viernes, 18 de septiembre de 2015

VELLOS E CADUCOS DOGMAS (IV)

A economía-mundo capitalista que xurdiu logo das dúas guerras mundiais do século XX puxo en evidencia que moitas das teses clásicas xurdidas ao carón dos séculos XVIII e XIX xa non eran válidas. As transformacións históricas que experimentou esta economía-mundo capitalista puxeron en evidencia a necesidade de novos plantexamentos en materia de política económica pois os supostos da teoría clásica apareceron rapidamente como obsoletos e inapropiados.
Por unha parte xa non se pode falar de mercados illados nos que a demanda axústase, pola súa tendencia natural, a oferta. Tampouco se pode falar de mercados perfectos. Agora nin os mercados son perfectos, precisan sempre da intervención do estado, nin teñen comportamentos individuais senón que uns inflúen noutros moitas veces de xeito decisivo como mostrei nalgúns dos textos anteriores.
Un dos casos paradigmáticos tanto da necesidade dunha intervención pública como da existencia dunha relación entre os mercados é o diñeiro, o mercado monetario. Segundo a teoría clásica neste mercado ao igual que sucede no resto dos mercados, o prezo –a taxa de xuro- remata sempre volvendo, tarde ou cedo, a súa posición de equilibrio (oferta=demanda), pois resulta seren o seu “nivel natural”, sen que sexa necesaria unha intervención externa –das autoridades monetarias, por exemplo-. A demanda monetaria sempre remata por axustarse a oferta monetaria ao prezo (taxa de xuro) de equilibrio e sen que interveñan, por caso, outros mercados nin sexa necesaria unha actuación pública pois trátase de mercados perfectos e autónomos que procuran o equilibrio por si mesmos, naturalmente.
Pero, unha vez mais, os postulados clásicos chocan con as evidencias. A mesma existencia de bancos centrais xa indica que os gobernos si inflúen decisivamente sobre a oferta monetaria, sobre a cantidade nominal de diñeiro. Unha oferta, unhas cantidades de diñeiro que determinan os tipos de xuro. Non sendo, xa que logo, nin os rendementos de capital nin os prazos –o mercado en definitiva- como subliña a teoría clásica, quen determina aquel senón a autoridade monetaria.
Unha autoridade monetaria que ao influír na oferta monetaria –cantidade de diñeiro- inflúe, antes de nada, no tipo de xuro. Ao influír no tipo de xuro faino indirectamente na demanda de diñeiro e na inversión. Ao influír na inversión faino, finalmente, sobre a demanda agregada e por tanto na produción e no emprego. As autoridades monetarias poden, xa que logo, influír no emprego a través da política monetaria en contra do que defende a teoría clásica. Esta argumenta que o goberno so pode influír na creación de emprego a través da política salarial, incidindo sobre el nivel salarial para que este coincida –axústese- ao seu nivel de equilibrio: un nivel que os clásicos aseguran que coincide co pleno emprego e que so deixa de coincidir se inflúen factores externos, se os traballadores resístense a percibiren uns salarios que sexan compatibles coa produtividade. Unha resistencia que tería o seu soporte na negociación colectiva. Velaí, como xa expliquei en textos anteriores, o pensamento liberal que, inexplicablemente, volve a estaren vixente hoxe en día en moitas instancias da Unión Europea como por caso a troica e a maioría dos gobernos europeos.
Un pensamento neoliberal que turra por eliminar a negociación colectiva, polas razóns apuntadas, e que se nega –como sucede co BCE e o mesmo Banco de España- a que a política monetaria teña entre os seus obxectivos estratéxicos a creación de emprego –algo que si ten a Reserva Federal- para o que sería preciso que os bancos centrais estean coordinados e en sintonía coas autoridades públicas, o que non sucede actualmente na UEM –o BCE e independente dos gobernos europeos e camiña a ditado da grande banca europea-.
Velaí que cando dende o Banco de España ou do propio BCE atacan aos salarios como culpables do desemprego estas autoridades monetarias estean buscando desviar atención das súas propias responsabilidades nas recesións económicas e no desemprego que son moito maiores pola súa decisiva influencia na política monetaria.

Manoel Barbeitos Alcántara

1 comentario:

Suso dijo...

Que podería pasar se o traballo humano asalariado deixara de ser considerado como unha mercancía mais?