viernes, 16 de octubre de 2015

CRECEMENTO A TODA COSTA: CRECEMENTO REAL?


Con demasiada frecuencia tanto dirixentes políticos como sindicais fan a vista gorda diante dos enormes estragos que no medio ambiente producen algunhas actividades industriais –como por caso as industrias extractivas- baixo a xustificación dos empregos e a riqueza que se crean e de que “mais contamina o desemprego e/ou a fame”.
Aínda entendendo as razóns que levan a eses dirixentes a defender este tipo de industrias tan daniñas penso que “as árbores non lles deixan veren o bosque”. Galiza é un caso paradigmático de impacto ambiental pola actividade das industrias extractivas: as bisbarras de Valdeorras e  Porriño-Mos pasan por seren as mais emblemáticas pero, como dicía nun texto anterior, son moitas mais as bisbarras que soportan ese impacto tal que Galiza vai camiño de se converteren nunha grande canteira. Compre, xa que logo, facer unha pequena reflexión sobre o tema deixando a unha veira tópicos e falsos argumentos preconcibidos con frecuencia demagóxicos.
Segundo as fontes mais fiables nos momentos mais álxidos da actividade –que coinciden cos anos da burbulla inmobiliaria- o nivel de extracción de granito acadaba en Galiza a cifra de 800.000 toneladas anuais (60% do total español) creando 2.800 empregos directos e 2.000 indirectos. Pola súa parte a extracción de lousa acadaba nas mesmas datas un volume superior as 560.000 toneladas anuais (70% do total español) creando un numero estimado de 3.300 empregos. Poidan que non sexan datos exactos dadas as fontes pero non deben andar moi lonxe da realidade. O que non nos din esas fontes é nin o volume de terra e masa vexetal que se mobilizou con esas extraccións nin o volume de residuos e/ou sedimentos que se orixinou. Nin tampouco o volume de auga contaminada, de enerxía consumida ou de terra mobilizada so polas vías de transporte. Non falemos xa do tempo que deberá transcorrer para que eses terreos recupérense, aínda que sexa parcialmente, do deterioro producido. Si que iso é posible, cousa que dubidamos.
Esta dobre vara de medir –vantaxes/perigos- para este tipo de actividades industriais –como sucede con moitas outras- e moi típico das ideoloxías desarrollistas que so teñen en conta os intereses do capital, dos empresarios esquecéndose do interese global da sociedade que vive e desenvolvese no lugar escollido por esas industrias extractivas. Calcúlase canta riqueza (produción, ventas, emprego) se crea e se desenvolve pero, calcúlase canta riqueza (recursos naturais, enerxía, produción animal e masa vexetal …) se destrúe polo camiño?. Calcúlase canta riqueza se podería teren creado con outras actividades menos agresivas co medio ambiente?. Unha vez pasada a euforia desarrollista, están agora esas bisbarras mellor que antes?, ou tan sequera seguen cando menos igual que antes da explotación?, son reparables os desastres causados?, que territorio queda para as xeracións futuras?: lémbremos que so entre Porriño e Valdeorras extraéronse unha media anual de 1.500.000 toneladas entre granito e lousa.
A especie humana afastouse do modelo de funcionamento da biosfera cando empezou a usar masivamente os combustibles fósiles para acelerar as extraccións da cortiza terrestre e estender o transporte horizontal por todo o planeta. Utilizar o ferro e o carbón para fabricar e abastecer maquinas de vapor que aplicaban a súa forza mecánica para extraer, transportar e procesar mais ferro e mais carbón, con os que obter mais máquinas de vapor, anunciou a espiral de crecemento explosivo característico da actual civilización. Ademais a enerxía e os materiais derivados destas extraccións non so aceleraron os procesos industriais e elas vinculados, senón tódolos outros procesos de explotación dos recursos planetarios, favorecendo tamén o crecemento exponencial da poboación. Esta espiral de crecemento, ao apoiarse no manexo en grade escala dos stocks de determinados materiais contidos na cortiza terrestre, sen devolvelos a súa calidade orixinaria de recursos estaba abocada a acentuar o deterioro do patrimonio natural tanto pola extracción de recursos como polo vertido de residuos, resultando xa que logo globalmente inviable” (J.M. NAREDO: “Raíces económicas del deterioro económico y social”. S.XXI)




Manoel Barbeitos Alcántara

.

No hay comentarios: