viernes, 15 de enero de 2016

O MODÉLICO CAPITALISMO ALEMAN (V)

Nun artigo precedente emprazaba a un novo texto sobre o capitalismo alemán no que tentaría de reflectir algúns aspectos relevantes do mesmo, como por caso a política laboral, que son pouco coñecidos e divulgados a pesares de merecelo. Pero empecemos sinalando que calquera comparación que queira facerse entre Alamana e España carece de sentido e de base. Carece de sentido por unha razón moi simple pero contundente: o tecido empresarial alemán e o tecido empresarial español son moi diferentes cuantitativa e cualitativamente. Carece de base por que na lexislación laboral alamana hai aspectos moi relevantes que non se contemplan na española.

O tecido empresarial alemán está integrado por empresas moi potentes e competitivas, empresas lideres a nivel mundial no seu sector. Unha potencia e unha competitividade que fan que Alamana sexa a segunda potencia comercial do mundo so superada por China. Para facernos unha idea dese potencial baste o dato de que a balanza comercial alamana supón o 7,5% do PIB grazas a un saldo comercial positivo de 219 mil millóns de euros –ano 2014-, mentres España ten un saldo comercial negativo de 25 mil millóns de euros que apenas supón o -2,5% do PIB. Un poderío comercial que se apoia na enorme capacidade competitiva das súas empresas exportadoras grazas a súa decidida aposta pola I+D+i: mentres Alamana sitúase no cabeza dos estados europeos que mais invisten (3% do PIB), España atópase no furgón de cola (1,2%).

Alamana foi durante os anos da guerra fría un dos principais baluartes da mesma. Para facer fronte ao perigo “comunista” o capital alemán e internacional non opuxo grande resistencia tanto ao auxe do estado de benestar como do poder sindical nas empresas e o estado. Alamana contou durante todos eses anos con un estado de benestar poderoso reflectido, p.e., na importancia do gasto público destinado as funcións de benestar (21,6% do PIB) superior a media da Unión Europea (19,1%) e que case duplica o de España (13%).

Paralelamente, e como ben sinala o profesor V. Navarro, o movemento sindical alemán, e con el as clases traballadoras, acadou importantes parcelas de poder tanto no seo das empresas como da propia administración pública. Nunha grande parte das empresas alamanas –tanto grandes como medianas e pequenas- practicase a chamada co-xestión que ven sendo a participación dos traballadores na xestión das mesmas. Unha participación que basicamente adopta dúas formas: 1. Os traballadores participan nos consellos de dirección das empresas –nas empresas de mais de 2.000 empregados ocupan o 50% dos asentos, nas mais pequenas 1/3-, 2. Os traballadores poden crear no seo das empresas os chamados consellos consultivos que, como o seu nome indica, deben seren consultados pola dirección na maioría das decisións que afectan tanto ao futuro da empresa como as condicións laborais. En ámbolos dous casos os traballadores poden chegar a vetar as decisións da dirección (VICENC NAVARRO: “O que non se di do milagre alemán”).

Compre tamén subliñar algunhas diferenzas relevantes relativas ao trato en Alamana aos  traballadores desempregados –dereitos- en relación a como se tratan en España. Algo do que tampouco se fala nos medios e instancias anteriormente citados. Empecemos polos despidos: cando non hai acordo nas indemnizacións –que en Alamana son mais elevadas- entre o traballador e o empresario e o despido é declarado inxustificado pola autoridade xudicial a empresa está obrigada a readmitir ao traballador e abonarlle os salarios atrasados.

En relación a cobertura dos traballadores desempregados, ten tres compoñentes:   1. A prestación contributiva, que para os traballadores maiores pode ter unha duración superior a 1 ano, 2. Unha vez rematada o traballador pasa a cobrar a prestación non contributiva –uns 360 euros mensuais-, 3. Unhas prestacións complementarias que dependen do número de fillos a da idade dos traballadores que abranguen dende o pago do aluguer da casa, a calefacción,… etc. Compre subliñar que segundo as estatísticas oficiais o tempo de permanencia dun traballador desempregado, especialmente si é mozo, non superaba ata foi pouco tempo a media de tres meses e medio.

Como se pode ver a diferenza coa realidade española é abismal. Compre ter isto moi en conta xa que a maioría dos empresarios e dos seus altofalantes –a mesma troica- e tamén dos políticos españois cando falan do exemplar modelo alemán parecen esquecer estas características para centrarse exclusivamente nas xa subliñadas leis Harz                   –especialmente os minijobs- para así incidir exclusivamente nos custos laborais como causa do elevado desemprego en España. Dito isto si compre subliñar con rotundidade que as “reformas” impulsadas polas leis Harz están tendo consecuencias importantes no mercado laboral alemán.  Están provocando que se “desenrole un segundo mercado de traballo que esnaquiza o marco de relacións tradicional e desdebuxa por completo o anterior estado das cousas que, dende logo, non é xeral para tódolos traballadores. Ese segundo mercado, coas súas figuras –minijobs- e institucións –axendas privadas de emprego, etc.- implica a uns oito millóns de empregados nas súas diversas formas e variedades e apunta a unha sociedade imprevisible sen a menor relación co admirable “Modell Deutschland” “(VICENC NAVARRO: “Como Alamana domina Europa”). Coa extensión dos minijobs o que se está a dar realmente en Alamana –como está pasando en España- é un reparto do traballo existente e non unha creación de novos empregos.

Como se pode ver, mellor non facer comparacións entre o capitalismo alemán e o capitalismo español. Aínda que é ben certo que o goberno da señora Merkel esta poñendo permanentemente en cuestión o modelo alemán tradicional procurando endurecelo              –quitándolle dereitos as clases traballadoras- o que, pouco a pouco, esta conseguindo.

 

Manoel Barbeitos Alcántara


 

No hay comentarios: