viernes, 29 de enero de 2016

A FINANCIACION AUTONÓMICA E A XUNTA DE GALIZA (*)


Durante o mandato do anterior goberno español (M. Rajoy: 2011-2015) tivo lugar un auténtico baldeirado de competencias e capacidades políticas de goberno das autonomías e os concellos: unha perda de soberanía autonómica e local maiormente por vía fiscal. Unha dinámica que puxo en evidencia tanto as enormes insuficiencias e debilidades do mal chamado Estado das autonomías canto que a autonomía financeira das comunidades autónomas españolas segue sendo débil agás as que gozan do réxime foral (X. F. Leiceaga, Santiago Lago P.: “O modelo de financiamento autonómico dende a perspectiva dos gobernos autónomos”)
Un baldeirado de competencias e capacidade política que viuse facilitado tanto polas insuficiencias do propio sistema de financiamento territorial como pola actuación política do goberno español de xeira (PP). Dende a súa chegada ao goberno español (novembro 2011) o Partido Popular (PP) ao través do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), tentou de impoñer aos gobernos autonómicos duras políticas de axuste fiscal descargando nas comunidades autónomas e nos concellos a maior parte da redución fiscal do conxunto das Administracións Públicas: o reparto do déficit fixado –dun xeito totalmente arbitrario- polo goberno estatal (PP) supuxo que se reservara para si mesmo o 70% do marxe adicional fixado para o conxunto das AP quedando so o 30% para o resto: autonomías e concellos. O dogma neoliberal de axuste fiscal quedaba así trasladado as administracións autonómicas e aos concellos.
Se o través do CPFF o goberno español de xeira (PP) trasladou o dogma neoliberal de axuste fiscal as administracións autonómicas e os concellos coa regresiva reforma fiscal (2014), que incrementou de xeito lineal impostos compartidos, facilitou unha aínda maior desigualdade nos recursos financeiros entre as comunidades autónomas de réxime común: as comunidades mais ricas (Cataluña, Madrid,..) obtiveron –neste caso vía transferencias- mais recursos ben por IRPF –mais empregos, salarios mais altos- ben por IVE –maior consumo- que as menos desenvolvidas (Galiza, Estremadura, Castela A Mancha) -con salarios mais baixos, menos empregos, menor consumo … menores ingresos fiscais- coadxuvando así a crear maiores desigualdades no financiamento autonómico.
Cabe destacar o comportamento que, en materia de financiamento autonómico e durante todos estes anos, tivo o actual presidente da Xunta de Galiza (A. Núñez Feijoo). Se no seo do CPFF foi un dos baluartes e adaís das propostas do Ministerio de Facenda amosando un apoio incondicional ao goberno central de xeira (PP) a pesares dos prexuízos financeiros e políticos que supoñía para Galiza o arbitrario e duro reparto do déficit. Tampouco foi quen de utilizalas competencias autonómicas en materia fiscal -como fixeron outras comunidades autónomas, Cataluña, Asturias, Andalucía … quen utilizaron as posibilidades que aquelas lle permiten, como por caso o xestión do tramo autonómico do IRPF, para incrementar os ingresos fiscais- na procura dun maior equilibrio entre o que pagan e o que reciben os cidadáns. Unha postura xustificada (A. Núñez Feijoo) co argumento de que as finanzas galegas están sobradas de solvencia financeira e de equilibrios orzamentarios “aínda que a realidade e as contas autonómicas digan o contrario” (Xaquín A. Corbacho: “O espazo fiscal propio das Administracións”). Algo que calquera pode comprobar revisando os Informes da Conta Xeral da Administración da Xunta de Galiza elaborados polo Consello de Contas.
Un sistema de financiamento autonómico que sigue precisando dunha fonda revisión ou reforma. Unha reforma que necesariamente ten que  contemplar que as autonomías       –como por caso Galiza- precisan dun espazo fiscal propio. “O espazo fiscal propio configúrase a traveso da capacidade normativa que teñen os gobernos respectivos para establecer, eliminar, modificar e xestionar os seus tributos. Este permite aplicar políticas tributarias distintas, deseñar patróns alternativos de cargas fiscais, así como cuantificar a apartación financeira que realizan os cidadáns polos servizos públicos que reciben. Todo elo é imprescindible para a convivencia e a política” (Xaquín A. Corbacho: “O espazo fiscal ….”). Tan imprescindible como incorporar, de xeito efectivo, ao financiamento autonómico español os principios do federalismo fiscal: suficiencia, autonomía, solidariedade, coordinación, transparencia, etc. Tan necesario como “mellorala percepción da responsabilidade tributaria” (X. F. Leiceaga, Santiago Lago P.: “O modelo de financiamento …).
Manoel Barbeitos Alcántara



(*): Este texto forma parte dun artigo más amplo que saíu en PRAZA PÚBLICA dixital: “O baldeirado do estado das autonomías” con data 25 de xaneiro.

No hay comentarios: