sábado, 21 de mayo de 2016

O AUSTERICIDIO MATA: MEDRA A TAXA DE SUICIDIOS EN GALIZA

Entre tanto ruído político-mediático, de baixísimo perfil e calado, unha información estatística de grande relevancia social e política pasa coase desapercibida. “O IGE fai públicos os rexistros de mortalidade mais recentes (2014) e neles rexístranse 390 falecementos por autolesións e suicidios. Son case 40 mais que un ano antes e practicamente iguala o maior rexistro da serie histórica que comeza no ano 1980. Unhas mortes por suicidio que superan as provocadas polos accidentes de tráfico” (PRAZA PÚBLICA dixital 31.03.2016).
Como poden suceder estes feitos?, Suceden por que a situación tanto en Galiza como en España e moi mala para as clases de rendas medias e baixas –as clases populares-. Moito peor do que as elites económicas, políticas e mediatices están dispostas a recoñecer. Unha situación que é moi mala por causas políticas: polo chamado “austericidio” que con tanta saña e teima aplican os gobernos galego e español (PP) baixo o paraugas da troica (FMI, CE, BCE).
Xa tiñamos noticias dos efectos dos axustes fiscais, as rebaixas salariais e a venda do público sobre as clases populares gregas –o número de suicidios medrou nun 43% dende o inicio da crise- pero como Grecia queda algo lonxe o impacto da noticia é moito menor. Tamén sabíamos que non so o pais grego sufría este drama pois segundo as fontes mais fiables o impacto estendese por todo occidente. Un impacto avaliado en mais de 10.000 os suicidios habidos a ámbolos dous lados do Atlántico Norte dende que estoupou a grande crise (2008),. Neste contexto non deberá, xa que logo, estrañar que en Galicia, en España, tamén sucedan estas cousas. E polas mesmas causas. Poida que agora os galegos, moi especialmente as súas elites políticas e mediatices, tomemos mais en serio o impacto de determinadas políticas sobre as clases populares
Galiza ven experimentando nos derradeiros anos un incremento notable dos suicidios. Un incremento tal que no ano 2014, con 390 suicidios, rexistrou a maior cifra nos derradeiros vinte anos. Un número de suicidios que supoñen o 10% do total habido en España e que colocan a Galiza, xunta a Asturias, no pelotón de cabeza das comunidades autónomas españolas segundo a taxa de suicidios por 100.000 habitantes. Así se analizamos os datos dos derradeiros anos (IGE) atopámonos con que en Galiza deuse un notable crecemento dos suicidios a partir do ano 2008 –que coincide co ano en que estoupou a crise financeira- cando supera claramente a cifra dos 300 suicidios anuais.
A hora de buscar as posibles causas de este terrible feito expertos na materia relaciónanas coa crise que vivimos e as políticas que se aplican. Segundo o voceiro do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) "o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado da sociedade e, aínda que as orixes son diversas, si cabe ligalos a un cambio significativo nas condicións de vida da cidadanía que a crise económica contribuíu a agravar” (MIGUEL A. GARCIA, voceiro do MGSM).
A propia ADSPG (Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Galiza) xa avisará do risco que suporía para a saúde o desmantelamento e privatización da atención sanitaria pública e de servizos relevantes como por caso o de saúde mental. “O goberno da actual Xunta de Galicia (PP) paralizou o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011 –aprobado polo Consello da Xunta de Galiza o 5 de outubro do 2006- que viñera a cubrir un baleiro inxustificable, xa que Galiza era a única comunidade autónoma española que non tiña, nin tivera nunca, un plan de saúde mental desta natureza. Unha parálise que non foi endexamais xustificada, e que está levando a este servizo sanitario público a unha enorme deteriorización da súa actividade” (MARIA L. LORES A. “O desmantelamento dos recursos sanitarios”. TEMPOS NOVOS, febreiro 2015).
Esta relación entre políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial -que supoñen recortes na atención sanitaria, elevado desemprego, caída dos salarios, perda da vivenda, exclusión social- e incremento dos suicidios é, hoxe por hoxe, unha evidencia en toda Europa. Varios estudios feitos pola universidade de Oxford en colaboración coa Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres demostran que, en todo o mundo, un número moi elevado dos suicidios –que os autores calculan en 10.000- están relacionados coa crise económica e coas políticas de austeridade. Non por casualidade na Unión Europea as maiores taxas –mais de 6.000 suicidios anuais- están nos estados da eurozona –Grecia, Italia, Irlanda, España, Portugal-, nos que se aplican con mais dureza o austericidio e as rebaixas salariais que nos estados do Norte onde as políticas de apoio as traballadores desempregados e as familias afectadas pola crise son mais potentes.
Tódolos estudios serios sobre a materia son, xa que logo, concluíntes: coa austeridade increméntase a taxa de suicidios. E Galiza non é unha excepción nin moito menos.



Manoel Barbeitos Alcántara          

No hay comentarios: