viernes, 17 de julio de 2015

O “AUSTERICIDIO” E A LOITA DE CLASES


Contra o que algúns poidan pensar, as durísimas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e desregulación laboral que a troica (FMI, BCE, CE), baixo o liderado alemán, está impoñendo nos estados da eurozona e moi especialmente nos estados periféricos –España, Grecia, Portugal- non son políticas novidosas nin, moito menos, orixinais. Responden ao clásico receitario propio da ideoloxía neoliberal e teñen os seus antecedentes nos coñecidos Plans de Axuste Estrutural (PAE) que dende principios dos anos oitenta, no século pasado, o FMI e o BM tratan de impoñer en todos aqueles estados nos que interveñen.
Un receitario que agocha un claro pranteamiento de crase: trátase de aproveitar as dificultades financeiras do estado en cuestión para implementar un programa que recolla os intereses do capital financeiro e as multinacionais en prexuízo dos cidadáns nacionais de rendas medias e baixas. “Un programa que afectara do mesmo xeito a tódolos grupos (e dicir que fora neutro dende o punto de vista social) sería mais difícil de aplicar que un programa discriminatorio, que fixera soportar o axuste a certos grupos, sen afectar a outros, para que estes apoien ao goberno” (OCDE: A viabilidade do axuste. 1996)(*). Mais claro?: auga.
Analicemos as principais medidas –son sempre i en todo lugar as mesmas- para comprobar o seu carácter clasista.
Si se trata dun pais do terceiro mundo a primeira medida que se lle impón é  A DEVALACIÓN DA SÚA MOEDA E A ELIMINACIÓN DE CALQUERA TIPO DE CONTROL DO CAMBIO: unha medida que ten un efecto negativo inmediato sobre o valor real dos salarios e os prezos reais pagados aos pequenos produtores que sofren en ambos casos caídas moi fortes. A continuación ven unha medida estrela: AXUSTE FISCAL que afecta fundamentalmente aos gastos sociais e aos investimentos públicos (“Para reducir o déficit orzamentario unha redución moi importante dos investimentos públicos e unha diminución do funcionamento non conleva risco político” OCDE) que ten un obxectivo central claro que non é outro que liberar ingresos públicos das funcións de benestar e dos investimentos en infraestruturas básicas para destinalos ao pago da débeda –xuros e amortizacións-.  LIBERALIZACIÓN DE PREZOS E ELIMINACIÓN DE SUBSIDIOS: con repercusións inmediatas sobre os prezos dos produtos importados e das materias primas que se disparan a alza co conseguinte efecto tanto sobre o nivel adquisitivo das familias de rendas medias e baixas como sobre a estrutura de custos dos pequenos produtores e empresarios. LIBERALIZACIÓN DO MERCADO LABORAL E DESINDEXACIÓN DOS SALARIOS: esta medida busca especialmente a eliminación dos convenios colectivos e a debilitación das centrais sindicais –pois “acentúan” os privilexios dos traballadores sindicalizados- para así diminuír os salarios reais e precarizar o mercado de traballo: “Se os asalariados das empresas parapúblicas están ben organizados, poden opoñerse eficazmente a decisión do goberno (de privatizar ou despedir masivamente). Toda política que debilitara estes corporativismos”            –movemento sindical- “seria desexable” (OCDE). Entre as actuacións recomendadas están a flexibilización do mercado laboral, a rebaixa salarial, o recorte das prestacións por desemprego –“favorecen o desinterese pola procura dun emprego e disparan o gasto público”- e a supresión do SMI.
Outras medidas relevantes destes programas son a LIBERALIZACIÓN DO SISTEMA BANCARIO e a PRIVATIZACIÓN DE EMPRESAS PÚBLICAS. O despoxo do sistema bancario nacional xunto a perda de control da política monetaria polas autoridades nacionais é o que se busca coa liberalización do sistema bancario nacional quen leva tanto a unha inmediata suba dos tipos de xuro –con os efectos pertinentes- como a unha entrada da banca estranxeira e a unha extensión das entradas e saídas de diñeiro negro. Trátase tamén de facilitar a entrada do capital multinacional grazas a privatización de empresas públicas ao tempo que se facilita o movemento de capitais que atopan así facilidades para fuxiren deica os paraísos fiscais.
Non podía faltar unha POLITICA FISCAL REGRESIVA que favoreza as rendas do capital fronte as rendas do traballo e ignore o fraude fiscal. Faise así fincapé na suba do IVE, moi especialmente dos produtos básicos, e desprezase o IRPF pois “provoca distorsións na economía e esixe maiores recursos públicos para a súa xestión” (OCDE).
Finalmente DESMANTELAMENTO DOS SERVICIOS PÚBLICOS E DAS REDES DE PROTECCIÓN SOCIAL. Dentro destes servizos os neoliberais teñen preferencia polas PENSIONS: reforma regresiva do sistema público de pensións –retraso na idade de xubilación, maiores períodos de carencia, menores importes.- e fomento dos plans de pensións privados. De xeito complementario elimínanse todas aquelas medidas públicas que teñen como obxectivo axudar a persoas e colectivos en risco de exclusión ao tempo que se privatizan os servizos de atención –sanidade, ensino-. ”A primeira precaución a tomar é evitar unha política laxa en período de prosperidade pois crea dereitos que logo é difícil por en cuestión (….) os usuarios dos coidados de saúde primaria deben pagalos dereitos de uso aínda que sexan parte dunha comunidade rural pobre” (OCDE).
Trátase, como se pode veren facilmente, de crealas mellores condicións para que tanto o capital bancario como as multinacionais fáganse co control da economía do estado intervido para que o é preciso tanto debilitar as clases populares como desmantelar o público como debilitar o sistema democrático. Non é casualidade que os defensores destes plans de axuste teñan preferencia polas ditaduras quen permiten unha mellor gobernabilidade do programa. “Para que un goberno teña a marxe de manobra necesario para axustar, debe seren apoiado por un ou dos grandes partidos maioritarios e  non por unha coalición de pequenos partidos, o que conduce a preferir o escrutinio uninominal ao escrutinio proporcional para a elección ao parlamento (ou cando menos aconsellar unha combinación dos dous modos de escrutinio). Outros medios permiten reforzar o executivo como a posibilidade de poderes especiais temporais ou un control expost do poder xudicial, co gallo de evitar que algúns xuíces puideran bloquear exante a aplicación do programa” (OCDE).
Como dicía ao principio estes programas supoñen claramente unha perspectiva de clase que nin os seus propios promotores agochan: “as medidas de axuste estrutural poden seren aplicadas ao longo de moitos anos e cada medida provoca ao mesmo tempo gañadores e perdedores, de xeito que o goberno pode apoiarse facilmente nunha coalición de beneficiarios para defendela súa política” (OCDE).
As consecuencias están a vista –como por caso agora mesmo: Grecia-: a economía do pais intervido cae nunha grande depresión, dispárase o desemprego e caen os salarios reais, prodúcese unha degradación dos servizos públicos e unha caída dos indicadores básicos –por caso a desnutrición e a mortalidade infantil-, medra espectacularmente a pobreza e a exclusión, intensificase a fuga de capitais, medra a débeda pública pola caída dos ingresos e a suba dos xuros, redúcese o mínimo a soberanía do país –quen pasa a seren practicamente un protectorado das finanzas internacionais-, deteriorase a democracia –cando non se converte en ditadura-. As evidencias son numerosas –mais de un centenar de países, polo de agora- e aí están as hemerotecas para quen teña dúbidas.

 (*) “Recomendacións” aos gobernantes para que as P.A.E. teñan éxito. Para mais detalles: E. TOUISSANT (“A bolsa ou a vida”. Edit. TERCERA PRENSA).

Manoel Barbeitos Alcántara



No hay comentarios: