu da fonda e longa recesión para iniciar o despegue: “o PIB medrou ao ritmo do 3,5% no primeiro trimestre”. En calculada sintonía a ministra de Traballo (a inefable Fátima Báñez) informa de que “o desemprego rexistrado cae en España que está diante dun cambio estrutural do mercado de traballo”. Pola súa veira o capital español presume de teren uns resultados magníficos: IBEX 35, BANCOS, OLIGOPOLIOS... presumen de teren grandes ganancias neste ano 2015.

TOXOS. Pero nestas aparece EUROSTAT (Oficina estatística da Unión Europea) e informa de que España estase convertendo, xunto con Estonia, no estado europeo con maior desigualdade (maior diferenza entre as rendas altas, e as rendas medias e baixas). O INE, a través da enquisa salarial, apunta que a media dos novos salarios non superou os 800 euros mensuais no ano 2014 o que supón que o salario por hora en España distánciase, mais e mais, da media na zona euro. O Servizo Público de Emprego apunta que cando menos o 90% dos novos contratos son precarios e de que segue medrando o número de desempregados que xa non cobran a prestación contributiva. Pola súa veira o Banco de España  (“o banco amigo dos traballadores”) ten que recoñecer que a distribución do PIB faise cada vez mais desigual por mais favorable as rendas de capital. Finalmente o INE informa de que España segue en deflación.

Como explicar estas informacións estatísticas aparentemente tan contraditorias?, quen está mentindo?.

Para atopar unha axeitada resposta a estas preguntas hai que buscala na relativa importancia das estatísticas utilizadas para xustificar logo os argumentos políticos. Así cando o ministro de Economía subliña que o PIB español medra por riba da media comunitaria non está dicindo nada ou case nada da economía española e galega. O mesmo cando a ministra de Traballo fala dun cambio de tendencia no mercado laboral. Pois sucede que para coñecer a auténtica realidade hai que utilizar outros indicadores.

E ben certo que os políticos, e a maioría dos medios de comunicación e opinión, utilizan con profusión o PIB para explicar a situación da economía esquecendo, ou ignorando, que a experiencia e as evidencias ensináronnos que aquel (PIB) é un mal indicador para explicar o que realmente está pasando. Algo que resulta evidente cando queremos, por exemplo, coñecer o impacto que este PIB ten nas condicións de vida dos cidadáns galegos i españois. Que medre o PIB non quere dicir que mellore a nosa alimentación, a nosa saúde, os nosos empregos e salarios, a nosa calidade de vida, o noso medio ambiente....nin que diminúan as desigualdades sociais e territoriais. I España é un caso paradigmático desta falta de coincidencia.

Non é por casualidade que os do PNUD (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento) perfectos coñecedores destas insuficiencias estatísticas utilicen o IDH (Índice de Desenvolvemento Humano) por resultar, a pesares dalgunhas carencias, un indicador moito mais fiable e completo. Nin tampouco é casualidade que a clasificación dos estados europeos segundo o seu IDH non coincida, de ningures, coa clasificación segundo o nivel de crecemento do PIB, nin sequera a nivel global.

E así ocorre que mentres os políticos gobernantes españois e galegos, e os seus altofalantes, repítenos que España é o estado da Unión Europa con maior nivel de crecemento económico (PIB) o PNUD informa que España mantense, en desenvolvemento económico (IDH), no furgón de cola entre os estados europeos do noso entorno.

E as evidencias apuntan a que os do PNUD están moito mais preto da realidade que os gobernos español e galego (PP).


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: