lunes, 18 de septiembre de 2017

Neofranquismo e democracia


On vas amb les banderes i avions
i tot el cercle de canons
que apuntes al meu poble?


On vas amb la vergonya per galó,
i en el fusell, hi duus la por,
que apuntes al meu poble?


On vas?...

Rematei o artigo anterior sinalando que Partido Popular (PP) e Convergencia Democràtica de Catalunya (agora PDC) eran, como partidos neoliberais e líderes en corrupción, practicamente "os mesmos cans con distintos colares". Debo rectificar parcialmente.

Os acontecementos políticos que están tendo lugar nas derradeiras semanas co gallo do procés posto en marcha pola Generalitat de Catalunya son de tal gravidade, dende o punto de vista democrático, que hai que marcar as diferenzas. Diferenzas entre demócratas e neofranquistas. Dun lado –neofranquistas- o Partido Popular (PP), doutro –demócratas- partidos políticos e organizacións sociais que defenden os dereitos e as liberdades democráticas sen falsas equidistancias. Dun lado os que queren impedir o exercicio da democracia (PP) -o dereito a decidir é un dereito democrático-, doutro os que, con distintos matices e importantes diferenzas, se reclaman da democracia con maiúsculas e sen apelidos.

Desgraciadamente, xunto ao primeiro atopamos hoxe a un partido histórico (PSOE) cuxos dirixentes non parecen ser quen de estar a altura do que cabera esixir a un partido con tal bagaxe progresista e democrática. Porque na actual conxuntura política cabía agardar que o PSOE utilizase o seu potencial político a nivel español para actuar de mediador entre as forzas centrífugas e centrípetas do estado dentro dunha perspectiva federalista –como así está no seu programa-.

Se na conxuntura actual a postura de JxSI (Generalitat de Catalunya) en relación ao referendo non é asumible por razóns que a continuación sinalarei, a brutal resposta política do PP (Goberno español), inaceptable dende calquera perspectiva democrática, despraza a batalla política ao terreo dos dereitos e as liberdades fundamentais poñéndoas en perigo.

A postura de JxSI co referendo non é asumible por razóns evidentes: nas actuais condicións e no camiño polo que transcorre o procés non é posible a celebración dun referendo sobre o dereito a decidir nunhas condicións democráticas mínimas. Tampouco é asumible o procedemento polo cal se aprobou no Parlamento catalán o proceso soberanista: os partidos de JxSI co apoio da CUP modificaron o regulamento do Parlamento catalán de tal xeito que se impediu tanto o debate en comisión da "lei de referendo e desconexión" como a presentación de emendas, ao tempo que non quedan claros moitos detalles relevantes sobre a celebración do propio referendo. Proceder que sementa serias dúbidas sobre a concepción da democracia por parte dalgúns partidos independentistas, como por caso a CUP.

A resposta do goberno español (PP) a este acto que o Tribunal Constitucional decidira suspender -algo moi a ter en conta, pois significa que de celebrarse será un acto sen validez nin política nin xurídica sexa cal sexa o resultado- non pode por máis que cualificarse de autoritaria e antidemocrática. Moito máis se se ten en conta que este goberno –que preside o incompetente M. Rajoy- non foi quen, en ningún momento, de facer unha soa proposta política ao chamado "problema catalán" nin, xa que logo, de pór en marcha un diálogo tanto entre o goberno español e o goberno catalán, como coas distintas forzas políticas presentes en Catalunya e en España. Parecera que para M. Rajoy e o seu partido –PP- a solución, como el mesmo sinalou algunha vez, pasa por "canto peor mellor para todos e canto peor para todos mellor para min o seu beneficio político".

Un comportamento que, por caso, contrasta co mantido por outras autoridades políticas relevantes –concellos de Barcelona e Madrid, Goberno Vasco- e tamén entidades sociais de peso –movemento sindical, CEOE- que fan repetidas chamadas a un diálogo entre as partes que procure solucións políticas. Un diálogo imprescindible se se quere evitar o choque de trens deica o que camiña, hoxe por hoxe, o procés. Un diálogo que, grazas á intermediación do concello de Barcelona e moi especialmente da súa admirable alcaldesa Ada Colau, incluso xa aceptan algunha das partes máis belixerantes como por caso a señora Forcadell presidenta do Parlamento catalán.

Unha demanda de diálogo diante da que, desgraciadamente, o goberno español (PP) so parece capaz de ofrecer represión e ataque aos dereitos e as liberdades democráticas, convertendo o que era unha loita política en torno a un referendo nunha defensa/ataque aos dereitos e liberdades democráticas en Catalunya. Porque niso se converteu o procés: como moi ben sinala a anteriormente citada alcaldesa de Barcelona Ada Colau, o asunto xa non vai de referendo e independencia senón de dereitos e liberdades democráticas.

Aí, nese terreo é moi seguro que o goberno español (PP) se vai atopar en fronte non só coa Generalitat, senón con todo o pobo catalán quen, tamén con toda seguridade, non vai estar só pois xa empezan a oírse en cada vez máis pobos do Estado español crecentes voces en contra da desmesura do goberno que preside Mariano Rajoy (PP).

Porque vendo a gravidade das actuacións que aquel está levando a cabo, e como moi ben sinala o Sindic de Greuges (Rafael Ribó), o que sucede realmente é que se están a vulnerar os dereitos e as liberdades fundamentais dos cidadáns, de todo o pobo de Catalunya e do conxunto de pobos do estado español.

Fagamos, por caso un repaso a algunhas das medidas máis relevantes adoptadas, ata agora, polo goberno español (PP), co gallo de impedir o referendo. Medidas que abranguen varias frontes. Na fronte xudicial, ademais da resolución xa citada do Tribunal Constitucional, o Fiscal xeral do Estado (J.M. Maza), que ten abondo demostrado o seu escaso pedigree democrático, lanzou unha brutal ofensiva xudicial contra os alcaldes cataláns que apoian o referendo chegando no seu delirio a pedir a súa detención, cousa imposible por mor de que estes rexedores están, na súa maioría, aforados aos ser parlamentarios.

Ofensiva que se estende aos Mossos d'Esquadra, a Garda civil e a Policía nacional a quen a citada Fiscalía, por medio da Fiscalía Superior de Catalunya, ordena intervir urnas e material electoral pro-referendo. Ao tempo ameázase coa Lei de Enxuizamento Criminal a todos os cidadáns de Catalunya que promovan o referendo considerando que quedan fóra da lei e que poden incorrer nos delitos de desobediencia, prevaricación e malversación de caudais públicos. Delitos que poden estar penados con ata oito anos de cadea. (..). Unha ameaza que, como se pode ver estase estendendo por toda España.

Coido non esaxerar ao afirmar que esta desmesura da Fiscalía do Estado, cuxo titular nomea o goberno, tráenos por momentos a memoria ao TOP da sinistra ditadura franquista e a cuxo réxime, non por casualidade, pertenceu por caso o fundador do partido (PP) que á fronte do goberno español está aplicando tales medidas.

Ofensiva político-xudicial que tamén se estende ao eido financeiro e fiscal. Trátase por parte do goberno español (PP) de afogar financeiramente a Generalitat de Catalunya, buscando así obrigala a dobrar os xeonllos. Con este obxectivo o goberno español vén de aprobar a intervención directa das contas da Generalitat tal que na realidade supón un control dos pagos, das operacións financeiras e das contratacións ao tempo que unha conxelación daqueles gastos que non sexan destinados a servizos básicos. Unha medida que supón, de feito, segar a xa limitada soberanía financeira da Generalitat e, xa que logo, a súa autonomía política derivada do Estado das autonomías que é España.

Coido non equivocarme sinalando que é a primeira vez na actual democracia española que se toman medidas de tal calibre. Medidas cuxa desmesura só se pode pode cualificar como un delirio totalitario por parte dun goberno e un partido (PP) que, mostrando a súa auténtica faciana neofranquista, están poñendo en grave risco os dereitos e as liberdades democráticas tanto en Catalunya como en toda España.

Neste contexto cabe lamentar o morno comportamento dun partido (PSOE) cuxa dirección actual non parece estar a altura nin das circunstancias nin da súa magnifica historia en defensa dos dereitos e das liberdades democráticas. O seu apoio ao goberno español (PP), co argumento de que "hai que cumprir a lei", non ten xustificación posible, xa que agora son os dereitos e liberdades democráticas os que están realmente en perigo e por mor do comportamento do goberno español (PP) que está sometendo a Catalunya a un auténtico "estado de sitio", algo inaceptable para calquera demócrata. En relación a C's so cabe subliñar que non cabía agardar do mesmo outra actitude visto o seu comportamento en Catalunya. Crítica que hai que estender a moitos medios de comunicación galegos e españois que, nesta conxuntura, volven a alindarse co máis rancio conservadorismo español –neofranquismo- esquecendo o papel que lles debera corresponder como defensores das liberdades e os dereitos fundamentais dos cidadáns galegos e españois.

En senso contrario gabar a postura e o comportamento de partidos de esquerdas galegos (En Marea e BNG) e españois (Unidos Podemos) que si son quen de aliñarse cos demócratas cataláns o que, neste intre, é aliñarse a prol da democracia e as liberdades non só en Catalunya senón en toda España.

Sobre o comportamento do presidente da Xunta de Galiza (A. Núñez Feijoo) e o seu goberno (PP), que se pode dicir ademais de que volven, unha vez máis, poñer en evidencia que o seu concepto das liberdades e a democracia é, sendo suaves, moi limitado? Galiza non merece este goberno que chegado o caso sería quen de vender a autonomía galega e a liberdade dos galegos por mor dos seus exclusivos intereses partidarios. Que diferente está sendo, por caso, o comportamento do goberno vasco (PNV)!

Hoxe é Catalunya e, de non cambiar as cousas, mañá quen será...?

Manoel Barbeitos

2 comentarios:

FUNDACIÓN LUÍS TILVE dijo...

Como responsable del blog indico:el presente árticulo se publica porque la trayectoria del autor certifica su defensa de la Democracia sin duda alguna. Pero no puedo dejar de señalar un grave error, en ninguno de los documentos oficiales de reconocimiento de derechos, internacionalmente aceptados, existe "el derecho a decidir". Y ello a pesar que la muy extensa y reiterativa publicidad así lo está vendiendo, en favor de los que en opinión de este responsable están cometiendo un fraude antidemocrático, que bordea el simple Golpe de Estado.
Independientemente de lo anterior, no es aceptable que un derecho del que son titulares 47 millones de ciudadanos sea usurpado, por una minoría que apenas llega al 5 o 6% de esos ciudadanos.
Los errores y abusos de un gobierno lamentablemente reelegido a pesar de su corrupción, no pueden hecer olvidar ese hecho determinante: fue elegido en un proceso democrático
Isidoro Gracia

L. de Guereñu Polán dijo...

GUEREÑU DIJO: A LOS INDEPENDENTISTAS CATALANES, COMO AL RESTO DE LOS ESPAÑOLES NO SE LES HA PRIVADO DE DECIDIR NUNCA EN EL ACTUAL RÉGIMEN POLÍTICO. LO QUE NO PUEDEN DECIDIR, POR EJEMPLO, ES ESTABLECER LA PENA DE MUERTE, SENCILLAMENTE PORQUE LO PROHIBE LA CONSTITUCIÓN. SE DECIDE CUANDO SE VOTA EN ELECCIONES LEGALES Y CONVOCADAS POR QUIEN TIENE PODER PARA CONVOCARLAS, NO POR CUALQUIERA. YO, POR EJEMPLO, NO TENGO PODER ALGUNO PARA CONVOCAR UNAS ELECCIONES, EN ESTO EL SEÑOR PUIGDEMONT MANDA TANTO COMO YO, EN OTRAS COSAS MANDA MÁS... CATALUÑA PUEDE ALGÚN DÍA SER INDEPENDIENTE CUANDO SE MODIFIQUE LA CONSTITUCIÓN Y ESTA LO PREVEA ASÍ, PERO PARA ELLO NO VALE SOLO A OPINIÓN DE LOS INDEPENDISTAS, SINO DE TODOS LOS ESPAÑOLES, ENTRE ELLOS LOS CATALANES. LA VÍA INSURRECCIONAL TAMBIÉN ES POSIBLE, PERO PARA ELLO HACE FALTA TENER AL PUEBLO DETRÁS, LO QUE NO OCURRE HOY.