jueves, 16 de junio de 2016

SEMPRE NOS QUEDARA PARIS!.

Neste foro teño repetido, poida que demasiadas veces, que son “un afrancesado”, un sentimento que acentúan diferentes feitos e novas acontecidos nestes días. Cando digo que son un “afrancesado” refírome a que sinto envexa dos franceses e non so, nin principalmente, porque teñan a París de capital –que tamén-. Sento envexa por que si foron quen de levar adiante unha revolución (1789) que coa súa “liberté, égalité, fraternité” cambiou Europa e o mundo, tamén foron quen de construír unha sociedade civil que, digan o que digan os anglosaxóns, é unha referencia en Occidente e no mundo. Algo que calquera que visite Francia axiña o comproba. Algo que analizando o seu tecido social, a súa economía, a súa cultura… etc calquera pode, tamén, comprobar.
Si, sento envexa de Francia a pesares dos Hollande, Sarkozy, Valls, Le Pen, Bettencourt, Dassault, …. ao ver como, p.e., a clase traballadora francesa en forte alianza co movemento estudantil defende con enerxía uns dereitos e liberdades que tanto lles custou conquistar. Así nestes derradeiros meses estamos vendo como teñen lugar en Francia grandes mobilizacións de obreiros e estudantes, en contra do goberno de F. Hollande e M. Valls que, a semellanza doutros gobernos europeos como por caso o último goberno español de M. Rajoy, busca introducir reformas no mercado laboral encamiñadas a unha maior liberalización e desregulación do mesmo. Unhas reformas neoliberais que, como estamos vendo en España, provocan tanto unha grande perda de poder adquisitivo das rendas salariais como unha intensa precarización dos empregos.
Os traballadores e os estudantes franceses ben coñecen o que está pasando en España, Grecia, Portugal….. e queren impedir, con toda xustiza, que iso tamén pase no seu país, en Francia. E, como fixeron moitas outras veces, loitan, loitan decidida e firmemente contra esas medidas e ese goberno que as quere implantar aínda cando non estiveran contempladas no programa co que a socialdemocracia (PSF) se presentou as eleccións xerais e as gañou.
Cando escribo estas liñas os medios de comunicación e opinión están informando de que Francia “vive unha xornada masiva de protestas en todo o pais en contra da reforma laboral que quere sacar adiante o goberno francés e que facilitará e abaratará o despido. A protesta e especialmente multitudinaria e violenta en París, onde baixo unha forte presenza policial, decenas de miles de persoas maniféstanse no centro da cidade”. Unhas protestas que se fan contra unha reforma laboral que, segundo tódolos sóndeos, ten o refugo maioritario da poboación francesa (80%). Unha xornada de protestas dos traballadores e os estudantes que é continuación dun proceso continuo de mobilizacións e de actos de protesta iniciados fai xa algúns meses.
Os nosos veciños, estes estudantes e traballadores franceses, coñecen de primeira man os efectos e consecuencias de reformas laborais neoliberais como a que o seu goberno tenta poñer en marcha. Eles coñecen o que está pasando en España –que antes pasou en Grecia, Portugal- co mercado laboral: emprego, salarios, contratos, negociación colectiva, representatividade sindical….. Os traballadores e os estudantes franceses saben que coa reforma laboral en España disparouse a temporalidade (24% a más alta na zona euro: 10 puntos por riba da media), caeron os salarios reais ata chegar a ter valores mínimos na riqueza nacional (47,2%, un dos mais baixos da zona euro) e situarse nun nivel de precariedade descoñecido dende fai décadas (14% dos traballadores españois caeron na pobreza, un dos niveis mais altos da zona euro). Uns “sacrificios” dos traballadores que, en contra do que din os políticos e os seus altofalantes non ten repercusións importantes sobre emprego: España con un desemprego por riba do 20% está a cabeza de Europa polo número (%) de desempregados.
Todo isto o saben os estudantes e traballadores franceses e por iso protestan. Non queren converterse, por mor das reformas dos seus gobernos, en traballadores e estudantes pobres mentres as súas clases de rendas altas e os seus políticos son cada vez mais ricos.
Por iso, e por outras razóns xa sinaladas –e tamén non sinaladas como as tertulias o redor dunha mesa con un bo viño e un mellor queixo, algo que, p.e., non poden facer nin os anglosaxóns nin os xermanos- eu son un galego “afrancesado”.

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: