viernes, 11 de diciembre de 2015

O MODÉLICO CAPITALISMO ALEMAN (II)

 

E ben sabido o decisivo peso que a banca alamana ten tanto sobre o conxunto da banca europea como en instancias monetarias europeas tales que o BCE (Banco Central Europeo). Non é ningún secreto que na configuración definitiva do BCE –estrutura, funcións, competencias- tivo un papel central o actual presidente do Bundesbank –Banco Central Alemán-, Jeins Weidman, quen logrou que os socios comunitarios aceptaran a creación dun banco que, a pesares de ser público, actúa realmente como unha banca privada e non como un banco central.

As políticas promovidas polo Bundesbank, logo executadas polo BCE, están provocando un enorme prexuízo as economías dos estados europeos e moi especialmente aos estados periféricos –Portugal, España, Grecia-. Uns prexuízos que se manifestan nos feitos seguintes: 1. O BCE –como imposición do Bundesbank- non merca directamente débeda pública dos estados europeos favorecendo así a especulación. Esta negativa a comprar débeda soberana fai que os estados necesitados de financiamento –como por caso España- teñan que pagar uns xuros elevadísimos a unha banca privada –na que destaca a banca alamana- que obtén así zumarentas ganancias ao tempo que fai medrar a débeda pública daqueles, 2. O Bundesbank presiona ao BCE para que este force aos estados europeos a executar as durísimas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos que provocan a longa recesión na que nos atopamos, e 3. O Bundesbank tamén presionou ao BCE para que lle prestara diñeiro ao goberno español que este utilizou para pagala débeda da banca española coa banca alamana -320.000 millóns de euros- o que supuxo transformar débeda privada –dos bancos- en débeda pública –de todos-.

Por outra parte a propaganda de que o sistema bancario alemán é un dos mais solventes e sólidos de Europa é so iso: propaganda. Unha propaganda que non responde a realidade xa que a banca alamana co estoupido da crise financeira do ano 2008 estivo ao borde do colapso polas súas malas prácticas, sendo en derradeira instancia salvada pola acción conxunta da Reserva Federal (USA), a banca suíza (USB) e o goberno alemán. A crise financeira do 2008 golpeou moi duro a primeira compañía de seguros a nivel mundial (AIG) polo seu papel na titulización dos hipotecas sub-prime –era titular de mais de 500 billóns de dólares en CDS: seguros de pago para casos de impago da hipoteca polos titulares-. Unha compañía coa que o maior banco alemán, o Deutsche Bank tiña forte vínculos tal que a creba da AIG colocou a ese banco no borde da bancarrota e da súa desaparición o que tería suposto o colapso de todo o sistema bancario alemán. Outros grandes bancos alemáns tiveron tamén que ser rescatados como por caso o Commerzbank –o segundo banco alemán en importancia- e o Hypo Real Estate: 100.000 millóns de euros “por barba” custou o rescate de cada un deles.  O goberno alemán –da señora Merkel e o señor Schrauble- tivo así que acudir ao rescate do seu sistema bancario –que tiña 800.000 millóns de euros en activos tóxicos-: unha intervención masiva de diñeiro público que, nas súas distintas modalidades de axuda, acadou globalmente un importe superior a 1 billón de euros -fondos públicos que o goberno alemán financiou con débeda pública polo que rematámolo pagando tódolos europeos ao través da estafa das débedas soberanas-.

Volvendo ao Deutsche Bank –cuxos activos teñen un valor equivalente ao 84% do PIB alemán- non está de mais explicar algunhas das súas múltiples i exemplares prácticas bancarias: “manipulación dos prezos do mercado da electricidade en California; participación no 2009-2010 nunha montaxe fraudulenta de venta de certificados de CO2 no marco dunha vasta rede de evasión fiscal; ocultación dunha perda de 12.000 millóns de dólares no 2009 no trading de produtos derivados; manipulación do Libor, do mercado de cambio e do prezo do ouro e da prata; corrupción de clientes representantes do fondo de pensións xaponeses do DB xaponés entre 2010 e 2013; branqueo de diñeiro polo que foi acusado polas autoridades de Dubay; condenas por corrupción de altos directivos en Asia (Hong Kong); embrollo nas Vegas  onde posúe un casino banking …..” (E. TOUISSANT: “Bancocracia”. Editorial Icaria). Compre subliñar que polos casos citados o Deutsche Bank ben foi primeiro imputado e logo tivo que pagar unha multa –por caso 2.300 millóns de euros por manipular o Libor- ben ten un expediente en curso de investigación e tramitación. Podíase tamén falar, no caso do DB da súa postura con relación aos dereitos humanos e laborais pois si no seu día apoiou primeiro a Franco e logo sostivo financeiramente a Hitler, hoxe en día está involucrado na guerra do coltán no Congo, na guerra civil de Sudán (Darfur), nas explotacións mineiras en Indonesia onde os dereitos humanos son continuamente violados, etc. Un “exemplo” a seguir!.

O que quero subliñar con todas estas referencias, que poden contrastarse nas hemerotecas , é que a banca alamana e os seus directivos –o mesmo que a clase política que a protexe e defende- non están para dar leccións de honradez, eficacia e rigor a ninguén. Moitos menos de solvencia, fortaleza e solidez. Iso si é a banca mais poderosa de Europa.


  Manoel Barbeitos Alcántara

ACLARACION NECESARIA:

En relación a que o BCE “non merca directamente débeda soberana dos estados europeos” compre facer unha aclaración oportuna. Dende o mes de marzo deste ano o BCE puxo en marcha o que se deu en chamar “medidas de expansión cuantitativa” que moitos medios cualificaron como de compra directa polo BCE de débeda pública e privada. Algo que é certo pero con matices:

O BCE si merca agora débeda soberana dos estados europeos pero non directamente aos tesouros –os bancos centrais- senón que a compra no mercado secundario onde actúan os axentes financeiros: os especuladores. Con esta medida o BCE, que segue apostando por políticas monetarias fronte a políticas fiscais busca dúas cousas: 1. Dar liquidez aos bancos, 2. Baixar o custo das débedas e manter así baixos os tipos de xuro a medio e longo prazo: este é o obxectivo realmente buscado. De ningures o obxectivo é facilitar o crédito as familias, as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo.

O BCE espera que habendo mais liquidez e sendo mais barato o diñeiro facilitarase o investimento que incidirá positivamente na producción e no emprego. Algo que nin se cumpre nin se cumplirá. a. Os investidores incrementarán as súas ganancias, b. A maior liquidez os investidores seguirana empregando, como ata agora, en operacións especulativas, c. Contribuirase así a crear novas burbullas polo incremento do prezo nos activos financeiros, c. Os efectos sobre a inflación son dubidosos.

E certo que aos estados lle será mais fácil e barato financiarse. Pero tamén é moi probable que se creen novas burbullas –e xa sabemos como rematan todas- e extremadamente dubidoso que mellore o acceso ao crédito para as familias, as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo que son quen mais poden favorecelo crecemento económico e a creación de emprego.

No hay comentarios: