sábado, 25 de junio de 2016

OS BRITÁNICOS AO SEU, E EUROPA HACIA ONDE?.



A celebración de referendo británico sobre a permanencia, ou non, de Gran Bretaña e o resultado favorable ao “brexit” –saída da UE- está provocando unha auténtica conmoción en Occidente e unha grande riada de comentarios, artigos, declaracións…. Como era de esperar cada quen arrima a sardiña a súa ascua aínda a risco de dar a impresión de non ter entendido nada ou de quedar en evidencia. Algo moi visible na maioría dos medios de comunicación e información galegos i españois así como dos partidos políticos, por non falar dos contertulios.
Persoalmente penso que moitísimas das avaliacións e comentarios dan unha visión moi superficial e simplista tanto do resultado do referendo como da propia Gran Bretaña. O mesmo tempo que non parecen entender, ou non querer facelo, o que está pasando na propia Unión Europea.
Empecemos por avaliar o resultado. Un resultado moi axustado xa que a vitoria do “brexit” (51,89%: 17 millóns de votos) foi so lixeiramente superior ao resultado obtido polo “inside” (48,11%: 16 millóns de votos). Tal resultado permite distintas interpretacións pero non deixa de ser rechamante que mais da metade dos votantes o fixeran a prol da saída de Gran Bretaña da Unión Europea e, en contra, do que defendía o primeiro ministro David Cameron que se implicou a fondo na referendo. Neste marco ninguén pode negar que o rexeitamento a actual Unión Europea por parte dun elevado número de británicos é indiscutible. Non confundamos, como moitos medios altofalantes e políticos tentan facer, o rexeite a actual Unión Europea con un rexeite a Europa por parte dos británicos: o brexit é un rexeite a actual Unión Europea, as súas políticas. Algo que está en liña co que sucede na maioría dos estados da Unión Europea como confirman tódalas enquisas serias.
A afirmación anterior ven confirmada pola análise social e territorial dos resultados. A nivel social as informacións que nos chegan din que foron o mundo rural británico e as clases populares quen maioritariamente votaron a prol do brexit: as vilas e cidades castigadas pola crise industrial e moi especial as vellas cidades mineiras, o pais de Gales e Inglaterra. Mentres que foron as clases medias e de rendas altas, maiormente localizadas en Londres e en Escocia, as que votaron en contra do brexit e a prol do inside. Hai que ter tamén en conta que o capital financeiro británico –a moi poderosa City londinense- xogou moi forte a baza do inside. Tódalas informacións que presentan un certo nivel de rigor confirman o sinalado o que non resulta estraño pois é algo que está medrando exponencialmente na Unión Europea: o refugo por parte das clases populares as políticas de Unión Europea (austericidio, rebaixa salarial, venta de activos públicos, deterioro da democracia …) e Gran Bretaña non é unha excepción.
Un resultado que indiscutiblemente debilita a Unión Europea. Na economía mundo actual que Gran Bretaña saia da Unión Europea supón un debilitamento –político, comercial, cultural, militar- da mesma fronte as outras dúas potencias: Estados Unidos e China. Non resulta ariscado pensar que se hoxe por hoxe os vínculos de Gran Bretaña cos Estados Unidos son moi fortes, logo do brexit serán maiores. Uns vínculos que, sen dúbidas, favorecen aos Estados Unidos e prexudica as outras dúas potencias.
Ao tempo que a debilita o brexit pode intensificar os movementos tanto centrífugos como centrípetos na Unión Europea. Por unha parte é previsible que tanto Alamana como a troica -FMI, BCE, CE- apoiadas polos estados europeos do norte (Países Baixos, Austria, Finlandia…) se movan para tratar de impedir que “conda o exemplo” e que outros estados poidan querer aproveitalo brexit para reclamar maior autonomía e, incluso, poidan plantarse a saída de zona euro e da mesma UE. Un movemento que irá encamiñado a unha maior centralización das decisións e un maior énfase no austericidio e no ríspeto aos tratados, en definitiva na dirección de restarlle aínda mais autonomía aos estados da eurozona en beneficio da autoridade da troica e de Alamana e en prexuízo da democracia e das clases populares europeas. Algo que, de producirse, fará aínda mais dura e longa a crise especialmente nos estados europeos periféricos. Fará aínda mais antidemocrática a Unión Europea.
Tamén resulta probable que unha vez aberta a porta de saída haxa outros estados europeos que presionados pola súa cidadanía se plantexen a  permanencia na actual Unión Europea tanto no arco dos que están na zona euro como de aqueles que non o están. Estes movementos centrípetos dependerán tanto de que como lle vaian as cousas a Gran Bretaña fora da Unión Europea como de a situación das clases populares europeas. Non esquezamos que a maioría das enquisas e dos estados de opinión reflicten un rexeitamento cada vez maior, por parte das clases populares europeas, a marcha da Unión Europea a quen culpan da recesión económica, a perda de benestar, a crecente desigualdade social  -con niveis de exclusión sen precedentes- e o deterioro da democracia. Algo que queda manifestamente claro tanto polo crecente apoio que reciben os partidos contrarios a UE tanto da extrema dereita como de esquerdas como pola perda de apoios dos partidos europeos sistémicos –liberal/conservadores e socialdemócratas- a quen as clases populares consideran responsables dunha xestión da crise que favorece descaradamente as clases de rendas altas.

Manoel Barbeitos

1 comentario:

Unknown dijo...

Unha correción: no último parágrafo onde pon "movementos centrípetos que...." debería por "movementos centrífugos que....", e decir movementos hacia fora da Unión Europea. Pido disculpas por este erro gramatical. Coido que xa se entende: movementos centrífugos os que turrarán pola saida da UE, e movemento centrípetos os contrarios que presionaran por unha maior centralización.