viernes, 27 de noviembre de 2015

O SECUESTRO DE EUROPA

Non sei en que estarían pensando os grandes artistas Rembrandt, holandés, e Rubens, flamenco, cando estaban pintando o famoso cadro do secuestro da princesa Europa polo deus Zeus –un tema que inspiraría a moitos outros artistas como por caso P. Picasso-. Pero si é certo que nestes derradeiros anos, e aproveitando a grande crise, a Europa das liberdades, os dereitos democráticos e o estado de benestar está sendo secuestrada polo capital financeiro e comercial quen conta para elo coa axuda da chamada troica (FMI, BCE CE). Malia que se a mitoloxía concede un final feliz a aquel secuestro –tiveron tres fillos- o actual ten un transcorrer desastroso para esta Europa –moi especialmente para as clases de rendas medias e baixas-. Un final que aínda está por escribirse pero que pode seren terrible, pode ser a morte da Europa das liberdades e os dereitos democráticos, da Europa do estado de benestar.
I e que Europa, a Unión Europea, foi secuestrada polo capital financeiro e comercial quen aproveitando a servidume da maioría do gobernos europeos e utilizando a troica como estilete e rebarbadora está saqueando Europa en beneficio propio.
As probas son continuas e a cada cal mais escandalosa. Algunhas das mais recentes teñen como actores principais ao Presidente do Eurogrupo (o socialdemócrata holandés Jeroen Disselblöem), o Presidente da Comisión (o liberal luxemburgués Jean-Claude Juncker) e o presidente do Banco Central Europeo (o banqueiro Mario Draghi). Uns políticos que lideran a chamada “troica” quen, co apoio da maioría dos gobernos europeos, impón nos estados da UEM as políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos que tanto dor e sufrimento están provocando nas clases populares europeas.
En relación aos dous primeiros (Disselblöem e Juncker), e a pesares do silencio cómplice da maioría dos medios altofalantes europeos, vimos de saberen que tiveron fai pouco tempo un grande protagonismo a hora de facilitar o branqueo de diñeiro a grandes fortunas europeas: todo un exemplo de gobernantes decentes e honestos. Sendo J.C. Juncker e J. Dijsselbloem ministros de finanzas de Luxemburgo e Holanda, respectivamente, “creouse o maior enramado de fraude fiscal que ten coñecido Europa, deseñado para permitir que as multinacionais e grandes corporacións evadan impostos a grande escala en prexuízo dos países membros da UE que agora dirixen. Ademais durante mais de 15 anos bloquearon tódolos intentos da Comisión Europea por corrixir este sistema impositivo que defraudou miles de millóns de euros as arcas públicas… e que ata agora mesmo logrou ocultar esas vindas a propia Eurocámara, cuxos parlamentarios seguen tendo vetado o acceso aos documentos que demostran a responsabilidade persoal deses dous políticos neste xigantesco saqueo as Facendas dos seus socios (ENRIQUE BAYO: “Os documentos secretos que a UE oculta ó Parlamento europeo” PUBLICO DIXITAL 20.11.2015).
Estes persoeiros, que tiveron un grande protagonismo na negociación do terceiro rescate para Grecia formando parte do núcleo duro da negociación, cando Yanis Varoufakis –naquela ministro de Finanzas grego- presentou o seu plan de redución do déficit fiscal que incluía entre outras medidas a loita contra a enorme fraude fiscal que existe en Grecia e unha maior carga fiscal as rendas do capital, foron quen de rexeitar estas propostas para poñer o acento na rebaixa das pensións públicas, dos salarios reais e na privatización de activos públicos. Para eles a loita contra o fraude e a prol dunha maior xustiza fiscal –que defendía Syriza- “non eran relevantes”. Coido que sobran comentarios sobre a catadura moral e o talante ético destes persoeiros políticos que representan a chamada “troica” quen goberna a UEM. Parecera que para eles rexe a máxima de: “axuste fiscal si pero fraude fiscal tamén”.
En relación ao inefable M. Draghi, presidente do BCE –tamén membro da troica-, cabe sinalar que no seu afán por facilitar liquidez a un mercado monetario no que o crédito –no caso das familias, as pemes e o comercio polo miúdo- non está nin se lle espera ocorréuselle a magnifica e novidosa (?) idea de: “animar aos bancos a relanza-la titulación” –ou sexa a especular- “e, xa que logo, a creación de produtos financeiros estruturados, os mesmos que levaron a creba no 2008 e que nos custaron un ril cando houbo que salvalos” (E. TOUISSANT e  P-GOTTINIAUX: “Súper Mario Draghi anda en Volkswagen”. PUBLICO DIXITAL, 13.11.2015).
Cabe preguntarse entón si M. Draghi está tolo ou é un irresponsable. Nada de iso, o director do BCE está, outra vez, facilitándolle un novo negocio a grande banca europea que é para o que está ese banqueiro. M. Draghi aconsella a banca europea que cree produtos financeiros estruturados e que os coloque no BCE como garantía. A cambio aquela recibirá financiamento do BCE, ao 0,05%, que poderá utilizar para…. especular coas débedas soberanas e/ou con outros produtos financeiros, e obter así zumentas ganancias ao tempo que se crean novas burbullas. Facelo con toda tranquilidade pois no caso de que houbera problemas ben con eses produtos financeiros estruturados ben cos títulos das débedas o BCE xa se encargará –o está facendo- de mercárllelos aos bancos para que así estes podan limpalos seus balances (E. TOUISSANT…..). Todo sexa por facilitarlle o crédito as familias, as pemes e ao comercio polo miúdo….!!!!.
Non está de mais lembrar que, tamén en relación a Grecia, M. Draghi co gallo de obrigar ao goberno de Syriza a fincarse de xeonllos e aceptar uns axustes brutais pechoulle a banca e ao propio goberno gregos as fontes de financiación colocando así, a ámbolos dous, ao borde da suspensión de pagos por falta de liquidez. Igualiño que está facendo agora coa grande banca europea!.
E si, son este tipo de persoeiros quen dirixen hoxe en día, por delegación da maioría dos gobernos europeos, a gobernanza na UEM. “Uns tipos estupendos”!!!!!.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: