jueves, 26 de enero de 2017

A montaña pariu un rato

Unha Conferencia de Presidentes (como así se deu en chamar ao cumio autonómico creado no ano 2004) como a celebrada recentemente (17 e 18 de xaneiro) na que (por razóns políticas) non participan nin o lehendakari de Euskadi (I. Urkullu) nin o president da Generalitat de Catalunya (C. Puigdemont) nace de seu moi, pero moi devalada. Moito mais se temos en conta que é a primeira vez, dende que existe esta institución, que tal cousa sucede. Unhas ausencias claves dado que un dos temas centrais a tratar era “o novo modelo de financiamento autonómico”. Novo modelo que, a ninguén se lle escapa, resultará inviable de implementar se non conta co apoio, ou cando menos o beneplácito de Catalunya e Euskadi, por razóns obvias. Dúas comunidades que, ademais do peso histórico coñecido, copan o 25% da demanda global española, achegan o 22% dos ingresos fiscais e acollen o 16,5% da poboación residente no estado español.
Resulta, xa que logo, dunha enorme irresponsabilidade tanto por parte do Presidente do actual goberno español (M. Rajoy) como do seu partido (PP) o dar validez política a unha conferencia con tales ausencias. Unhas ausencias que, por outra parte, deberían ter sido suficientes para que o PSOE invalidara a mesma. Gran responsabilidade, por parte de ambos os dous, se temos en conta que dende o ano 2012 no se celebraba tal conferencia: os tempos, é ben certo, están cambiando e a falta dunha maioría absoluta está obrigando ao PP a mudar as formas e os escenarios. Nembargantes, aínda persisten moitos tics autoritarios e centralistas: lévano no sangue.
Unha conferencia que nacía condicionada por varios feitos destacados pero con un fío común: as novas regras fiscais que a lombos da gran crise impuxeron os distintos poderes públicos europeos e españois. Unha regras fiscais que teñen como norte e guía a austeridade compulsiva –un auténtico austericidio-. Un rigor fiscal imposto a nivel europeo (Pacto de Estabilidad y Crecimiento) que en España adoptou a forma dun mandato constitucional (Reforma artigo 135 Constitución España, 27 setembro 2011) que posteriormente  foi convertido en lei (Ley Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera). Pero cunha aplicación claramente asimétrica e discriminatoria en prexuízo das comunidades autónomas e os concellos a pesar de que estas soportan o 65% do gasto público. Velaí os enormes condicionantes –auténticas camisas de forza- que, hoxe por hoxe, practicamente impiden en España a operatividade de calquera conferencia de Presidentes que queira tratar temas financeiros e fiscais ao atacar a soberanía das autonomías e os concellos.
Unhas regras fiscais que como demostran as evidencias son apoiadas e defendidas pola gran coalición PP/PSOE –velaí, por caso, o recente acordo entre ambos os dous partidos sobre o teito do gasto-. Como era previsible, dada a conxuntura política que estamos a vivir, a sombra do gran pacto PP/PSOE planeou, en todo momento, sobre este cumio de presidentes freando as expectativas. Algo que confirmaron tanto a pouca atención mediática que tivo –xa se sabe que intereses defenden a maioría dos medios- como a escasa importancia real e práctica dos acordos tomados.
Así e en relación ao que debera ser o tema central, o financiamento autonómico, o máximo que se conseguiu foi un forzado acordo para cambiar o actual sistema por un novo sistema de financiamento, sen concretar, que deberá entrar en vigor no ano 2018. Un acordo para cuxa materialización “porase en marcha unha comisión de expertos encargada de formular un novo modelo de financiamento autonómico” (sic.). Un acordo aceptado a regañadentes polo goberno español (PP) e que, unha vez mais, contou inicialmente coa oposición do presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijoo quen novamente –ai están as hemerotecas para comprobalo- aliñouse coas posturas mais centralistas do seu partido (PP) esquecendo as súas responsabilidades como presidente dunha comunidade autónoma histórica pero deficientemente financiada.
Un acordo que na súa materialización, non faltaba mais, deberá de axustarse ao dogma neoliberal do axuste fiscal, algo que apoian os dous grandes partidos estatais (PP e PSOE: velaí o seu acordo, xa citado, sobre o teito do gasto), polo que só cabe agardar un magro resultado.
Un acordo, xa que logo, claramente insatisfactorio que non resolve, nin de lonxe, os problemas crónicos do sistema español de financiamento autonómico. Un sistema que, para a súa definitiva e sólida configuración, precisa dun diálogo profundo, continuado e serio entre a Administración Central e as Administracións Autonómicas. Diálogo que, como podemos ver, escasea: mentres nos estados europeos da nosa contorna (Alemaña, Italia …) as administracións publicas celebran varias xuntanzas anuais para tratar os temas financeiros que lle afectan conxuntamente, en España levábamos catro anos sen que se celebrara xuntanza ningunha. En relación a este relevante aspecto o máximo que se conseguiu nesta nova conferencia foi que de agora en diante se xunten mais, unha vez ao ano (!).
O tempo dirá para que serviu esta Conferencia de Presidentes, pero as evidencias non convidan ao optimismo, nin moito menos. Máis ben dan para pensar que “a montaña pariu un rato”.
As evidencias non convidan a optimismo porque a día de hoxe, e como xa subliñara dende as páxinas deste diario, o sistema español de financiamento autonómico continúa a agochar problemas moi serios. “Uns xa bastante antigos (modelo dual asimétrico, escasa responsabilidade fiscal, deseño institucional deficiente) e outros mais actuais (negociación bilateral, cotas de investimento do Estado, ausencia de discurso político integrador). Mais estes problemas xa estaban ou subxacían nos entresixos do sistema” (X. Álvarez Corbacho: “Crise no financiamento autonómico”). Un sistema que permite que as CCAA de réxime foral teñan, segundo algúns cálculos moi fiables, entre un 40% e un 60% mais de recursos fiscais per cápita que as comunidades de réxime común (Instituto de Estudos Fiscais: “Informe para a reforma do sistema de financiamento autonómico”)
Un sistema, xa que logo, que aínda segue precisando dunha fonda revisión ou reforma. Unha reforma que logo da citada Conferencia de Presidentes continua pendente…, e todo parece indicar que continuará por bastante tempo.

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: