jueves, 7 de enero de 2016

O MODÉLICO CAPITALISMO ALEMAN (IV)

 

E noticia frecuente nos medios de comunicación e opinión europeos o sistema laboral alemán que moitos tentan presentar como modélico para Europa. Os datos semellan darlle a razón aos que o loubán: o desemprego en Alamana ven movéndose entre o 5-6%, cifras que resultan indiscutiblemente notables si temos en conta a media europea (9-10%) por non falar de España (22-23%).

Agora ben, dito isto resulta oportuno subliñar os por que deste “éxito”, que hai realmente detrás destas cifras e moi especialmente facelo dende o punto de vista das clases traballadoras alamanas.

Algunhas fontes fiables sinalan que a raíz deste éxito hai que buscala nas reformas laborais que o canciller socialdemócrata Schroder puxo en marcha durante os anos 2003 e 2005 e que posteriormente adoptou como propias a actual canceller A. Merkel. Unhas reformas que se coñecen polas Leis Harz –asesor naqueles momentos de Schroder  e que tamén fora director de recursos humanos da empresa automobilística Wolksvagen-. Unhas leis que podemos resumir no seguinte: 1º. Obrigación dos desempregados de aceptar o traballo que se lles ofreza independentemente de que o salario estea por baixo do subsidio de desemprego. 2º. Redución a 1 ano do período de pago do subsidio de desemprego para os traballadores de mais idade. 3º. Endurecemento das condicións de acceso ao subsidio de desemprego. 4º. Fusión de tódalas axudas sociais –incluído o subsidio de desemprego de longa duración- con un tope máximo de 345 euros mensuais. 5º. Retraso de 65 a 67 anos da idade legal de xubilación. 6º. Suba das cotizacións. 7º. Ampliación do copago na atención sanitaria. 8º. Instauración dos minijobs por un importe que non pode superar os 400 euros ao mes: a medida estrela.

Cales foron entre outras os efectos destas medidas?: podémolas resumir en que na derradeira década estas medidas colaboraron a que as desigualdades medraran en Alamana de xeito espectacular. O 0,1% das familias alamanas mais ricas posúen o 15% da riqueza, o 1% o 31% e o 10% entre o 65 e o 70% da riqueza. Hai un aumento constante e crecente da pobreza que chegaba no ano 2013 ao 15% da poboación -a taxa mais elevada das derradeiras décadas- ao tempo que medran as desigualdades rexionais. Medra tamén exponencialmente a precariedade laboral -4 de cada 10 asalariados teñen un minijob- maiormente entre as mulleres (70%)  –os xubilados tamén teñen que buscarse un minijob pola caída das súas pensións-. Medran asemade os empregos precarios ao tempo que se reducen os fixos a tempo completo –nos derradeiros 10 anos perdéronse 1 millón de empregos fixos-. En dez anos a porcentaxe dos traballadores protexidos por convenios colectivos baixou 13 puntos.

Datos todos eles que poden comprobarse en calquera publicación especializada que aínda presentando algunhas pequenas variacións nos datos estatísticos todas confirman as tendencias subliñadas.

Este é o modelo laboral que as autoridades e a banca alamanas intentan exportar a toda Europa, o que están conseguindo grazas ao apoio da maioría dos gobernos europeos e da mesma troica (FMI, BCE, CE). Non resulta por iso casual que a Unión Europea, segundo a OIT, sexa a única rexión do mundo –xunto co Medio Oriente- na que os salarios reais veñen caendo dende que estoupou a crise (2008).

Compre nembargante facer unha serie de puntualizacións complementarias sobre o modelo laboral alemán, que deixo para outro artigo, xa que aquel vai mais aló do que aquí se expón. Hai outros aspectos moi importantes e positivos a considerar –como o peso dos sindicatos alemáns, o comportamento dos empresarios da industria alemáns, unha parte do sector financeiro, etc.- que, por suposto, tanto para a banca alamana, como para o goberno alemán, os gobernos europeos de torno e a propia troica ….. son aspectos que non son exportables.

 

 


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: