domingo, 12 de noviembre de 2017

Unha mala administración educativa





Hai un xiro evidente coa aprobación da “Lei de Calidade da Educación”, recentemente en vigor, e as leis educativas anteriores, particularmente a LOMCE e a LOE (Lei Orgánica de Educación esta última). A principal variación consiste en considerar como prioritaria a atención á diversidade ou a excelencia. Nunha sociedade plural, na que todos os nenos e adolescentes ata os 16 anos deben estar escolarizados, pretender a excelencia é unha forma de discriminación institucionalizada, pois non todos parten das mesmas condicións para acadala: situación familiar, capacidades intelectuais, problemas engadidos, situacións persoais dos alumnos (problemas de atención, síndromes coma o de Asperger…). En todos os países que teñen recoñecida a educación universal, sen distinción para todos os nenos e adolescentes, a atención á diversidade é unha premisa inexclusable.

O concepto de “calidade” da educación queda baleiro, pois, se, por exemplo, a ratio alumnos profesor vai en aumento nos últimos anos: ata mediados dos anos noventa pasados chegáramos a unha ratio de 25 alumnos por aula nuns casos e 18 noutros (agás nas disciplinas optativas, cuxo número de alumnos podía ser inferior a dez). Hoxe, sobre todo nos cursos inferiores da educación secundaria, o número de alumnos elévase a 30 por aula ou máis. Isto é un inconveniente insalvable por varias razóns: os alumnos empezan unha nova etapa da súa formación con sensibles diferenzas respecto á educación primaria; máis autonomía, menos control, novas expectativas… pero ós Institutos chegan alumnos de moi diversas procedencias: nenos e adolescentes xitanos, fillos de médicos ou profesionais, fillos de familias desestructuradas, alumnos con problemas específicos… Eses alumnos –precisamente por tratarse dos cursos inferiores- necesitan atencións que nunha aula tan saturada non se poden dar. Os profesores, nos primeiros meses, adoutan facer avaliacións iniciasis onde se aprecian as carencias, preparación ou dificultades duns e outros. Cando se detectan os casos que máis atención necesitan, como facelo e o mesmo tempo atender a marcha do curso dos restantes alumnos? Tal “calidade”, polo tanto, non é maís cunha palabra retórica que non ten reflexo na realidade, mesmo tendo os profesores –cando é así- o máximo interés e preparación para atender estas necesidades. Volveri sobre este asunto da calidade na educación en sucesivos párrafos.

Unha educación como a que se pretende en Galicia e no resto de España, onde os alumnos deben formarse cívicamente, adquirir destrezas tecnolóxicas, de traballo intelectual, sensibilizarse en cuestións coma o medio ambiente, o sexismo, a guerra e a paz, etc., debe contar cuns RECURSOS que os administradores públicos non subministran (tanto en España como en Galicia en particular) pois é evidente que unha educación universal é CARA, pero é unha inversión para que o país mellore no futuro. Estes recursos escasos están relacionados coa merma de profesores que se ten sufrido nos últimos anos: xubilados que ven amortizadas a súas prazas, profesores enfermos que non son substituídos por outros se non se trata de baixas superiores a quince días, o aumento da ratio alumnos/profesor da que xa temos falado. Pero hai Institutos que non contan cun ximnasio axeitado, que non están dotados cos medios tecnolóxicos que as necesidades actuais esixen: ordenadores (en moitos casos están obsoletos), proxectores de opacos, pantallas dixitais… se queremos que os alumnos se formen nas novas técnicas de información e comunicación. A falta destas destrezas leva a que os alumnos conciban os ordenadores e tabletas como instrumentos de xogo ou adocenamento, máis que para a súa formación.

En relación coa atención á diversidade –cuxa premisa é básica desde unha perspectiva social- a administración educativa en Galicia está eliminando a marchas forzadas os profesores de pedagoxía terapéutica, aqueles que máis formación teñen e que se ocupan dos alumnos con problemas específicos (xa citamos os que sufren situacións familares, intelectuais, complexos, síndromes, autismo, atención, etc.). Estes profesionais, que se consideraban na LOMCE coma un instrumento fundamental, están hoxe reducidos a un por Instituto (pódense citar varios casos como exemplos). Estes profesores –pero non só- adoutan facer adaptacións curriculares para facilitar a aprendizaje por parte deses alumnos, considerando cales son os obxectivos mínimos que permitan unha formación que os afaste do analfabestismo funcional: aprender a facer unha instancia, corrixir as faltas de ortografía, lectura de mapas e gráficos, redacións odenadas, destrezas nas disciplinas instrumentais (matemáticas e linguas), e o máis importante, detectar cales son os gustos, as propensións destes alumnos con vistas a súa integración no mercado laboral logo dos 16 anos. É evidente que un só profesor por centro non é dabondo para tan complexa tarefa. Parecería que a administración educativa de Galicia concibe o ensino como un trámite: os centros funcionan, ben ou mal, pero funcionan, sobre todo polo voluntarismo do profesorado e pola destreza dos alumnos máis aventaxados.

Nos últimos anos se reciben nos centros inmigrantes das máis diversas orixes: Europa do leste, Magreb, Iberoamérica, que necesitan atencións para as que os centros non dispoñen de recursos (a falta de profesorado e a paulatina desaparición dos profesores de pedagoxía terapéutica entre outros). É necesario facer unha avaliación do tipo de educación existente nos países de orixe, as potencialidades que poden ser aproveitadas nestes alumnos: como atender a isto con mermas contínuas de profesores?

A atención individualizada é outro dos principios que as leis educativas máis avanzadas recollen: alumnos para os que o profesor debe ter preparados exercicios específicos, atendelos de forma individual, seguir un ritmo distinto que coa maioría dos alumnos…. Isto non é posible se o número de profesores é cada mez menor nos centros. É certo que existen os agrupamentos de alumnos con máis necesidades, pero isto é insuficiente na complexidadade da educación actual.

Os horarios –e isto é tamén responsabilidade dos centros- non son en moitas ocasións pedagóxicos; quero dicir, as disciplinas non teñen todas as mesmas cualidades e as mesmas dificultades: a música, a tecnoloxía, a educación física, a informática… teñen un compoñente lúdico que contribúe a “entusiasmar” ou atraer o alumno, polo que as clases deben estar intercaladas destas disciplinas, deixando para as primeiras horas outras cun grao maior de abstación: matemáticas, lingua, historia, filosofía… Isto plantexa problemas de organización nos centros, pero, non sendo posible que todos os alumnos teñan as primeiras clases das disciplinas cun maior grao de dificultade teórica, é posible que sexan as segundas, as terceiras… E isto está en consonancia cos horarios das clases, que por intereses alleos o fenómeno educativo, adoutan concentrase en xornadas matutinas, desbotando as xornadas vespertinas porque as familias desexan que os seus fillos (isto, sobre todo, nos Institutos urbanos) fagan outras actividades interesantes, pero que non poden poñerse por diante das regradas oficialmente.

Mesmo os horarios –sobre todo nos Institutos que necesitan transporte escolar- se teñen feito en función dos instereses comerciais das empresas que prestan o servizo de transporte, batalla na que moitos profesores estivemos involucrados cun éxito só relativo. A hora de entrada, moi cedo –en Institutos situados lonxe de núcleos de poboación- non é un asunto menor cando se trata de nenos de 12 ou 14 anos; como non é un problema menor que os alumnos regresen as súas casas ás 15 horas (hai exemplos dabondo) cando os seus país terán que ausentarse e a sociabilidade familiar queda resentida.

Para a formación do profesorado, a Xunta de Galicia non homologa senón aqueles cursos que ela mesma organiza, os sindicatos e algunhas organizacións meritorias, pero non todas necesarias. Máis que os cursos demandados polos profesores, a Xunta adoita ofertar cursos para favorecer ós responsables de impartilos, sen interés para o conxunto. Isto, que pode considerarse unha apreciación subxectiva, é algo detectable fácilmente se se realiza unha mera cata nos centros. O dito é aínda máis paradóxico por canto cursos organizados e impartidos por Universidades, non son homologados pola Xunta de Galicia.

Cos alumnos que elixen certas disciplinas coma opotativas cométese un agravio: a Xunta estableceu unha norma pola que o número mínimo de demandantes para que o centro poida ofertar unha optativa debe de ser 10. É evidente que non é o mesmo un Instituto de 1.000 alumnos que outro de 500, polo que os deste último quedan discriminados. Sería máis lóxico e xusto que a esixencia fose unha porcentaxe sobre a matrícula, suxestión que xa se ten feito ás autoridades educativas sen éxito. Particularmente son moi demandadas disciplinas como Historia da Arte a Literatura Universal, pero tamén hai outas como Ciencias da Terra ou Xeoloxía que se quedan “sen alumnos” porque os centros están obrigados a cumplir con aquela absurda esixecia.

Un dos aspectos máis lacerantes é o da impartición de disciplinas por profesores que non son especialistas, situación que se dá aínda máis frecuentemene no ensino privado. Así encontramos a profesores de matemáticas impartindo clase de tecnoloxía ou de informática, a profesores de física impartindo clase de matemáticas, a profesores de historia impartindo música, de lingua impartindo historia… Que clase de calidade é esta? Como comprometer a un profesor cunha disciplina en cuxa programación didáctica non participou? Como se pode concebir que un profesor pertenza a dous departamentos distintos, o propio e aquel para o que se lle considera afín? Neste asunto non podemos dicir que o ensino público estea por riba do privado, ademais de ser un agravio para aqueles profesores que se ven forzados a aceptar un posto de traballo destas características.

Unha programación didáctica é o conxunto de previsións que, para un curso académico, fan os profesores dunha disciplina tendo en conta todo o currículo da mesma: contidos, exercicios, obxectivos, metodoloxía, técnicas a empregar, actividades complementarias e auxiliares. Os profesores que non están familiarizados coas programacións didácticas de disciplinas das que non son especialistas, non poden imprimir a calidade que os alumnos necesitan e a sociedade demanda.

Cuestión aparte é a que padecen os centros de educación para adultos, conquista social á que non podemos renunciar, pero que se encontra, hoxe, afastada de toda calidade e coherencia. Establecida esta ensinanza para alumnos maiores de idade ou maiores de 16 anos que se encontren traballando legalmente, existen dúas modalidades: presencial e a distancia. No primeiro caso os alumnos reciben clases totalmente insuficientes (unha por semana) en bacharelato (suficientes en educación secundaria), aparte das titorías nas que os alumnos son atendidos en aspectos metodolóxicos e outros que demanden. A formación é totalmente deficiente nestes centros, existindo unha conciencia por parte do profesorado de que se trata de alumnos –na maior parte dos casos- que necesitan o título para promocionarse profesionalmente ou que se encontran en paro laboral. Aquí non hai ningún tipo de coordinación por parte da Inspección educativa, observándose como, en determinados meses do ano, unha morea de alumnos que proceden dos diversos concellos de Galicia, acuden a exames con resultados deplorables. É coñecida a alta taxa de paro que sufre España, e non é este o lugar onde profundizarei nas súas causas, pero unha delas é a escasa cualificación de persoas cuxas idades están ente os vinte e corenta anos. O ensino para adultos, en Galicia, non cumple os obxectivos que se esperarían dun país avanzado e necesitado dunha mocidade suficientemente cualificada. Como é sabido, o que se demanda no mercado laboral hoxe, é cualificación, non é dabondo cun barniz enganoso.

Un dos problemas máis graves que padece a educación en Galicia é a existencia permanente dunha bolsa de profesores interinos que se prorroga ano tras ano porque a Xunta de Galicia non convoca as oposicións que lles permita obter en boa lid unha praza como numerarios. O profesor interino é un fraude á sociedade non porque el o desexe, senón porque vese impelido a cumplir unha función acomodaticia para a administración educativa, ademais de constituir un agravio permanente para os licenciados en paro que aspiran a un traballo na educación.

É unha evidencia que a Formación Profesional ten acadado unha calidade, na actualidade, que non tiña hai vinte anos, por exemplo, pero tamén é constatable que a Xunta de Galicia adoita conceder os ciclos formativos máis especializados e “selectos” (poderíamos dicir) a centros privados, concertados ou non, en detrimento dos públicos: xardinería, acuicultura, preimpesión dixital, instalacións electrotécnicas…

Nalgúns centros adoitase concentrar os alumnos máis aventaxados nunha mesma aula (ensinanza bilingüe) para os que se organizan viaxes a diversos países de Europa, en exclusiva, non ofertándose os mesmos a alumnos do mesmo nivel pero que non cursan a ensinanza bilingüe. É unha mágoa ver a estes alumnos cando son excluidos dunha actividade á que, se non aceptamos esta discriminación, teñen dereito. É outro labor da Inspección educativa que se bota en falta.

L. de Guereñu Polán. 



No hay comentarios: