Non sei en que
estarían pensando os grandes artistas Rembrandt, holandés, e Rubens, flamenco, cando
estaban pintando o famoso cadro do secuestro da princesa Europa polo deus Zeus
–un tema que inspiraría a moitos outros artistas como por caso P. Picasso-.
Pero si é certo que nestes derradeiros anos, e aproveitando a grande crise, a
Europa das liberdades, os dereitos democráticos e o estado de benestar está
sendo secuestrada polo capital financeiro e comercial quen conta para elo coa
axuda da chamada troica (FMI, BCE CE).
Malia que se a mitoloxía concede un final feliz a aquel secuestro –tiveron tres
fillos- o actual ten un transcorrer desastroso para esta Europa –moi
especialmente para as clases de rendas medias e baixas-. Un final que aínda
está por escribirse pero que pode seren terrible, pode ser a morte da Europa
das liberdades e os dereitos democráticos, da Europa do estado de benestar.
I e que Europa,
a Unión Europea, foi secuestrada polo capital financeiro e comercial quen aproveitando
a servidume da maioría do gobernos europeos e utilizando a troica como estilete e rebarbadora está saqueando Europa en
beneficio propio.
As probas son
continuas e a cada cal mais escandalosa. Algunhas das mais recentes teñen como
actores principais ao Presidente do Eurogrupo (o socialdemócrata holandés
Jeroen Disselblöem), o Presidente da Comisión (o liberal luxemburgués
Jean-Claude Juncker) e o presidente do Banco Central Europeo (o banqueiro Mario
Draghi). Uns políticos que lideran a chamada “troica” quen, co apoio da maioría
dos gobernos europeos, impón nos estados da UEM as políticas de axuste fiscal,
rebaixa salarial e privatización de activos públicos que tanto dor e sufrimento
están provocando nas clases populares europeas.
En relación aos
dous primeiros (Disselblöem e Juncker), e a pesares do silencio cómplice da
maioría dos medios altofalantes europeos, vimos de saberen que tiveron fai
pouco tempo un grande protagonismo a hora de facilitar o branqueo de diñeiro a
grandes fortunas europeas: todo un exemplo de gobernantes decentes e honestos.
Sendo J.C. Juncker e J. Dijsselbloem ministros de finanzas de Luxemburgo e
Holanda, respectivamente, “creouse o
maior enramado de fraude fiscal que ten coñecido Europa, deseñado para permitir
que as multinacionais e grandes corporacións evadan impostos a grande escala en
prexuízo dos países membros da UE que agora dirixen. Ademais durante mais de 15
anos bloquearon tódolos intentos da Comisión Europea por corrixir este sistema
impositivo que defraudou miles de millóns de euros as arcas públicas… e que ata
agora mesmo logrou ocultar esas vindas a propia Eurocámara, cuxos parlamentarios
seguen tendo vetado o acceso aos documentos que demostran a responsabilidade
persoal deses dous políticos neste xigantesco saqueo as Facendas dos seus
socios” (ENRIQUE BAYO: “Os documentos secretos que a UE oculta ó Parlamento
europeo” PUBLICO DIXITAL 20.11.2015).
Estes
persoeiros, que tiveron un grande protagonismo na negociación do terceiro
rescate para Grecia formando parte do núcleo duro da negociación, cando Yanis
Varoufakis –naquela ministro de Finanzas grego- presentou o seu plan de
redución do déficit fiscal que incluía entre outras medidas a loita contra a
enorme fraude fiscal que existe en Grecia e unha maior carga fiscal as rendas
do capital, foron quen de rexeitar estas propostas para poñer o acento na
rebaixa das pensións públicas, dos salarios reais e na privatización de activos
públicos. Para eles a loita contra o fraude e a prol dunha maior xustiza fiscal
–que defendía Syriza- “non eran relevantes”. Coido que sobran comentarios sobre
a catadura moral e o talante ético destes persoeiros políticos que representan
a chamada “troica” quen goberna a UEM. Parecera que para eles rexe a máxima de:
“axuste fiscal si pero fraude fiscal
tamén”.
En relación ao
inefable M. Draghi, presidente do BCE –tamén membro da troica-, cabe sinalar
que no seu afán por facilitar liquidez a un mercado monetario no que o crédito
–no caso das familias, as pemes e o comercio polo miúdo- non está nin se lle
espera ocorréuselle a magnifica e novidosa (?) idea de: “animar aos bancos a relanza-la titulación” –ou sexa a especular- “e, xa que logo, a creación de produtos
financeiros estruturados, os mesmos que levaron a creba no 2008 e que nos
custaron un ril cando houbo que salvalos” (E. TOUISSANT e P-GOTTINIAUX: “Súper Mario Draghi anda en Volkswagen”. PUBLICO DIXITAL,
13.11.2015).
Cabe
preguntarse entón si M. Draghi está tolo ou é un irresponsable. Nada de iso, o
director do BCE está, outra vez, facilitándolle un novo negocio a grande banca
europea que é para o que está ese banqueiro. M. Draghi aconsella a banca
europea que cree produtos financeiros estruturados e que os coloque no BCE como
garantía. A cambio aquela recibirá financiamento do BCE, ao 0,05%, que poderá
utilizar para…. especular coas débedas soberanas e/ou con outros produtos
financeiros, e obter así zumentas ganancias ao tempo que se crean novas
burbullas. Facelo con toda tranquilidade pois no caso de que houbera problemas
ben con eses produtos financeiros estruturados ben cos títulos das débedas o
BCE xa se encargará –o está facendo- de mercárllelos aos bancos para que así
estes podan limpalos seus balances (E. TOUISSANT…..). Todo sexa por
facilitarlle o crédito as familias, as pemes e ao comercio polo miúdo….!!!!.
Non está de mais
lembrar que, tamén en relación a Grecia, M. Draghi co gallo de obrigar ao
goberno de Syriza a fincarse de xeonllos e aceptar uns axustes brutais
pechoulle a banca e ao propio goberno gregos as fontes de financiación
colocando así, a ámbolos dous, ao borde da suspensión de pagos por falta de
liquidez. Igualiño que está facendo agora coa grande banca europea!.
E si, son este
tipo de persoeiros quen dirixen hoxe en día, por delegación da maioría dos
gobernos europeos, a gobernanza na UEM. “Uns tipos estupendos”!!!!!.
Manoel Barbeitos Alcántara
No hay comentarios:
Publicar un comentario