martes, 28 de junio de 2016

A CULPA É DO CHA-CHA-CHA!.



As eleccións xerais do 26 de xuño deixaron un vencedor, o PP que con 137 deputados non so foi claramente o partido mais votado senón o único, entre os grandes, que gañou votos e deputados (14 escanos mais) en relación as eleccións do 20D. A continuación quedou o PSOE con 85 escanos que evitou así o cacarexado sorpasso, aínda que polo camiño perdeu 5 escanos. Terceiro quedou UNIDOS PODEMOS que non rendabilizou a unión de Podemos con Izquierda Unida e que aínda mantendo o número de deputados da anterior convocatoria 71, perdeu 1 millón de votos –favor que lle debe IU a vella garda comunista-. En cuarto lugar quedou C´s, o grande perdedor destas eleccións, quen con 32 deputados perde 8 escanos e queda nunha condición bastante marxinal a hora de incidir politicamente.
Como era previsible cada quen arrimou a ascua a súa sardiña e fixo a súa interpretación: unhas interpretacións que na súa inmensa maioría parecían mais propias de directivos de empresas tentando xustificar a súa xestión e os correspondentes resultados que de responsables políticos. Claro que as interpretacións e lecturas  de moitos dos altofalantes e contertulios –cada vez abondan mais, nótase a crise- rozan o esperpento.
Si se quere avaliar axeitadamente os resultados das eleccións do 26 de xuño compre primeiro lembrar como era a situación de partida, mais en concreto cal foi o resultado das eleccións xerais do 2011 que deran paso a derradeira lexislatura. Nesa convocatoria o PP  gañou claramente as eleccións conseguindo con 186 deputados a maioría absoluta. Segundo quedaría o PSOE con 110 deputados e terceira IU con 11 escanos. Nin PODEMOS nin CIUDADANOS se presentaron e entre o PP e o PSOE con 297 deputados acapararon o 84,6% dos asentos da cámara baixa: un bipartidismo total.
Se agora comparamos eses resultados cos correspondentes a nova lexislatura (26J) vemos que os cambios son moi, moi relevantes. En primeiro lugar que logo das eleccións do 20D (2015) e 26J(2016) poida que o bipartidismo senón está definitivamente morto se está moi debilitado -o PP e o PSOE suman agora o 63,4% dos asentos da cámara: 20 puntos menos- pola presenza de UNIDOS PODEMOS e CIUDADANOS –que suman o 29,4% dos escanos-. Esa é a miña primeira lectura das eleccións do 26J: que o multipartidismo parece consolidarse facendo moito mais difícil a consecución de maiorías absolutas –o PP con 137 deputados queda moi lonxe da maioría absoluta que son 176: nin sequera lle chega con C´s, sumarían 169-. Algo que persoalmente valoro moi positivamente pois reflexa moito mellor a realidade sociopolitica española e galega.
Si ben certo que o PP ganou con claridade as eleccións –con 137 deputados ten 52 mais que o segundo, o PSOE con 85 deputados- terá que tecer alianzas para poder gobernar xa que perdeu 49 deputados (26,3%) e case 3 millóns de votos (27%) con relación a lexislatura anterior: un dato ao que tanto o PP como os seus altofalantes non fan referencia. Unha situación de non maioría absoluta que, dado o talante tanto do PP como do seu portavoz M. Rajoy, a ver como xestiona. Hai que, nembargante, ser xusto, resulta sorprendente que nun contexto marcado por unha corrupción sistémica, unha crecente desigualdade provocada polo austericidio e a rebaixa salarial e un grave retroceso democrático froito de políticas autoritarias o PP aínda saque tal resultado. Unha reflexión que xa fixen no seu día (http://fundacionluistilve.blogspot.com.es/2016/06/algo-cheira-podre-en-espana.html)
A outra pata do vello bipartidismo, o PSOE que si ben é certo que evitou o sorpasso, perdeu con relación a anterior lexislatura 25 deputados (22,7%) e 1,5 millóns de votos (22,2%): perdas moi significativas pois supoñen os peores resultados obtidos por este partido (PSOE) nunhas eleccións xerais e sen que haxa indicios de que esta dinámica vaia a cambiar. Uns resultados que seguramente intentarán aproveitar os/as poderosos/as rivais do actual secretario xeral (Pedro Sánchez) capitaneados pola inefable Susana Díaz –que ven de ver como o PP lle supera na súa comunidade, Andalucía- quen no seu día impediu, apoiada en parte da vella garda capitaneada por F. González, un pacto PSOE-PODEMOS –ai están as hemerotecas para confirmalo-. Uns resultados que as elites intentarán aproveitar para levar este partido a unha grande coalición –PP/PSOE- o que sería o seu suicidio.
Entre as novas forzas emerxentes UNIDOS PODEMOS con 71 deputados e mais de 5 millóns de votos se ben non conseguiu o obxectivo político dos seus dirixentes, o sorpasso ao PSOE, consolidase como unha forza política relevante. Algo a valorar debidamente tendo en conta que estas foran as súas primeiras eleccións xerais  e vistos ademais os resultados obtidos en comunidades relevantes como Cataluña e Pais Vasco –onde foi a forza mais votada-. Sen esquecer que unha das patas da coalición –PODEMOS- e de moi nova creación –e filla do 15M que naceu no ano 2011!-. Foi tamén durante toda a campaña obxecto dunha brutal e impresentable campaña de acoso e derrubo que si ben tivo como principal protagonista ao PP, quen chegou a utilizar os aparatos do estado –as cloacas- e os seus altofalantes para atacar a esta organización, outros partidos –como por caso o PSOE- secundaron no que persoalmente considero, amais dun tremendo erro político, unha monumental falta de visión política a medio e longo prazo froitos ambos da inmadurez dos seus dirixentes (PSOE). Pola súa parte esta coalición (UP) se quere chegar un día a presidir o goberno en España deberá madurar e modular moitas das súas mensaxes amais de consolidar unha organización política forte. Nembargante, o futuro e seu e de cómo se desenvolva dependera, e moito, tanto o futuro de España como de Galiza.
Por último CIUDADANOS, a esperanza e o xoguete do IBEX 35. Con 32 deputados (9% do hemiciclo) e pouco mais de 3 millóns de votos non serve nin para o papel de bisagra       –entre o PP e C´s suman 169 deputados que non chegan para a maioría absoluta: 175 deputados-. O tempo dirá cal é o seu protagonismo na vida política española pero todo apunta a que vai ocupar un lugar moi marxinal. O IBEX 35 terá que aceptar a Raxoi.
O único partido que parece satisfeito cos resultados é o PP. Razóns non lle faltan: gañou as eleccións xerais nun contexto non moi favorable. Nembargante non debera inchar tanto o peito pois precisará de tecer alianzas e os demais partidos non llo porán fácil. O seu talante e o dos seus dirixentes tampouco facilitan o traballo. Pero terá que facelo se quere gobernar, e xa se sabe como atrae o poder a estes políticos do PP. O resto dos partidos logo de culpabilizar aos demais –hai que dicir que so UNIDOS PODEMOS recoñeceu sen equívocos os malos resultados- deberán tomar nota que algo deberán cambiar. Quen o ten realmente difícil é o PSOE maiormente pola situación interna: non é escabelado pensar que Susana Díaz e algúns baróns –co apoio da vella garda- aproveitando a situación creada intenten de novo o asalto ao poder o que colocará a este centenario partido nunha crise de imprevisibles consecuencias. Un partido cuxa perda continuada de apoio –moi evidente entre a xente moza- afróntao a unha crucial encrucillada. Un partido que debera reflexionar por que foron os dous partidos que defenderon a santa alianza (PSOE-C´s) os únicos dos catro que, en relación ao 20D, perderon deputados (13).
Pero poida que os políticos, unha vez mais, pensen que os resultados non son culpa súa senón que “a culpa é do cha-cha-cha” e eviten así a necesaria reflexión. O tempo será xuíz e testiño.


Manoel Barbeitos

No hay comentarios: