miércoles, 18 de noviembre de 2015

FALANDO DE DEREITOS HUMANOS

Esta vez vou deixar de lado os asuntos puramente económicos e voume a referir a temas políticos, exactamente aos dereitos humanos. O fago a propósito do criminal atentado fundamentalista –tódalas evidencias apuntan a un comando- de París que deixou a sanguento balance de 139 mortos e 415 feridos. TERRIBLE.
Sei que o que vou dicir pode ser malinterpretado ou, no mellor dos casos incomprendido. Non me importa: ninguén me pode negar a miña dor polas vítimas deste salvaxe atentando nunha cidade a cal téñolle, por razóns varias, un particular cariño.
Por que o que vou dicir é que, de ningures, me solidarizo ca salvaxe resposta –cantas vítimas civís monsieur?-  que o socialdemócrata F. Hollande está dándolle a este criminal atentado. Non me solidarizo por que, na miña opinión, F. Hollande e os seus aliados occidentais tamén estanse comportando coma salvaxes no terceiro mundo e, neste caso, no Oriente Medio. Estanse comportando como os propios terroristas: alguén leva conta das vítimas humanas, maioría inocentes, habidas por mor das guerras e a violencia nesta zona do planeta?. Alguén sabe cantas son as vítimas producidas por armas vendidas, entre outros estados occidentais, por Francia?. Segundo as fontes mais fiables en Iraq as vítimas mortais, dende a invasión dos USA, están preto das 200.000, en Siria dende que estoupou a guerra civil van aló mais de 120.000 mortes, en Afganistán e segundo as fontes mais solventes (ACNUR) o número de mortos civís oscila entre os 2.500 e os 3.000 por ano dende que tivo lugar a invasión estadounidense (outubro 2001). E os civís desprazados polas guerras e os conflitos?: 6.500.000 en Siria dos cales 2.400.000 son refuxiados, en Iraq 2.674.000 desprazados e 1.200.000 refuxiados, Palestina: 420.000 desprazados. Alguén en occidente se preocupa por eles?... Son persoas –homes, mulleres e nenos/as- que foxen da guerra, das ditaduras e do terrorismo. Tamén da pobreza e da miseria das que occidente en absoluto é inocente.
Alguén sabe de onde proceden as armas que utilizaron os terroristas na salvaxada de París?. Alguén sabe como se financia o chamado Estado Islámico?, e como xurdiu?.  Alguén lembra quen eran os aliados de occidente cando os rusos estaban en Afganistán, Hadam Hussein en Iraq, Gadafi en Libia, Mubarak en Exipto e Ben Alí en Túnez?. Alguén se lamenta das salvaxadas que o criminal goberno israelí esta facendo tanto en Gaza –so na derradeira acción criminal do goberno xudeu que tivo lugar en xullo do 2014 os bombardeos israelí causaron, entre a poboación palestina, 2.143 mortos e 11.500 feridos, nun 70% civís- como en Cisxordania –so no mes de outubro morreron 80 palestinos a mans do exercito israelí-?, salvaxadas que na derradeira década teñen provocado a morte de mais de 1.500 nenos palestinos. Ocorréuselles as potencias occidentais facer algo por parar este magnicidio, xa non falo de bombardear Israel pois ademais de inviable sería unha nova salvaxada.
Non era o ditador Assad un aliado de occidente?. Non eran a defensa dos dereitos humanos, a loita contra o terrorismo e a defensa da democracia as razóns que xustificaron as intervencións de occidente en Afganistán, Iraq, Libia, Siria….?. Pois vaia non parece que as estatísticas de mortos, desprazados e refuxiados avalen o éxito nesa defensa dos dereitos humanos e da democracia.
O sinto pero non podo evitar a sospeita de que tanto na reacción de F. Hollande como na de moitos dos seus aliados –como por caso M. Rajoy- hai un frío e calculado obxectivo electoral de políticos a baixa. Por todo isto aplaudo a resposta negativa de PODEMOS –e mais en concreto de Pablo Iglesias- a “oferta” de M. Rajoy para unirse nun fronte antiterrorista  –ultimamente e moi doado a propoñer frontes-.
Como lles vou a crer que defenden os dereitos humanos cando os están vulnerando un día si e outro tamén?, como lles vou a crer cando na loita contra o terrorismo as súas actuacións amais de seren unilaterais (onde vai a ONU?) son absolutamente arbitrarias?. Como vou a crer na sinceridade de F. Hollande cando na súa loita contra o terrorismo en África o que prima son os intereses das súas centrais nucleares e da súa industria armamentística?. Como lles vou crer si son os mesmos que para xustificar os brutais bombardeos e a ocupación de Iraq mentiron con total premeditación e alevosía?. Como lles vou a crer a estes gobernos cando din que están sinceramente comprometidos con a democracia en Oriente Medio cando apoian ditaduras salvaxes como as dos emiratos árabes que negan calquera dereito democrático aos seus cidadáns e tratan como animais aos emigrantes –por non falar do trato que aplican as súas mulleres- amais de seren, en moitos casos, quen realmente financian aos grupos terroristas islamitas? Pois, quen está financiando o estado islámico ISIS?...
Unhas crenzas que non me impiden, senón todo o contrario, solidarizarme coas vítimas e os seus familiares deste salvaxe, criminal atentado: participei como moitos santiagueses na concentración silenciosa oficial.  Non mo impiden por que eu solidarízome sempre con tódalas vítimas tanto dos criminais atentados, como das guerras criminais, dos bombardeos salvaxes, da violencia institucional, da fame provocada pola avaricia e a falta de sentimentos de empresas e gobernos. Unhas crenzas que non me impiden defender a necesidade de combater unidos o terrorismo, todo tipo de terrorismo, pero empezando por atallar as causas que o facilitan e/ou favorecen. Acaso fai falla lembrar como naceu Al Qaeda?.
Por certo un derradeiro dato para a reflexión: a maioría dos terroristas que lanzaron este ataque en París eran de nacionalidade.. francesa. E entre as vítimas había…. musulmáns.


Manoel Barbeitos Alcántara.

No hay comentarios: