sábado, 12 de diciembre de 2015

CORRUPCION E DESIGUALDADE


Si España fora unha democracia consolidada as eleccións do 20 D deberían ser a porta aberta para o cambio do actual réxime borbónico, marcado pola corrupción e a desigualdade, por un réxime autenticamente democrático, federal e laico.
As eleccións do 20 D celebraranse nun contexto político marcado por unha corrupción sistémica: unha corrupción que podrece o conxunto do réxime político español ao estar estendida por todo o sistema. Dende a xefatura do estado ao réxime partidario, pasando polo exercito e a xudicatura o sistema político español navega corroído polo corrupción: unha corrupción sistémica alimentada pola oligarquía financeira e inmobiliaria que domina España.
Hai xa poucas dúbidas de que a monarquía borbónica é unha monarquía corrupta e decadente e non sómente polo “escándalo Urdangarín” –é que o resto da familia, sogro e cuñado incluídos, non sabían ren?- senón tamén polas actividades como  “intermediario comercial” do exmonarca Juan Carlos –tales que lle permitiron acumular un fortuna que algunhas fontes sitúan por riba dos mil millóns de euros-. Unha corrupción que como o ex fiscal Jimenez Villarejo demostrou tamén chegou ao aparato xudicial: casos Botin, Pujol e Alierta entre outros. Que aniña no exército: avións que non voan, submarinos que non flotan, carros de combate que non entran nos avións, portas corredoras exército-industrias armamentísticas. Pero que ten nos partidos sistémicos (PP e CiU fundamentalmente sen que o PSOE estea totalmente limpo) a súa máxima expresión: a operación Púnica, os papeis de Bárcenas, os casos Gürtel e Caja Madrid (PP), o caso do Palacio da Música, de Lumarroca, ITV, Adega (Ciu) son evidencias dunha corrupción programada e planificada para o que ámbolos dous partidos (PP e Ciu) contaron coa colaboración da oligarquía financeira e inmobiliaria así como co silencio de moitos medios de comunicación e opinión.
As eleccións xerais do 20 D vanse celebrar nun contexto social marcado por unha enorme desigualdade: segundo fontes comunitarias –EUROSTAT- España tense convertido nestes anos nun dos estados europeos campións en desigualdade situándose nos postos de cabeza –so superada por  Letonia-. Unha desigualdade que ten causas políticas: as durísimas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos que primeiro o PSOE e logo o PP viñeron desenvolvendo dende que estoupou a crise do 2008.
Deste xeito o PP aparece como un aplicado alumno da troica (BCE, CE, FMI), como o propulsor dun “austericidio” demoledor i eficaz dende o punto de vista social e económico. Así o PP  poderá presentarse as eleccións xerais cos deberes feitos. Durante o seu mandato as rendas de capital –bancos, grandes empresas inmobiliarias, oligopolios.. IBEX 35 en definitiva- tiveron unhas ganancias exuberantes. As rendas do capital medraron de tal xeito, ao tempo que caían as rendas do traballo, que se sitúan na cabeza da Unión Europea polas súas ganancias. Un alumno aplicado.
Que importa que ao mesmo tempo caeran as rendas do traballo, que o desemprego se cronifique –duplicamos a taxa media europea- e os mozos emigren por falta de oportunidades, que o número de familias en risco de exclusión estea entre os mais elevados de Europa, que os salarios caian en picado de tal xeito que, hoxe por hoxe, ter un emprego non evita o seren pobre, que os servizos de benestar –sanidade, ensino, dependencia- estean medio desmantelados, que as pequenas e medias empresas xunto co comercio polo miúdo agonicen tanto pola caída das vendas como pola falta de crédito..? Que importa todo iso cando a troica danos o título de “alumnos moi aplicados”?. Viva o austericidio!!!!.
Dende a outra beira parece lóxico defender que o 20 D debe ser unha oportunidade para empezar a cambiar realmente as cousas. Para rematar con estas políticas que tanto dor e sufrimento estanlle provocando a millóns de familias de rendas medias e baixas –clases populares-. Para rematar coa corrupción sistémica. Pero para que iso sucedera habería que romper coas políticas anteriores e co antigo réxime algo que os partidos sistémicos non parecen dispostos a facer polo que, si atendemos as enquisas, moito me temo que as cousas non iran a mellor logo do 20 D.

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: