lunes, 10 de abril de 2017

As mulleres galegas e a igualdade

“Se o problema de desigualdade de xénero non é un problema político non sei se é un accidente xeográfico” (ANA PONTON, portavoz nacional do BNG)
Moitas veces  teño a sensación de que hai demasiados políticos que cando falan, cando debaten non son plenamente conscientes do que din nin das súas implicacións. Sensación que nace da crenza de que non son sinceros. Evidentemente que entre os diferentes políticos hai distintos niveis, así temos o caso patolóxico de Mariano Rajoy –incapaz de dicir unha verdade nin equivocándose- fronte a outros políticos menos mentireiros, como por caso A. Núñez Feijoo pero quen nembargante, iso polo menos é a miña sensación, fala moito de ouvídas, do que lle contan (imaxino) os seus asesores e conselleiros.
Ben isto a conto polo sucedido nun recente debate parlamentario –que coincidiu co Dia Internacional da muller- en torno a insoportable lacra da violencia de xénero. As respostas de Alberte N. Feijoo ás intervencións de oposición reflicten a un político que tanto descoñece a realidade da muller galega –especialmente das mulleres das clases populares- como que non considera que determinados comportamentos de homes do seu partido (PP) sexan violencia de xénero –como por caso os abusos de poder do dirixente provincial J. M. Baltar Blanco, investigado por ofrecer emprego a cambio de favores sexuais-. As evidencias dinos que estamos diante dun político gobernante que, ademais de ignorar a realidade actual sobre a situación da muller galega, non parece disposto a por en marcha medidas políticas que permitan realmente avanzar na igualdade de xénero, pois segundo palabras textuais, a desigualdade de xénero non é un problema político. Por iso mesmo pídelle a oposición que “non politice a loita pola igualdade por que sería faltarlle ao respecto as mulleres” (sic). Como ben sinalou a deputada nacionalista Ana Pontón (BNG) “se o problema da desigualdade de xénero non é un problema político non sei se é un accidente xeográfico”.
Co gallo do dia internacional da muller, tamén chamado dia internacional da muller traballadora (8 de marzo), as centrais sindicais galegas fixeron públicos unha serie de informes que poñen en evidencia a auténtica realidade da muller galega e deixan en moi mal lugar aos políticos gobernantes. Unha realidade marcada por unha crecente desigualdade de xénero que ten como motor as políticas que tanto dende a Xunta de Galiza como do Goberno español se están aplicando. Unha desigualdade que se manifesta, cando menos, no nivel laboral, nos servizos e transferencias públicas e tamén na formación e o ensino. Unha desigualdade que ten, como dicíamos, causas políticas.
Segundo denuncian, ao unísono, as centrais sindicais galegas (CIG, CCOO de Galicia, UGT Galicia,) (*), a situación laboral da muller galega esta “marcada polas eivas da desigualdade, o desemprego e a precariedade (….) os efectos da crise, as reformas laborais e as medidas de recortes adoptadas fronte a mesma, carentes da correcta e correspondente avaliación de impacto de xénero á que a ignorada Lei de Igualdade obriga, unida á omisión de actuacións públicas que realmente contribúan a avanzar na igualdade entre mulleres e homes, estanos afastando cada vez mais da igualdade real (….) Se antes da crise se dicía que a pobreza tiña cara de muller, hoxe, logo dunha longa travesía de destrución de emprego, redución de salarios, perda de poder adquisitivo, de dereitos laborais, recortes nas axudas públicas…, a pobreza estendeuse a máis capas da sociedade, e acuñouse o termo pobre laboral que acolle tanto a homes como a mulleres. Porén, estas novas pobres véñense a sumar ás xa existentes, polo que a faciana da pobreza cada vez está máis feminizada”.
As evidencias empíricas son contundentes e indiscutibles: nun mercado laboral xa moi cativo como o galego as mulleres teñen moitas mais dificultades que os homes para atopar un traballo. Proba do mesmo son unhas menores taxas de actividade (48,7% fronte ao 58,4%: case 10 puntos) e de ocupación (40,5% e 49,3%), un maior desemprego de longa duración (53,6% fronte a un 53,1%) e unha concentración do emprego feminino maiormente (85%) nun so sector: os servizos -no que o 56% da ocupación é feminina- pois as mulleres galegas teñen enormes dificultades para atopar un traballo nos outros sectores produtivos nos que o emprego é maioritariamente masculino (https://www.ige.eu/)
Unha vez incorporadas ao mercado laboral a súa situación segue a ser claramente discriminatoria xa que as mulleres traballadoras perciben menores salarios, cunha fenda salarial que pode variar –segundo idade- entre un 15,8% e un 46,9%. Sofren tamén unha maior precariedade laboral pois o 76% dos empregos a tempo parcial están ocupados, non voluntariamente, por mulleres entre as que a temporalidade (28,4% e subindo) e claramente superior que nos homes (25%). Son tamén as mulleres as que teñen unha maior taxa de paro (17% fronte ao 15,6%), a pesares da forte diminución do diferencial habida durante a grande recesión (https://www.ige.eu/)
As evidencias empíricas sobre a desigualdade de xénero no mercado laboral galego son, xa que logo, contundentes e definitivas. Unhas desigualdades laborais que confirman, unha vez mais, o xa subliñado en PRAZA PUBLICA de que o problema do mercado laboral galego está no lado da demanda e non da oferta como nos queren convencer os neoliberais.
Esta desigualdade laboral ten ademais efectos colaterais como sucede coas transferencias públicas mais relevantes caso de as pensións e as prestacións por desemprego. As mulleres galegas teñen, por termo medio, tanto menores pensións   –unha diferenza media que pode ascender ata o 40%-  como peores prestacións por desemprego –unha lenda de14 puntos- que os homes.
Por si este non fora suficiente, o elevado déficit nas funcións públicas de benestar –como por caso familia/infancia, vellez, dependencia- dificulta aínda mais a incorporación das mulleres galegas ao mercado laboral.  Un déficit que provoca que en Galiza o número de mulleres con “un traballo invisible” –preto de 180.000-, por desempeñar as labores do fogar ou atender a familiares maiores, enfermos ou dependentes, sextuplique ao número de homes -30.000-, sendo ademais a segunda maior causa de inactividade (28,3%) entre as mulleres galegas (https://www.ige.eu/). Velaí unha das maiores causas da menor participación das mulleres galegas no mercado laboral.
A carencia de auténticas políticas a prol da igualdade de xénero por parte da Xunta de Galiza non so se reflicte nas políticas laborais e nas funcións públicas de benestar xa citadas senón tamén noutras tan relevantes como por caso no ensino. E ben coñecida a preferencia do goberno de A. Núñez Feijoo pola concertación de servizos coas empresas privadas. Unhas concertacións que non sómente debilitan a actuación pública senón que favorecen a ideoloxía neoliberal e conservadora que, neste caso no ensino, apoia a desigualdade nos/as estudantes ao financiar con fondos públicos centros privados que segregan aos/as nenos/as por razón de xénero. Bonito xeito de fomentar dende a infancia, a través da educación, a igualdade de xénero. Por si isto non fora suficiente fontes autorizadas e competentes do ensino denuncian que a loita contra a violencia de xénero non ten en Galiza o espazo e a atención que debera entre as materias educativas dos centros públicos. Unha decisión claramente política por parte do partido gobernante (PP).
Son moitas as evidencias de que a igualdade de xénero non é unha das prioridades políticas da actual Xunta de Galiza (PP). Son tanto razóns ideolóxicas        –propias de certas crenzas relixiosas como a católica- como políticas –a igualdade non está no ideario liberal/conservador- as que explican esta ausencia.  Razóns que confirman como non hai nos políticos galegos gobernantes, como tampouco en moitos españois, conciencia do peso das desigualdades sociais na crise actual. Non hai conciencia de que existe unha relación moi directa entre a presenza das mulleres no mercado laboral e a riqueza dun pais: a maior presenza mais riqueza e mais desenrolo especialmente se esa presenza é en condicións de igualdade. Aínda mais non hai conciencia de que non é posible, nin viable un proxecto social progresista para Galiza que non teña entre os seus obxectivos acadar a igualdade social –que debe incluír a igualdade de xénero-. A propia historia de Galiza así o confirma (http://praza.gal/movementos-sociais/13797/as-mulleres-traballamos-sempre-traballamos-todas-e-traballamos-dentro-e-fora-da-casa/).
Non quero rematar sen sinalar como estas políticas que non teñen a igualdade de xénero como unha das súas prioridades afectan negativamente a dinámica demográfica do propio pais galego. “O devalo demográfico non é a causa senón un síntoma mais do anacronismo dun contrato social que funcionou baseado no traballo abnegado e gratuíto das mulleres que cedían o control sobre a súa capacidade reprodutiva e priorizaban os intereses doutros. Esta situación mudou para sempre. Podemos velo como un problema ou como unha oportunidade. Sobrevivirán dignamente a esta mudanza as sociedades que entendan e asuman os termos dun novo contrato social mais igualitario” (ANA LUISA BOUZA: “O devalo demográfico de Galiza”. TEMPOS NOVOS, agosto 2014).
Manoel Barbeitos

(*): Para a elaboración deste apartado apóienme nos informes que sobre a situación laboral da muller galega teñen elaborados os sindicatos galegos (,”Situación laboral das mulleres en Galiza”.CIG, “Desigualdade, desemprego e precariedade as eivas do traballo feminino en Galiza”. CCOO de Galiza, “Situación sociolaboral da muller en Galiza” UGTGaliza, marzo 2017). Evidentemente a responsabilidade das conclusións é  so miña.

1 comentario:

FUNDACIÓN LUÍS TILVE dijo...

Os meus alumnos siguen estudando que moitas mulleres perciben salarios máis baixos que os seus compañeiros homes por un mesmo trabajo. Grazas polo artigo. Guereñu.