viernes, 24 de junio de 2016

TAREFAS PENDENTES



As eleccións xerais do 26 de xuño vanse celebrar en España nun contexto marcado no económico polo austericidio fiscal, a rebaixa salarial e a privatización de activos públicos. Unhas políticas que, impulsadas polos derradeiros gobernos (PSOE, PP) e baixo o paraugas da chamada troica (FMI, CE, BCE), amais de prorrogar a recesión económica derivada da grande crise (2008), trouxeron como consecuencias: 1º. Un crecemento imparable das desigualdades –España é, xunto con Estonia, o estado europeo no que mais están medrando as desigualdades-,   2º. Un elevado desemprego –somos xunto con Grecia os campións europeos no desemprego- e unha crecente precariedade laboral, 3º. Que se dispararan as débedas tanto públicas como privadas, 4º. A consolidación dun sistema fiscal claramente inxusto –beneficia as rendas de capital en prexuízo das rendas de traballo e non persegue o fraude fiscal sendo España un dos seus estados europeos lideres-, 5º. Unha maior centralización do sistema bancario coa desfeita das caixas de aforros, 6º. A posta en práctica dunha política territorial arbitraria e discriminatoria que amais a acentuar os desequilibrios crispou ata límites moi perigosos as relacións entre as administracións públicas territoriais, 7º. Un crecente desmantelamento do estado de benestar, tal que se agrandaron uns déficits xa crónicos, en beneficio do capital privado e 8º. Un prolongado deterioro do medio ambiente cuxa conservación non resultou prioritaria.
Unhas políticas que tiveron como máximos beneficiarios tanto a grande banca española e europea como as grandes empresas.  
A situación non está, xa que logo, para panos quentes. Ou se está por continuar coas políticas que nos levaron a esta situación ou se está por poñer en marcha outras moi distintas –que si son posibles fronte ao que diga a sabedoría oficial- que, por caso, poñan por diante os dereitos e as necesidades da maioría da poboación e dos pobos de España fronte aos intereses da grande banca e as grandes empresas. Unhas políticas que deben comezar por dar rango constitucional a eses dereitos sociais e esas necesidades económicas e seguir por eliminar aquelas outras que os impiden ou lesionan, como por caso o aldraxante artigo 135, as derradeiras reformas laborais, a lei orgánica para a mellora educativa, as amnistías fiscais etc. Unhas políticas que recoñezan o imprescindible e decisivo papel cidadán na toma de decisións e no control das actuacións dos poderes públicos. Unhas políticas que, dunha vez, arranxen os problemas da maioría cidadán.
Unhas políticas económicas que supoñen, non nos enganemos, facer fronte a troica e o seu austericismo senón queremos rematar sendo un estado empobrecido e falido, un protectorado da troica. Un enfrontamento que supón cuestionar os actuais obxectivos fiscais de déficit e débeda públicos entre outras razóns por seren, como se está vendo,  inviables. Resulta razoable fixar obxectivos sensatos de déficit e de débeda públicos pero resulta un suicidio, ademais dun atraco e unha autentica barbaridade –un dogma- poñer aqueles obxectivos por diante e con preferencia dos obxectivos de crecemento económico e creación de emprego. Obxectivos estes últimos inviables asemade si se segue apostando pola rebaixa salarial, a precarización no emprego e a desigualdade das rendas do traballo fronte as rendas de capital. Obxectivos inviables, asemade, senón se embridan as débedas tanto públicas –que deben ser auditadas- como privadas.
Unhas políticas económicas que a nivel social rematen cos privilexios fiscais dalgúns colectivos e institucións privadas, igualen a fiscalizade que soportan as rendas do traballo e as rendas de capital e persigan a fraude fiscal. Uns obxectivos fiscais que a nivel territorial eliminen os privilexios, apuntalen a descentralización da responsabilidade fiscal e se vaian axustando a operatividade dun estado federal. Uns obxectivos fiscais que deben ser compatibles coa presenza dun sector público potente e un estado de benestar a altura do que teñen os estados mais desenvolvidos de Europa. Un estado de benestar ao que temos dereito como cidadáns e como europeos.
Unhas políticas económicas que precisan, tanto en España como en Galiza, de contar co apoio dunha banca pública que cubra as necesidades financeiras da economía española e que garante as familias e as pequenas e medianas empresas a dispoñibilidade do crédito que precisan. Unhas políticas que poñan freo tanto a enorme avaricia como as prácticas especulativas e de enorme risco das entidades bancarias.
Unhas políticas que, finalmente, poñan freo a insoportable corrupción que amais dun enorme dano moral e político teñen tamén graves repercusións económicas.
Logo de gobernos tan nefastos como os anteriores son moitas as tarefas, das que so fixemos mención a algunhas das mais relevantes, que quedan pendentes para o goberno español que saia logo do resultados das vindeiras eleccións. Son moitas e moi urxentes.
Os cidadáns temos a palabra.

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: