“Hoy celebran los proletarios de todo el mundo su festividad, pero no es esta una jornada vulgar de holganza y jolgorio, no siguen con esa fidelidad los obreros el ejemplo de otros estamentos sociales. Por el contrario, consagran casi totalmente las horas de la tregua a renovar sus aspiraciones emancipadoras. Cada Fiesta del Trabajo es un reflorecer optimista de ideales en las conciencias maceradas de los forjados en el taller y la fábrica”. Así recollía a prensa obreira pontevedresa o 1º de Maio de 1924. Unha efeméride que empezara a conmemorarse na cidade do Lérez nos derradeiros anos do século XIX, ó igual que nas outras principais localidades de Galicia, en reivindicación das “ocho horas de trabajo, ocho horas de reposo e ocho horas de educación” (que hoxe diríamos de ocio ou formación).
En 1900, a Festa do Traballo xa se convertera en todo un acontecemento na capital, con actos que ocupaban toda a xornada e que se irían repetindo, con pequenos cambios, ó longo dos seguintes anos. O día comezaba cunha salva de “bombas de reales”, sobre as 7 da mañá. Logo reuníanse os traballadores na Federación ou Centro obreiro para iniciar a manifestación, que percorría as rúas da cidade coa “banda popular” tocando “dianas e alboradas”, precedida dos abandeirados das distintas sociedades obreiras. A concentración, seguida dunha “muchedumbre inmensa” e durante a que se repartían folletos, chegaba entón ó lugar onde se celebrarían os actos. Este papel o xogaron diversos locais ó longo dos anos, o Teatro Principal, o Coliseum (desaparecido cine en García Camba), a Praza de toros (nos anos 30), ou o Circo-teatro (sala de espectáculos de madeira edificada en 1900 nos actuais Xardíns de Vicenti). Este último, que foi o local utilizado entre 1903 e 1915, contaba cunha bancada circular, palcos e unhas 300 cadeiras na pista central, o que sumaba un aforo para unhas 1000 persoas, que se enchía cada 1º de Maio, o que denota a alta participación dos traballadores xa naquelas datas.
O local se engalanaba cos estandartes ou bandeiras das diferentes sociedades obreiras e sociedades agrarias, da "Federación de Trabajadores" ou do Orfeón, que se colocaban detrás da mesa presidencial, onde se sentaban os representantes das organizacións obreiras. En nome da autoridade soia estar presente o Inspector de Seguridade.
Entre as 9 e as 11 horas, segundo o ano, iniciábase o acto. Este soia comezar coa banda de música, que interpretaba dende pasodobres á Marsellesa ou o himno de Riego. Seguíalle a actuación do orfeón obreiro (en 1913 foi o orfeón de “la Artística”, e en 1934 un coro de mozas socialistas), que cantaba a Internacional, entre outros temas. Logo tiña lugar unha pequena representación teatral dalgún monólogo ou obra de carácter social, xeralmente dalgún autor socialista, que era interpretado polos propios afiliados das sociedades (en moitos centros obreiros había un grupo de teatro). Nalgunha ocasión recitábanse poemas, como os escritos polo militante Rogelio Lois, en 1902, para pasar finalmente ó mitin, cuxas disertacións eran aclamadas con “ruidosos aplausos”.
Os discursos, nos que tomaban a palabra os representantes das sociedades (carpinteiros, canteiros, agricultores, metalúrxicos... ), na súa maioría adscritas á UGT ou de ideoloxía socialista, facían referencia xeralmente a solidariedade, animaban a “que los obreros intelectuales formen un apretado haz con los manuales”, e ensalzaban a ciencia e o traballo. As críticas ó clero, “los parásitos que chupan la sangre del pueblo”, tamén eran moi habituais, con recoñecibles vellas reclamacións, como a que facía Rogelio Casal, de Marcón, en 1902, criticando os 40 millóns que o Estado tiña consignado para a Igrexa e solicitando se suprimiran, xa que esta xa cobraba do pobo.
No transcorrer dos anos as peticións dos traballadores foron variando pero tamén se mantiveron vellas reclamacións, como a xornada de 8 horas. Algunhas das demandas máis reseñables daqueles tempos foron: a eliminación da rebaixa aduaneira á carne estranxeira, a educación e a instrución fundamentais para o avance da clase obreira (1902), o desarme das nacións para evitar o derramamento de sangue (1904), leis que protexan á clase traballadora (1905), o cumprimento do descanso dominical, a redención forzosa dos foros, a non intervención militar en Marrocos (1911), o fin da Gran Guerra (1916), a realización de obras que deran ocupación os parados, o abaratamento das subsistencias, a derrogación da Lei de xurisdicións (que poñía baixo xurisdición militar as ofensas orais ou escritas á unidade da patria, a bandeira ou o honor do exército), extensión da lei de accidentes de traballo ós campesiños, a redución do horario comercial, a supresión do traballo nocturno dos panadeiros, a aprobación do código mineiro e do regulamento do traballo no mar, a responsabilidade da Garda Civil na represión dos obreiros, a desmilitarización dos conflitos sociais en Cataluña, a apertura dos centros obreiros clausurados, reducir o retiro ós 60 anos cunha cota mínima de 2 pesetas, a promulgación da lei contra o paro forzoso e a lei de cooperativas, a creación dunha Escola de Artes e oficios (1929) ou a concesión de amnistía para os presos por conflitos sociais. Estas peticións, recollidas nun escrito, eran logo entregadas no Goberno Civil, ó remate do acto, ó gobernador, para que as fixera chegar ó Presidente do Consejo ou cargo similar.
Aínda que as mulleres non parecen xogar un papel destacado na loita obreira daqueles anos pola constante presenza de líderes masculinos, especialmente nos documentos, moitas fontes o desmenten, demostrando a súa importante participación, ás veces incluso máis numerosa que a dos homes, como recollen as crónicas da época: “Mucha presencia de mujeres”(1904). “Las sillas y palcos hallábanse ocupadas en su totalidad por mujeres e hijas de obreros y en el resto de los asientos se apretujaba la demás concurrencia” (1914).
En 1919 a "Juventud Socialista" de Pontevedra organizou tamén unha actuación teatral á noite, ás nove e media no Circo-teatro, con motivo da presentación da súa bandeira. A obra representada foi a comedia dramática “Salvaje”, do autor socialista E. Torralva Beci. O importe da entrada se destinou á adquisición dunha biblioteca profesional-obreira e científico-social”.
A celebración non remataba co acto principal, senón que, á tarde, sobre as 16 horas, a banda municipal, acompañada polos traballadores e os seus estandartes, realizaban o que chamaban unha “xira” ó arrabalde do municipio ou a outras parroquias, onde se organizaba unha festa campestre ata altas horas da noite, na que se bailaba coa “más franca alegría”. Aínda que a mesma se fixera en lugares como Salcedo (1903), a Caeira (1913), ou Monteporreiro (1934), xeralmente o lugar escollido era a carballeira de Santa Margarita (ininterrompidamente entre 1904 e 1910), á que chegaban subindo pola estrada de A Seca. “Una verdadera fiesta jolgorio” que non se perdoou nin en 1908, cando caeu unha forte treboada. Só a Gran Guerra motivou a suspensión da romaría entre 1915 e 1919, ó considerar que non había fundamento para a festa. En 1914, antes de comezar a festa se procedeu á colocación da primeira pedra do edificio da Sociedade de Agricultores de Mourente, tomando a palabra o compañeiro Manuel García.
Nos primeiros anos a estes actos achegábanse obreiros doutras localidades, cuxos representantes tomaban a palabra nalgunha ocasión, ó que se sumaba a participación de líderes obreiros de Vigo, en especial deputados ou cargos políticos de renome. Sen embargo, a partir dos anos 20 moitos destes actos comezan a facerse tamén en pequenas localidades, como Marín, Cangas, Xeve ou Bueu, o que fai que esta asistencia decaia, pero non así a colaboración. Deste xeito en 1932 son os socialistas pontevedreses os que se desprazan a intervir en actos que tiñan lugar en Vilaboa, Cerdedo, a Illa de Arousa, Redondela, Cangas, San Adrián, Cerdedo, Xeve, Pontecaldelas. Algúns destes oradores eran Luis de Sáa, Francisco Tilve, José del Río, Germán Adrio.
Todos estes actos transcorreron xeralmente sen acontecementos desagradables, o que segundo a prensa da época facía “resaltar la cultura de nuestra clase obrera”, a excepción do ano 1935, no que as autoridades prohibiron a celebración da festa do traballo, levando a cabo detencións por repartir propaganda declarada ilegal. En 1936, na Praza de Toros, tería lugar o último 1º de Maio ata a recuperación das liberdades democráticas en España.
Un dos oradores que visitara Pontevedra foi o líder obreiro vigués, deputado socialista e Presidente do PSOE, José Gómez Osorio, que nas súas alocucións manifestara que “El 1º de Mayo es, para el mundo trabajador, la fecha que la clase obrera dedica a revisar sus condiciones de vida y de trabajo en el país en que vive, a examinar su situación de conjunto en el orden internacional, a pensar en el crimen colectivo que la guerra significa, a manifestar su repulsa frente a quienes cercenan la libertades públicas, contra los reaccionarios que pretenden hacer de la enseñanza un rito confesional, a condenar todo régimen político de despotismo y dictadura. Y formula las conclusiones de sus aspiraciones, afirmando su decidido propósito de lograr el triunfo del socialismo, para terminar así con el antieconómico régimen capitalista, que produce la miseria y el dolor que sufre la humanidad. Es fiesta de civilidad, en la que el pensamiento de la clase explotada de cada país, traspasando las artificiales fronteras, expresa el más firme sentimiento de solidaridad proletaria”.
GUILLERME PÉREZ AGULLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario