viernes, 10 de junio de 2016

CRISE POLÍTICA E CRISE IDEOLÓXICA




A mundialización neoliberal primeiro e a grande recesión a continuación puxeron en evidencia a enorme crise política e ideolóxica na que se atopa, hoxe por hoxe, a socialdemocracia europea. Aquel glorioso movemento político e sindical que foi o principal responsable de que na Europa posterior a II guerra mundial florecera o chamado estado de benestar no que as clases traballadoras tiveron un protagonismo indiscutible, está hoxe en franca decadencia política e ideolóxica. Unha decadencia que para mellor entender hai que retroceder aos primeiros anos oitenta cando aparecen no panorama internacional os sobreavaliados R. Reagan e M. Thatcher que, co apoio da Alamana de Kohl. foron quen de liderar unha revolución liberal-conservadora a que os daqueles lideres socialdemócratas –F. Miterrand, F. González, M. Soares, B. Craxi. …- non souberon, ou non puideron facer fronte.
Iniciouse así en Europa un indiscutible declive político da esquerda europea tradicional que se viu acompañado dun grande deterioro tanto do estado de benestar como dunha caída de peso das clases traballadoras. Un declive marcado polo auxe das políticas liberais –liberalización, privatización, desregulación- e polo progresivo pero imparable divorcio entre os novos lideres socialdemócratas –ao fronte do seus respectivos partidos- e as clases traballadoras que tivo o seu reflexo no crecente distanciamento entre os partidos socialdemócratas e o movemento sindical –en España tivemos o exemplo do divorcio entre o PSOE e a UGT-.
Un declive no que afondarían os lideres políticos da chamada “terceira vía”    –ou vía morta- tales como Tony Blair, L. Jospin, G.Shröder, J.L. Zapatero, J. Socrates, G. Papandreu … dirixentes que poderíamos cualificar como social liberais. Declive marcado, como sinalei anteriormente, polo enorme deterioro do público                 –especialmente do estado de benestar- e a perda de peso económico e social das clases traballadoras –caída dos salarios na renda nacional e crecente precarización do mercado laboral-. Declive que queda claramente de manifesto si se observa a traxectoria persoal da maioría dos lideres socialdemócratas aquí citados onde abondan tanto os que manteñen fortes lazos con grandes empresas económicas e mediatices –“portas xiratorias”- como os que tiveron importantes problemas coa xustiza do seu país por practicas corruptas.
Un declive que na actualidade queda reflectido na súa incapacidade tanto de presentar a nivel europeo unha alternativa ao austeridicio, a rebaixa salarial, a desregulación comercial e a desfeita do público que veñen impoñendo os poderes internacionais (Consejo Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional) e que tanto dor e sacrificio supón para as clases populares europeas –dende a II guerra mundial nunca houbo en Europa tal nivel de desigualdade e de pobreza-, como de conservar a nivel nacional o estado de benestar, o peso das rendas do traballo e o valor do público.
Un declive que a nivel político ponse de manifesto no triste e minguante papel que a socialdemocracia europea desempeña no taboleiro político europeo       –Alamana, Francia, Gran Bretaña, España, Italia…- con casos autenticamente rechamantes –Schull, F. Hollande, G. Papandreu, Schoolberg……- por non falar do taboleiro internacional onde nin está nin se lle espera.
Un declive que en España e en Galiza resulta indiscutible pero que se fixo moi evidente nas derradeiras eleccións xerais (20 D) e que seguramente volva a poñerse en evidencia tanto nas vindeiras eleccións xerais como nas galegas. Se nas eleccións do 20D o PSOE sufriu un importante revés electoral –en Galiza e en España-, é moi posible, desgraciadamente, que nas vindeiras eleccións –en España e en Galiza- o retroceso continúe e se faga mais fondo.
Persoalmente, polo miña antiga, longa e intensa militancia no PSdG-PSOE     –que abandonei fai algunhas décadas-, así como la amizade que conservo con moitos dos seus afiliados, non podo por mais que lamentalo.

Manoel Barbeitos.

No hay comentarios: