jueves, 30 de marzo de 2017

Crecemento económico versus desenvolvemento

O presidente da Xunta de Galiza, Alberte N. Feijoo, destacaba hai uns días os datos de crecemento económico, difundidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que “alumean o crecemento provisional do 3,1 por cento en 2016, o maior dos derradeiros nove anos”. Feijoo resaltou que Galiza rematou en 2016 “medrando mais que España e superando aos países da zona euro como Portugal, Francia, Italia ou o Reino Unido, entre outros”.
Segundo datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) o PIB (Produto Interior Bruto) de Galiza tivo no ano 2016, un crecemento provisional do 3,1%. Crecemento que confirma a senda positiva anterior (0,4% no 2014 e 3,2% no 2015) e que se sumamos a que o comercio parecera que freara a súa contracción poden dar pe a pensar que a grande recesión que  seguiu á crise financeira do ano 2008, está xa superada como así afirman algúns dirixentes políticos galegos e españois. E certa tal afirmación?, a grande recesión quedou definitivamente atrás?.
Hai xa algunhas décadas que o PNUD (ONU) -Programa de desenvolvemento para as Nacións Unidas- comprobou que para analizar con rigor a realidade económica e social dos distintos estados e rexións do mundo non servían as variables macroeconómicas –tal que o PIB, a RN- que a metodoloxía oficial viña utilizando. Non servían pois observou que, con demasiada frecuencia, sucedía que estados que presentaban un nivel de crecemento económico (PIB) relevante aparecían sempre entre o grupo de estados mais pobres do mundo: maiores niveis de pobreza e desigualdade, menos emprego e de peor calidade, grande precariedade nos servizos e infraestruturas básicas. Os casos abondaban e as evidencias eran rotundas. Esta realidade levoulles a considerar que eran necesarios outros parámetros para recoller a realidade económica e social dun estado ou rexión. Así elaboraron o IDH –Índice de desenvolvemento Humano-
Pola súa parte, J. Stiglitz  –que algo debe saber de economía- subliña que: 1º Dada a desigualdade dos ingresos o PIB non permite avaliar axeitadamente nin os resultados económicos nin o progreso social dun pais. 2º Non se pode falar de que unha crise está superada ata que se recuperan os niveis de crecemento económico e de emprego anteriores a mesma . (J.Stiglitz: “El malestar de la globalización”. Editorial TAURUS).
Partindo destas evidencias e centrándonos na realidade do país galego vemos que si a produción (PIB) medra faino en termos monetarios que non reais xa que a produción en 2016 aínda non acadou os valores reais que tiña antes de que estoupara no ano 2008 a crise financeira (-7,5%). Igual sucede co gasto total -coa demanda- e con tódalas  grandes variables macroeconómicas, xa que practicamente ningunha recuperou os valores previos a grande crise (2008), nin hai perspectivas de que iso suceda no curto prazo.
Dentro do gasto total o gasto privado (C+I) non parece quen de recuperarse da fortísima caída derivada da longa recesión (-26,8%). Unha recuperación que vai para longo como demostran as evidencias. O investimento privado aínda esta moi, pero moi lonxe de recuperar os valores anteriores a crise financeira (-54,2%). E o mesmo sucede co consumo privado (-13,1%), aínda que neste caso a situación e menos desfavorable, grazas moi especialmente a importancia estabilizadora das pensións públicas nas economías familiares. Pola súa parte o gasto público, fortemente castigado polo duro axuste fiscal aplicado polos gobernos español e galego que manteñen as súas políticas austericidas, non é quen de turrar da demanda, como sería menester, e segue nun perfil baixo (-9,8%).
O comportamento do gasto total en Galiza é unha evidencia mais do fracaso das teses neoliberais que xustifican a austeridade fiscal co argumento de que o gasto público despraza ao gasto privado impedindo o crecemento económico: como se pode ver sucede o contrario, o gasto privado precisa do gasto público por que este turra daquel polo que cando se recorta o gasto público, especialmente nunha fase recesiva, frease tamén o gasto privado e debilitase a demanda impedindo o crecemento económico.
Neste contexto recesivo a única que parecera recuperarse é a demanda externa que diminúe o seu balance negativo (+5,2%). Pero isto non deixa de ser un espellismo xa que o que realmente se está producindo é unha moi forte caída das importacións (-26,6%), derivada da caída da demanda interna, que provoca un balance menos negativo do saldo exterior (+5,2%). De novo as evidencias desmontan as teses neoliberais: as rebaixas salariais e a precariedade laboral –a devaliación interna- non impulsan o crecemento das exportacións (-7,3%). O fracaso, neste caso, das reformas laborais neoliberais, é absoluto.
Como podemos ver a economía galega presenta aínda uns balances moi negativos tanto no sector privado como público que apenas poden ser compensados polo balance algo mais positivo do sector exterior. Uns balances que, de ningures, poden ocultarse polos resultados positivos dalgunhas variables macroeconómicas, como por caso o PIB.
No transfundo desta situación está a dobre realidade dun mercado laboral galego, lastrado pola precariedade e a debilidade derivadas das sucesivas reformas laborais,  e dunhas débedas privadas, que seguen a ser unha carga moi pesada para as familias e as empresas.
Ao día de hoxe o número de empregos non recuperou o nivel previo a crise (-12,2%) e o desemprego sigue disparado (+58,3%) a pesar da notable caída dos activos (-5,3%). O emprego non recupera valores anteriores a crise e os novos empregos que se crean veñen marcados por unha elevadísima precariedade  quen afecta moi especialmente a xente moza e as mulleres: o 31% dos traballadores galegos/as con salario cobran menos do SMI, o 22% das mulleres e o 25% dos mozos que traballan teñen un contrato a tempo parcial. Non pode resultar estraño, xa que logo, que o peso das rendas do traballo na riqueza nacional non pare de caer acadando actualmente os valores mais baixos (44%) en décadas. As evidencias permiten afirmar que en Galiza, como en España, o elevado desemprego e a alta precariedade transformáronse en problemas endémicos. Como sinalamos un rotundo éxito das sucesivas reformas laborais.
En relación a débeda privada cabe subliñar que se cando estouro a crise financeira (2008) a débeda privada de familias e empresas ascendía en Galiza a 65.500 millóns de euros –equivalentes ao 114% do PIB, sendo a 7ª CCAA con maior débeda privada- na actualidade, e a pesar do fortísimo proceso de amortización desta débeda, o seu valor aínda supera largamente os 52.000 millóns de euros que equivalen ao 95% do PIB (*).
Unha débeda privada que, a pesares de que agora Galiza é xunto con Asturias unha das comunidades españolas onde as familias e as empresas están na actualidade menos endebedadas, segue sendo unha pesada lousa para moitas delas e, xa que logo, para o conxunto da economía: o 21% das familias galegas teñen unha hipoteca e cada día que pasa son unha media de 7 as familias galegas que perden a súa vivenda por alzamento. Unha lousa, a débeda privada, á que hai sumar a da crecente débeda pública.
Con estes datos non deixa de producir bochorno escoitar aos políticos gobernantes iso de que Galiza medra mais que Francia, Gran Bretaña e Italia… entre outros. Moito máis cando por mor destas políticas neoliberais o número de familias galegas en risco de exclusión é, tamén, un dos mais elevados en décadas: 20%. E é que, hoxe por hoxe, nin ter un traballo garanta, en Galiza e en España, evitar a pobreza. Medra o PIB, é certo, pero tamén medran as desigualdades e a pobreza.
Neste marco macroeconómico resulta acertado o subliñar que non se pode afirmar que a crise estea definitivamente superada e que o sistema xa se recuperou daquela. Porque se, ademais dos problemas propios xa citados, atendemos aos ventos que veñen do leste (Unión Europea) poderemos escoitar como aqueles anuncian a posibilidade dunha nova grande borrasca (recesión) cuxo epicentro será, de novo, o sistema financeiro. Unha probable conflagración financeira que non haberá Banco Central que a deteña de non cambiar as políticas macroeconómicas actuais.
(*): Elaboración propia a partir de informacións recollidas nos boletíns do Banco de España

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: