viernes, 20 de noviembre de 2015

POIDA QUE AINDA ESTEAMOS A TEMPO


En poucas semanas, exactamente entre o 30 de novembro e o 11 decembro, celebrarase en París a XXI Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático.
E moi posible que os terroristas que levaron a cabo o criminal e monstruoso ataque na noite do 13 de novembro, que provocou 139 persoas mortas e 415 feridas, tiveran presente este feito e buscaran así que a súa acción producira un maior impacto tanto mediático como político. Poida que a reacción do goberno francés que preside F. Hollande tamén estea en parte condicionada por ese evento. Sempre quedarán as dubidas, pero o que non parece cuestionable é que nesas datas os estados presentes no acto, maiormente os mais industrializados, deberan estar preparados para chegar a un acordo que, cada día que pasa, aparece como mais urxente. Un acordo que permita unha redución efectiva dos gases de efecto invernadoiro. Xa non é discutible que hai un quentamento global da atmosfera e que este débese fundamentalmente as actividades humanas. Xa ninguén pode negar esa evidencia tanxible e obxectiva.
Unha realidade que ofrece perspectivas moi sombrías de non tomar medidas de xeito inmediato. Segundo o IPPC –Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, creado polas Nacións Unidas-, “a hipótese mais pesimista –sen un esforzo real na redución dos gases- predi, de aquí a 2100, temperaturas  o redor de 4ºC mais elevadas a escala planetaria e de o redor de 6ºC mais na superficie terrestre, é dicir, o caos. Nin sequera os escenarios intermedios poden garantir unha estabilización a medio prazo. So a hipótese optimista permitiría conter o aumento da temperatura global por debaixo de 2ºC, un límite que non se debe superar e, preferiblemente, que nunca se debe acadar. Mais aló, non e posible descartar a aceleración deste fenómeno con o rápido desxeo de Grenlandia, a modificación da circulación oceánica profunda e o desxeo do permafrost” –solo conxelado en profundidade- “nas terras boreais que conlevarían a liberación masiva de CO2” (PHILIPPE DESCAMPS: “Da ciencia a política”. Le Monde Diplomatique, novembro 2015).
Unha vez mais a solución é política como así o demostran as evidencias. A evidencia de que as actividades que mais contribúen ao quentamento da atmosfera –aquelas que usan como combustible o petróleo, o gas e carbón- son tamén aquelas que perciben das administracións públicas as maiores subvencións –superiores ás que perciben as que se apoian nas enerxías alternativas- A evidencia de que son os estados mais avanzados os que mais contaminan: entre os Estados Unidos (27%) e a Unión Europea (24%) acumulan mais de 700.000 millóns de toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2) que supoñen a metade (51%) do total mundial. En relación a España compre subliñar que no ano 2012 superaba nun 15% o prometio máximo fixado no protocolo de Kioto (27%) sendo o estado industrializado onde mais medraran as emisións. En Galiza superouse o prometio nun 10%.
Os datos apuntan, xa que logo, a que estados son os que teñen que facer un maior esforzo na redución da emisión de gases –Estados Unidos e a Unión Europea- e que actividades teñen que ter un maior control –as que usan petróleo, gas e carbón-. Como se pode ver son os estados do Norte –os mais ricos- quen mais contribúen ao cambio climático. Nembargante están sendo os estados do Sur –os mais pobres- quen mais están sufrindo as consecuencias dese cambio: desertización, furacáns, monzóns.
E urxente que os estados cheguen a un acordo. Un acordo que con Obama na presidencia dos Estados Unidos –Obama, afortunadamente non é  George H.W. Bush quen fixera fracasar o cumio de Río (1992): “o american way of life non e negociable”- parece mais viable aínda que nos quedan as dúbidas de cal será o comportamento de moitos estados europeos, desta Unión Europa que non parece quen de camiñar pola senda do sentido común.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: