sábado, 14 de mayo de 2016

O AUSTERICIDIO MATA: OS RECORTES NA ATENCION SANITARIA PÚBLICA.

Alguén tan relevante pero ao tempo tan pouco sospeitosa de radicalismo como a OMS (Organización Mundial da Saúde) ven denunciando dende fai xa bastantes anos os negativos efectos que as políticas de austeridade teñen sobre a saúde das persoas. En base a un estudio sobre o estado de saúde en 53 países europeos a OMS aseguraba que “os recortes ameazan con crear unha emerxencia sanitaria que se non se atalla terá graves consecuencias económicas sociais e de saúde”. E Galiza non é unha excepción pois como, desgraciadamente, empezamos a ver os recortes no gasto público –tal como veñen denunciando dende fai xa tempo os amigos da AGDSP (Asociación Galega para a Defensa do Sanidade Pública)- están prexudicando gravemente aos pacientes mais vulnerables como sucede nos afectados co hepatites C, os doentes con cancro, os afectados pola lexionela, os usuarios dos servizos de urxencias e de hemodiálise….
En todos é cada un destes casos, os mais soados pola súa aparición nos medios de comunicación, a raíz do problema está nos recortes do gasto público que, como era evidente, afecta a capacidade de atención dos servizos. Por si non fora suficiente cos recortes outro problema aparece engadido: os intereses das industrias farmacéuticas, das empresas inmobiliarias e dos fondos de investimento que o PP defende por riba das necesidades dos pacientes. Xuntase así unha dobre ameaza para atención sanitaria pública de Galiza: o recorte do gasto e a privatización de servizos relevantes a favor das industrias farmacéuticos e do gran capital –inmobiliarias, fondos de investimento…- que forman un “cóctel” que podemos cualificar, sen equivocarnos, como mortal. Unha situación que agora faise visible con pacientes afectados pola hepatites C, mais tarde con doentes oncolóxicos e con novos casos que iran aparecendo. Casos que non son mais que a punta do iceberg de algo moi grave que se está incubando na atención sanitaria pública con efectos indiscutibles sobre a saúde e a calidade de vida dos galegos. Unha situación que, como ben apunta a AGDSP, empeza a ser de emerxencia sanitaria.
Velaí unha das primeiras e mais relevantes medidas que deberá tomar o goberno galego que saia das urnas nas vindeiras eleccións autonómicas: recuperar para o público a atención sanitaria. Un goberno que xunto a este xiro na política sanitaria autonómica debera tamén realizar unha auditoría do gasto sanitario público durante os dous mandatos de A. Núñez Feijoo ao fronte da Xunta de Galiza. I é que en Galiza estamos asistindo, como sucede noutras comunidades autónomas españolas, tanto a un enorme deterioro da atención sanitaria pública como a un crecente refugo de fondos públicos a prol de intereses alleos como inmobiliarias, industrias farmacéuticos, bancos, fondos de investimento, etc. que turran, co apoio de gobernos como a Xunta de Galiza, por facerse co pastel dos orzamentos públicos destinados a atención sanitaria.
Compre finalmente subliñar algo tan evidente como que estes recortes no gasto da atención sanitaria pública non afectan a tódolos galegos por igual. Resulta indiscutible que os mais afectados son aqueles pacientes –cidadáns- que mais utilizan a atención sanitaria pública que non son outros que os pacientes de rendas baixas e medias –as clases populares- que non poden costearse os gastos que ocasiona a atención sanitaria privada. Non por casualidade Galicia é unha das comunidades españolas que xunto a destinar un menor gasto público a atención sanitaria ten unha maior presenza de gasto privado. Non por casualidade Galiza é unha das comunidades onde mais están medrando as desigualdades sociais.
Por todas estas razóns, e outras mais que se podían sinalar, de non parar esta desfeita en curso da atención sanitaria pública de Galiza, as consecuencias poden ser fatais para un sector moi amplo da poboación galega.

Manoel Barbeitos Alcántara         


No hay comentarios: