viernes, 3 de julio de 2015

HAI COUSAS QUE NON CAMBIAN: COMO POR CASO, OS GOBERNADORES DO BANCO DE ESPAÑA.

O gobernador do Banco de España, Luís Linde, abordou no Congreso a sostenibilidade do sistema de pensións. Linde ratificouse na súa teoría de que hai que informar aos españois de que o problema demográfico conduce “a unha redución inexorable das pensións a longo prazo, salvo que se combine con aforro privado. O sistema actual non garanta o nivel de pensións que esperan os cidadáns”. Linde cree que “non se debe ocultar ao cidadáns que o actual sistema de reparto necesita o empuxe do aforro privado para completala pensión”

Ai cousas que non cambian, como por caso os dogmas e as homilías dos gobernadores do Banco de España: agora tócalle predicar ao inefable Luís Linde.
De entrada Linde recórdame o un gobernador anterior (MAFO: Miguel Angel Fernández Ordoñez) que non paraba de criticar tanto aos traballadores e os seus representantes sindicais –polas, segundo el, excesivas demandas salariais- como aos pensionistas –polo elevado custo do gasto público en pensións- mentres na súa casa –sistema bancario español- prendía un lume que ameazaba con levar a todo o pobo por diante. Un lume –a crise financeira- que todos lembramos como rematou –afundimento do sistema de caixas, excesivo apalancamento dos bancos, rescate financeiro- e as consecuencias que tivo –agudizala xa fonda crise económica e disparar o gasto público co conseguinte impacto sobre a débeda pública-. Un lume favorecido pola súa incompetencia como gobernador do Banco de España e polo seu servilismo cos grandes banqueiros españois –de feito actuou sempre como un altofalante dos mesmos: como pasa agora con Luís Linde-.
Pero vaiamos as “ocorrencias” –nada novas- de Luís Linde. Quero empezar subliñando que nun estado con un nivel de democracia avanzado este personaxe tería sido inmediatamente cesado aínda que so fora pola súa incompetencia e frivolidade. Incompetencia por dicir que periga a sostenibilidade do sistema público de pensións. Frivolidade por non pensar no temor que as súas verbas poden causar no colectivo de pensionistas, un colectivo xa moi castigado polos axustes fiscais.
1º. E rotundamente falso que o sistema público español de pensións contributivas corra perigo dende o punto de vista fiscal. España é un dos estados da UE que menos gasto público dedica ao pago de estas pensións a pesares do elevado número de beneficiarios. Tanto o rateo do gasto público en función da riqueza (8% do PIB) como dos habitantes (2.000 upc per cápita) situados no furgón de cola comunitario (11% e 2.800 u.p.c. de media) dinnos que en España hai recursos públicos dabondo para financiar o actual sistema e incluso para melloralo. Si España empregara o mesmo número de recursos públicos que os estados do noso entorno a Seguridade Social tería 30.000 millóns de euros mais para o pago das pensións.
2º. Como nos ensina a experiencia non hai que crer de ningures aos “profetas” dos problemas demográficos cando utilizan as súas “homilías” para falar das pensións. O seu argumento central é que dada a tendencia imparable ao envellecemento poboacional a relación activos/pasivos chegará a desequilibrar a balanza cotizantes/pensionistas poñendo en perigo o financiamento público das pensións. E non hai que crerlles por que ao día de hoxe estes profetas fallaron en TODAS, tódalas súas previsións demográficas e aí están as hemerotecas para confirmalo, por certo algunhas moi recentes.
3º. Nun sistema de reparto como o español os ingresos para o pago das pensións contributivas dependen tanto das apartacións que se retraen dos salarios dos traballadores como do número de traballadores cotizantes. I é aquí onde podemos teren problemas co financiamento das pensións: o número de cotizantes depende do número de empregos i España por mor das políticas de axuste fiscal e de regulación laboral ten ademais dun elevado desemprego unha moi baixa taxa de ocupación (56%) estando neste caso no furgón de cola (posto 25 entre os países da Unión Europea), moi lonxe doutros estados europeos (Suecia: 75%, Alamana: 74%, Países Baixos: 74%). Este sé que é un problema para o sistema público de pensións e non o demográfico.
As apartacións dos traballadores dependen tanto dos salarios canto dos tipos de cotización (empresarios e traballadores). Uns salarios que veñen a baixa nos derradeiros anos en valores reais: o salario medio bruto español foi de 1.634 euros mensuais no ano 2014 –72% da media europea ou 428 euros menos-. Unhas apartacións nas que as cotizacións correspondentes aos empresarios tamén veñen a baixa –5 puntos nos derradeiros 15 anos segundo datos da propia Seguridade Social- por mor das rebaixas que nos derradeiros anos fixéronlle os respectivos gobernos co gallo de impulsar a contratación
Tres problemas –caída dos empregos, rebaixa dos salarios e das cotizacións dos empresarios- para a Seguridade Social dos que persoeiros como Luís Linde non falan cando se refiren as pensións por que saben que entón os seus argumentos catastrofistas caen polo seu propio peso. Por que entón tería que “denunciar” as durísimas políticas de axuste fiscal, de rebaixa salarial e de incremento dos beneficios empresariais que están aplicar tanto o goberno español como, aquí, o galego. Ámbolos dous en mans do seu partido (PP).
4º. Hai que ter “bemoles” para dicirlles aos mozos galegos i españois que teñen que aforrar para a súa vellez ou, peor aínda, para subscribir un fondo privado de pensións. Con taxas de desemprego –superiores ao 50%- que mais que duplican a media europea, salarios reais a baixa –algúns por baixo do SMI- pídeselles aos/as mozos/as galegos/as e españois que aforren. Si temos en conta que o aforro é o que queda da renda familiar logo de consumir (alimentación, vestido, casa) para que haxa aforro os/as mozos/as deben gastar menos en consumo: pasaren fame, ir espidos e durmir na rúa. Ou que vivan a conta dos seus país, pero …. que teñan fillos e subscriban un fondo privado de pensións …. que pode remataren crebando   –a crise financeira golpeou moi forte aos fondos de pensións-.
E este personaxe aínda segue no seu posto.

Manoel Barbeitos Alcántara


No hay comentarios: