jueves, 30 de abril de 2020

A CONMEMORACIÓN DO 1º DE MAIO

1º Maio en Corcubión en 1936
Unha vez máis conmemoramos o 1º de maio. Este ano nunhas circunstancias moi especiais a causa do drama sanitario que estamos vivindo. Por isto reivindícase o cumprimento da normativa en materia de riscos laborais, no marco de “outro modelo económico e social”, e unha maior protección para as persoas, así como un recoñecemento comprometido ós traballadores dos servizos esenciais e  demándase a atención ós traballadores sen ningún tipo de percepción, segundo o compromiso do Goberno de “non deixar a ninguén atrás”

As reivindicacións do 1º de maio inícianse a partir da resolución do Congreso Obreiro Socialista da II Internacional de París de 1889, no que participa Pablo Iglesias representando a UGT e ó PSOE. A xornada quere lembrar a loita sostida polos traballadores americanos, que padecían xornadas de 10 e ata 14 horas, en maio de 1886 en defensa das oito horas de traballo. A folga, iniciada, o 1º de maio prolongouse durante varios días en Chicago. O día 4, despois dunha manifestación pacífica, e cando a policía pretendía a súa disolución, produciuse a explosión dun artefacto que matou a un oficial de policía e esta disparou contra a multitude causando 38 mortos e 115 feridos.

A represión dos días posteriores foi brutal. Centenares de traballadores foron detidos, golpeados. Finalmente culpouse a oito deles (varios exercían como periodistas) nun xuízo sen garantías de ningún tipo. Catro deles foron executados na forca e un se suicidou. Os tres restantes resultaron condenados a cadea perpetua e traballos forzados. En 1893, á vista do gran escándalo que causou o xuízo, revisouse este e foron declarados inocentes. Os presos sobreviventes puideron saír da cadea.

A reivindicación dou lugar a que, no mesmo maio de 1886 unha parte da patronal accedese á instauración das 8 horas. En España habería que esperar a 1919 para que se promulgara un Decreto instaurando legalmente a xornada de 8 horas, o mesmo ano que se produciu en Francia.

A partir da resolución do Congreso de París en 1890 conmemórase o 1º de maio en lembranza dos “mártires de Chicago. En España ten lugar a primeira gran manifestación, que reúne a 30.000 traballadores en Madrid, pola xornada de 8 horas, contra a explotación infantil, o descanso semanal de 36 horas e a mellora, en xeral, das condicións de traballo. Como conclusión da manifestación Pablo Iglesias fixo entrega Ó Presidente do Goberno, Práxedes Mateo-Sagasta, dun documento coas reivindicacións obreiras. En Galicia as sociedades de oficios de UGT de Ferrol conmemoran o día cunha concentración e unha xornada de confraternización.

En anos sucesivos os actos do primeiro de maio en España tiveron diversas vicisitudes, pois a maior parte das veces o Goberno permitiu unicamente que se realizaran en locais pechados. Así en tódalas localidades importantes fóronse realizando mitins, nos que participaran os líderes sindicais máis recoñecidos. Coa proclamación da II República o 14 de abril de 1931, o primeiro de maio recuperou a rúa. A manifestación de Madrid foi multitudinaria e tamén as manifestacións de Vigo e A Coruña, como o foron tódolos primeiros de maio ata 1936, cando se fixo especial fincapé no programa de medidas do Frente Popular.

O franquismo transformou o primeiro de maio no “San José obrero” con demostracións lúdico-deportivas, que presidía o ditador e prohibiu calquera outro tipo de manifestación.

A pesar de que en 1976 tivera lugar o XXX Congreso de UGT en Madrid, aínda en 1977 cando se intentou celebrar o primeiro de maio en Madrid e en toda España con manifestacións cunha importante participación, estas foron reprimidas pola policía. Ata 1978 non sería posible realizar manifestacións legais, que ese ano reuniron a centos de miles de traballadores e que se celebraron conxuntamente entre UGT e CCOO como xornada internacional dos traballadores.

As organizacións internacionais de Sindicatos como CSI (Confederación Internacional de Sindicatos) ou a CES (Confederación Europea de Sindicatos) confirman o internacionalismo da loita dos traballadores e apoian a celebración conxunta destas datas na defensa da xustiza social, a paz e a igualdade e reivindican un cambio de modelo produtivo, as inversións en enerxías renovables, o fin da precariedade laboral da pobreza e da inseguridade, unha política migratoria solidaria e a atención ós refuxiados, que provoca a violencia.

Roxelio Pérez Poza

No hay comentarios: