jueves, 16 de junio de 2016

ALGO CHEIRA A PODRE EN ESPAÑA




A maioría das enquisas que se están realizando sobre os posibles resultados das vindeiras eleccións xerais do 26 de xuño apuntan a que mais do 90% dos votos irán as catro forzas maioritarias (PP, UP, PSOE e C´s). A enquisa do CIS outórgalle unha porcentaxe de votos do 29,2% ao PP (118-121 deputados), 25,6 a UP (88-92 deputados), 21,2 ao PSOE (78-80 deputados) e 14,6 a C´s (38-39 deputados). O sistema electoral español fai que a proporción en votos non coincida coa proporción en deputados. Unha anomalía que debera ser corrixida urxentemente.
Un resultado tal permite varias alianzas, una das cales podería ser a formada por UP-PSOE que sumaría entre 166 e 172 deputados que superarían a suma de PP e C´s con unha forca entre 156 e 160 deputados. Estando a maioría en 176 deputados parecera mais lóxica a primeira ca segunda alianza de goberno: claro está que entre PP e PSOE suman entre 196 e 201 deputados. O PSOE ten a palabra.
Persoalmente hai algo que me chama poderosamente a atención: os resultados previstos para o PP que farán que, de confirmarse, sega sendo a forza política mais votada en España. Non podo por mais que preguntarme, como é posible que tal cousa suceda?. Un partido que ten as súas raíces na ditadura franquista como pode seguir sendo a forza política maioritaria?. Lembremos que entre os fundadores deste partido (PP) sobresaen políticos que ocuparon cargos relevantes durante a ditadura franquista e que, incluso, algúns tiñan “as mans manchadas de sangue”: Fraga Iribarne, Silva Muñoz, Licinio de la Fuente, Lopez Rodó, Fernández de la Mora…. foron ministros co xeral Franco un dos ditadores mais sanguinarios do século XX. E que moitos galegos e españois non teñen memoria?.
Por si non foran suficientes estes antecedentes durante a pasada lexislatura que presidiu M. Rajoy (PP) saíron a luz un incontable número de casos de corrupción no que dirixentes e directivos do PP están directamente implicados, moitos dos cales rematan imputados: Andratax, Arcos, Baltar, Bankia, Barcenas, Cooperación, Fabra, Gúrtel, Imelsa, Naseiro, Noós, Palma Arena, Pokemón….. son algúns deses casos en número suficiente para deixar en evidencia que o PP é un partido con corrupción sistémica, un partido cuxos dirixentes teñen a corrupción como unha das súas estratexias políticas mais relevantes. A intensidade e a extensión da corrupción é tal que debera ser suficiente, si España fora un estado democrático avanzado, para que ese partido desaparecera da escena política. Lembremos que nun estado europeo do noso entorno (Italia) un sistema de corrupción parecido pola súa extensión, xa que afectou aos principais partidos políticos italianos (DC, PSI… que levaban gobernando xuntos varias décadas) agás o PCI, e a un número relevante de empresarios e industriais rematou nun proceso xudicial –Mans Limpas (Mani pulite) tamén coñecido como Tangentopoli- que involucraría a numerosísimos ministros, deputados, senadores, empresarios quen serian imputados e arrestados. Un tsunami político que logo dun par de anos daría lugar a un novo mapa político –coa práctica desaparición da DC e PSI principais implicados na trama corrupta-. Cabe subliñar o papel clave que en todo este proceso de derrube do vello réxime –que levaba mais de 50 anos vixente- tiveron tanto a cidadanía, como o sistema xudicial como moitos medios de comunicación e opinión italianos. Un papel que, desgraciadamente, non estamos vendo en España e que proba que si Italia é, con todos os seus defectos, unha democracia consolidada, España aínda ten u longo camiño por percorrer para chegar a selo. Quizás a diferenza parta de que Mussolini foi axustizado polos seus cidadáns mentres que Franco morreu na cama.
Por si todo o anterior non fora suficiente bagaxe o pasado goberno de M. Rajoy (PP) puxo en marcha unha serie de medidas de política económica –austeridade fiscal, rebaixa salarial, privatización de activos públicos- que provocaron un deterioro económico e social tal que España é, xunto con Chipre, o estado da OCDE onde mais medrou a desigualdade cuns niveis de exclusión social e pobreza sen precedentes dende a II Guerra Mundial. Ao tempo a diferenza entre as rendas de capital e traballo acada valores descoñecidos nas derradeiras décadas. Paralelamente os recortes postos en marcha están deteriorando, como nunca, o xa deficitario estado de benestar. Finalmente a democracia española aparece como unha das democracias más fráxiles de Europa por mor das políticas que ese goberno está poñendo en marcha –como por caso a lei mordaza….-.
Si neste contexto de enorme deterioro económico, social, político e cultural o partido causante do mesmo (PP) segue sendo o partido maioritario é que algo non funciona en España. Unha España na que aínda hai moito franquista enquistado nas grandes fortunas, nos partidos políticos e nos medios de comunicación -que aquelas financian- e, tamén, en parte da cidadanía. Unha España na que, segundo a miña opinión, algo cheira a podre

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: